29 de abril: domingo 5º de Pascua
Evanxeo: Xn 15, 1-8
Meditación
Xesús era un home de aldea; demostra ser unha persoa atenta ao que sucede na natureza, e namorada de Deus e da xente, ata o punto de que en todo vía el sinais, comparanzas coas que poder entender a marabilla das nosas vidas. A cepa (Xesús mesmo, Deus), as varas (cada un, cada unha de nós), os froitos (unha vida abundante en ben, en honradez, en xustiza, en liberdade, en humildade, en ousadía), e unha dinámica interna profunda: a “savia” (a forza do Espírito), que de Deus chega a nós a través de Xesús e nos capacita para todo ben.
A clave de todo este proceso de frutificación nas nosas vidas está na nosa vinculación con Xesús, cousa que o evanxelista resume nesa palabra fundamental: permanecer, palabra que aparece ata sete veces neste pedaciño de evanxeo. Onte coma hoxe a vitalidade dunha persoa, dunha comunidade cristiá, do conxunto de Igrexa depende de se estamos ou non enganchados, conectados a fondo a Xesús. Por iso, nestes momentos de tanta fraxilidade nas comunidades cristiás, o berro que nos chega de parte das persoas máis proféticas da Igrexa é simplemente ese: volver a Xesús.