15 marzo, 2018

Tempo de Coresma: 5ª semana


18 de marzo: domingo 5º de Coresma

Evanxeo: Xn 12, 20-33

Meditación

A xente do campo sabémolo ben. Se un gran de trigo ou un cachelo de pataca, ou calquera outra semente, son botados na terra, e polo que sexa, non se descompón para que o xermolo apareza, daquela non produce nada. Pero, desfacéndose para que a nova planta xermole, daquela haberá froito. Esta imaxe tan simple e tan clara valeulle a Xesús para explicar o sentido da súa vida e da súa morte: non era unha derrota estéril, era a oportunidade de producir vida para si mesmo, para os demais. Por iso mesmo, a súa morte, aínda que dolorosa, foi o momento do seu triunfo, da súa gloria.
Estamos ante o máis fundamental da persoa de Xesús. Así entendía el a vida e así a vivía: desfacerse para que outros poidan vivir; nisto atopaba tamén el a mellor vida, a maior gloria. E isto estaría ben que fose o que máis nos distinguise tamén a quen dicimos que o queremos seguir. Dar a vida podémolo facer de mil maneiras, na vida familiar, na vida parroquial, no traballo polo común, na participación social… A tentación vennos sempre de querer mirar por nós, polo noso engorde, e pasar de todo o que aconteza ao noso redor.

Oración

Que as túas palabras
penetren ata o máis fondo do meu ser, Xesús.
Que me labren,
me quiten a obsesión por min mesmo
e me deixen limpo e espido
para andar contento polo camiño do servizo.
Que saiba aprender de ti, Xesús,
e de todas as persoas
que aman servindo,
e que serven amando;
sen caer nunca na trampa maldita
de converter o servizo
en ningún sometemento destrutor.
Coma ti, Xesús,
simplemente coma ti.

Acción

Se somos honest@s connosco, é doado comprobar se vivimos só en función do noso crecemento persoal egoísta, ou se vivimos querendo medrar servindo, gozando coas medras de quen nos rodea. Seguro que nalgunha cousa podemos cambiar algo na dirección marcada por Xesús.


19 de marzo: luns da 5ª semana de Coresma. Solemnidade de San Xosé.

Evanxeo: Mt 1, 16.18-21.24a

Meditación

Quen era Xesús, por que estaba tan cheo do Espírito de Deus, como é que foi capaz de levar unha vida de tanto servizo, tan dada a refacer vidas a fondo coa forza que vén de Deus…, estas e outras preguntas tales estaban na mente das persoas que o coñeceron, fosen ou non fosen seguidoras del, e estas preguntas aparecen con frecuencia nos evanxeos.
O relato de hoxe é unha resposta a esta pregunta. Era así Xesús, porque foi sempre unha persoa moi fiel ao Espírito de Deus, o Espírito Santo, ata o punto de poder dicir que el era en todo feitura do Espírito Santo. Como é posible que unha persoa humana se deixe levar en todo polo Espírito Santo? É un misterio provocador, estimulante, que necesitou apoios humanos para realizarse; e aquí entran de forma imprescindible María e Xosé, coa súa particular maternidade e paternidade vital, espiritual. O que xerou a Xesús e o fixo fillo de Deus en todo, tamén pode facer de nós fillos e fillas de Deus moito máis a fondo do que o somos no presente. Tamén nós necesitamos Marías e Xosé ao noso carón.

Oración

Quixera ser persoa xusta, como Xosé,
que lle quería moito á súa muller, María,
e pensaba máis nela ca en si mesmo.
Quixera ser persoa escoitadora, como Xosé,
que ante os problemas da vida escoita no seu íntimo
a voz secreta que todos levamos dentro.
Quixera ser persoa disposta, como Xosé,
que actúa rapidamente conforme lle dita o corazón.
Quixera ser bo marido como Xosé,
que coa súa muller María converten a súa familia nun espazo de Deus,
en todo.
Benditos Xosé e María,
mestres de vida familiar!

Acción

Estamos espertando do tremendo machismo que tanto mal fixo nas familias e na sociedade. Podiamos pararnos un pouco coa nosa parella a falar claramente de como levamos isto entre nós, e tamén, se queremos, de cómo facemos da nosa casa un espazo aberto a Deus.


20 de marzo: martes da 5ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 8, 21-30

Meditación

Non nos interesa debater teoricamente quen foi ou non foi Xesús, de onde veu ou de onde deixou de vir. O que nos fai ben é achegarnos á súa persoa, á súa vida, entrar nela dentro do posible, deixarnos tocar por ela, e experimentar o que Xesús é capaz de facer en nós cando nos achegamos a el co corazón aberto, coa vida nas mans.
Se o facemos así, caeremos na conta de que Xesús non é un bicho raro caído do ceo, senón unha persoa humana coma nós, pero chea a tope do Espírito de Deus; sempre obediente á voz de Deus que escoitaba de mil maneiras na vida, sobre todo andando enredado coa xente máis débil; un home que falaba e facía sempre conforme o Pai lle ensinaba na escola da vida; un home que sempre se sentiu acompañado por Deus. Por iso a cruz non foi o lugar da súa derrota, senón o lugar onde triunfou nel o ser de Deus que levaba no seu seo.

Oración

Veño á túa escola, Xesús,
como sendo neno/a ía á escola da miña mestra.
Veño á túa escola,
para que me aprendas
a facer non o que a min me pete,
senón o que o Pai do ceo nos ensina
a partir da vida e da xente que nela nos acompaña.
Veño onda ti para que me aprendas
ser feliz coma ti
pensando no ben dos demais,
e traballando polo ben común.
Veño onda ti, Xesús,
para aprender contigo
iso de sentirse sempre ben acompañado por Deus,
aínda nas horas de dor e escuridade.
Veño á túa escola, Xesús,
sento no banco cos meus compañeiros/as
e estou atenta, en silencio, para aprender ben.

Acción

Seguro que no día de hoxe nos pasaron cousas e vimos persoas que algo nos dixeron no nome de Deus. Podiamos recapacitar nesas voces de Deus que así nos chegaron, e aprender e medrar como persoas cristiás.


22 de marzo: mércores da 5ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 8, 31-42

Meditación

Conta o evanxelista algo que pasou entre Xesús e algúns xudeus que creran nel. Nós tamén cremos en Xesús e por iso podemos tomar o que aquí se conta como dito para nós. Unha cousa é crer simplemente, quedándose niso: son bautizado, figuro como persoa cristiá, confésome cristiá, e mesmo cumpro con certas prácticas relixiosas. Para Xesús iso é quedarse no primeiro paso, pouco nos aproveita.
Xesús fainos unha proposta moito máis densa e proveitosa: permanecer na palabra de Xesús, ser de verdade discípulos/as del, coñecer a verdade e permitir así que a verdade nos faga libres. Isto é desenvolver na nosa vida todo un proceso interior e exterior de marabillosas consecuencias para a nosa vida. Permanecer na súa palabra, é dicir, ser constante na aposta por Xesús, ou, dito con outras palabras, ser de verdade discípulas/os del; isto permitirá coñecer, experimentar a verdade, a verdade de Xesús, a nosa propia verdade nel, cousa que nos fará persoas libres a fondo, sen trampas nin enredos. Oxalá!

Oración

Oxalá!,
oxalá, Xesús,
permanecese na túa palabra,
na túa maneira de falar,
na túa maneira de vivir,
na súa paixón polo débil,
sen recuar ante nada!
Oxalá me fixese de verdade discípulo/a túa,
sen dar por sabida ningunha lección!
Oxalá coñecese a fondo
a túa verdade en min,
a miña verdade en ti
sen simular zonas escuras dentro de min!
Oxalá empezase a camiñar
polo camiño amplo da liberdade
que ti vivías e transmitías, Xesús,
sen disimular nunca as miñas escravitudes!
Oxalá!

Acción

Podemos ollar un pouco para a nosa vida cristiá. Témola viva ou témola adurmiñada? Contentámonos con mínimos ou dámonos a oportunidade de experimentar a verdade de Deus nas nosas vidas? En que máis cousas andamos así pola tona, nas aparencias nada máis?


23 de marzo: xoves da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 8, 51-59

Meditación

O evanxeo de hoxe alértanos do difícil que ás veces resulta dialogar. Cada un está no seu mundo, nas súas ideas, nas súas aspiracións, nas súas valoracións; non escoitamos en verdadeiro silencio interior procurando entender que é o que me di esa persoa que teño diante, cal é o seu mundo, cales son os seus valores, as súas emocións; non nos escoitamos en verdadeiro silencio a nós mesmas, procurando entender que son unha persoa quizais dominada por prexuízos, por ideas, por sentimentos, por intereses que me bloquean e me impiden abrirme á riqueza e variedade da vida, e desa maneira abrirme tamén ao cambio, ao crecemento persoal.
O facemos coa xente é normal que o fagamos tamén con Deus. Con san Xoán podemos dicir: se non escoito e acollo a xente, a quen vexo, non vou acoller o Deus que non vexo.

Oración

Meu Deus,
ao teu lado quero aprender
a calar,
a escoitar,
a acoller,
a valorar,
a agradecer,
a amar,
a comprometerme
ante todo o que a vida me ofrece
na natureza, nos animais, nas persoas,
no que pasa fóra e dentro de min,
en todo,
en ti.
Grazas.

Acción

Se repasamos algúns dos nosos encontros coa xente, igual vemos situacións algo semellantes á que se conta no evanxeo. Por que nos resulta difícil entendernos? Que hai en min que o impide?


23 de marzo: xoves da 5ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 10, 31-42

Meditación

Xesús crea conflito. Hai xente que ve as súas obras e cre nel, e hai xente que nin vendo as súas obras lle dá fe. Tamén hoxe, entre nós mesmos, existe esta división. Hai xente, entre a que nos contamos, que cre en Xesús, como unha manifestación, unha revelación de Deus neste mundo polas súas obras. Pero hai tamén moita xente, moita, que non cre en Xesús; igual mesmo admiran os seus feitos, a súa chamada fonda á irmandade, á dignidade de todos, especialmente da xente máis maltratada, pero non cren en Xesús como Fillo de Deus, e menos na Igrexa.
É posible remediar este conflito? Desde logo non a base de insultos, desprezos ou pedradas. Quen seguimos a Xesús temos a responsabilidade grande de non agravar ou deformar ese conflito con doutrinas torpes ou con prácticas relixiosas decadentes; se hai conflito, que sexa porque procuramos seguir o estilo de vida de Xesús, na súa maneira de sentir e vivir a Deus, na súa maneira de respectar e defender a dignidade radical de toda persoa.

Oración

Meu Deus,
sinto que o teu Espírito me alenta
a respectar a todas as persoas,
crean ou non crean en ti,
sigan ou non as pisadas de Xesús.
Meu Deus,
sinto que o teu Espírito me anima
a adherirme a Xesús,
en quen creo como un home
totalmente un contigo.
Que a miña fe non te traizoe,
meu Deus.
Que a miña maneira de vivir
axude a outras persoas a achegarse a ti.

Acción

Queixámonos de que a xente non cre, pero que facemos as persoas, as comunidades cristiás para facer crible a nosa vida, o noso testemuño cristián? Vemos que podiamos cambiar en algo?


24 de marzo: sábado da 5ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 11, 45-57

Meditación

A morte de Xesús foi unha morte inxusta, e, como tal, nin foi querida por Deus nin polo mesmo Xesús. O plan de quitalo de en medio obedecía ao medo a que o pensamento e a práctica de Xesús collese corpo entre a xente, e iso cuestionase o funcionamento das autoridades relixiosas do seu tempo e das prácticas relixiosas que promovían. Ante Xesús podían recapacitar e cambiar, ou obcecarse e acabar con el. Preferiron isto último. Pero curiosamente a morte coa que pretendían anular a súa influencia converteuse nunha fonte de vida e de esperanza para cantas persoas quixesen ser seguidoras del, e aínda para o mundo enteiro.
Tamén nós podemos acoller a palabra e a vida de Xesús ou resistirnos a elas. Podemos acollelo de corazón, deixando que revolva e alente as nosas vidas, ou persistir na nosa cegueira, pechándolle as portas a quen vén para enriquecernos coa súa paz, coa súa forza.

Oración

En busca e captura, Xesús,
así estiveches ti,
como calquera malfeitor común,
sen ter feito máis ca ben.
En busca e captura
quen nos buscou apaixonadamente
para a maior liberdade.
En busca e captura
para lle dar morte
a quen era a fonte da vida.
En busca e captura, Xesús,
como tantos e tantas irmás túas
de sangue africana
que percorren os nosos pobos e cidades.
En busca e captura
agochándote
na máxima dor,
no máximo servizo.
Acompáñote, Xesús.

Acción

Igual nalgunha ocasión temos a oportunidade de poñernos do lado dalgún inocente fronte ao poder, fronte a quen abusa del. Podemos facelo por el, por Xesús que nel repite a súa historia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.