08 marzo, 2018

Tempo de Coresma: 4ª semana


11 de marzo: domingo 4º de Coresma

Evanxeo: Xn 3, 14-21

Meditación

O primeiro mandamento é amar a Deus con todo o corazón, con toda a forza, con todo o entendemento, é dicir, con todo o que somos; pero este mandamento sostense noutro anterior, que é un mandamento libre que Deus se impuxo a si mesmo, por ser fiel o que el é; e este mandamento reza así: amarei o ser humano dentro de toda a creación con toda a forza do meu ser, con toda a capacidade de salvación que teño, con todas as formas de felicidade que son capaz de espallar entre as persoas. Todo o que sae de Deus ten esta finalidade, por moito que ás veces as distintas prácticas relixiosas, tamén entre as comunidades cristiás, nos teñamos empeñado en presentalo como un Deus severo, castigador, disposto a amargarlle a vida aos seres humanos neste mundo ou no outro.
O exemplo máis firme desta boa querenza de Deus por todo nós, homes e mulleres de todos os tempos, de todas as culturas e relixións, foino Xesús, coa súa práctica de vida constantemente dada ao servizo, ao respecto das persoas, á axuda, para que cada quen viva en verdade, en liberdade, en felicidade, ben integrado consigo mesmo, ben integrado na sociedade. Podemos acoller ou non esa oferta de Deus en Xesús; podemos deixarnos iluminar pola súa claridade servidora ou non. Por parte de Deus non hai nin xuízo nin condena; somos nós, cada un, cada unha de nós, as que decidimos envolver a nosa vida en tebras ou en luz. E a escuridade, por suposto, nunca dá en cousa boa.

Oración

Grazas, Pai bo, Nai boa,
porque nos queres,
porque sempre nos queres,
porque nunca desesperas de nós.
Grazas polo teu ser,
enormemente descoñecido de todos nós,
pero que recende ao lonxe a amores e solidariedades,
a alentos, unións e dignidades,
a comunidade festeira,
a mundo en xustiza e en paz.
Grazas pola xente que non cre,
pero, sen imaxinalo, aposta contigo
pola paz, pola xustiza, pola dignidade
para todos, sen distincións.
Grazas, Pai, Nai boa,
polo regalo de todos os líderes relixiosos honestos
que nos teñen axudado a coñecerte algo,
a descubrir a túa presenza
e a dignidade do ser humano
entre as escuridades da historia.
Grazas por Xesús,
o teu Xesús, o noso Xesús,
que te viviu a fondo
e falou de ti con feitos entrañables.
Por el temos a certeza certa
de que estás sempre ao noso lado
como compañeiro fiel no camiño da vida,
ata sermos eternamente un en ti.
Grazas, Pai, Nai boa. Grazas.

Acción

Todas, todos tivemos e temos na vida persoas que nos abriron os ollos da intelixencia e do corazón para comprendernos mellor a nós mesmas, para coñecer mellor a Deus, para iluminar as nosas vidas. Podemos contactar con esas persoas e agradecerlles expresamente o que nos teñen aportado.


12 de marzo: luns da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 4, 43-54

Meditación

Xesús ofrécenos a seguridade de sermos persoas fondamente queridas. Xesús axúdanos a ver que as persoas, cada persoa, temos un valor único, que ninguén pode atropelar. Xesús axúdanos a descubrir as enormes posibilidades que cada persoa levamos no noso interior, posibilidades que nos fan moi fortes ante calquera atranco na vida. Xesús axúdanos a descubrir que estamos chamados á unión, á comunidade, e que a comunidade nos aporta grande felicidade. Xesús ofrécenos un estilo de vida libre, solidario, agradecido, irmandado, humilde, valente, alegre, resistente, confiado. Xesús axúdanos a afrontar os límites, calquera límite, que ten a vida e a encararnos con eses límites con esperanza, sen angustias, porque a pesar de todo seguimos sendo persoas queridas, ás que sempre nos agarda un espazo de luz, un corazón amante, un porvir pacificado. Pareceranos todo isto pouco milagre?

Oración

Xesús,
o meu fillo morre,
a miña comunidade cristiá esmorece,
a miña parroquia achícase,
o mundo rural vai a menos,
os pobos desángranse polas feridas das guerras,
as pobrezas aumentan e aséntanse entre nós,
a conciencia social debilítase,
os políticos ceden ante o capital, …
Xesús,
que podes facer ti?
Que podo facer eu?
Que podemos facer nós,
todas e todos nós?

Acción

Se nos atopamos ante un problema calquera, persoal ou comunitario, podémonos preguntar que podo, que podemos facer para abordalo e axudar a resolvelo ou, cando menos, alivialo algo.


13 de marzo: martes da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 5,1-3.5-16

Meditación

É ben exemplar este relato. Primeiro porque sitúa a Xesús enredado coa xente que ten problemas na vida, neste caso uns problemas de saúde que facían especialmente débil e marxinal a aquel enfermo. Xesús era moi amigo de andar os camiños, de atoparse con xente envolta en toda clase de debilidades, e a esa xente dáballe o que el sabía e podía dar: proximidade, confianza, alentos, sanidade; nunca buscando a súa gloria, senón o benestar da xente, a súa incorporación digna á vida social.
É exemplar tamén este relato, porque pon de manifesto o enfrontamento entre a relixión oficial e o talante de Xesús. A relixión oficial tende a poñer por diante as súas normas, as súas doutrinas, caia quen caia. Xesús pon por diante o ser humano necesitado, cousa que molesta á relixión oficial, por raro que pareza. Por iso a relixión oficial foi a por Xesús. Por iso o matou. Pero, por iso mesmo, a súa morte foi e segue a ser fonte de vida.

Oración

Grazas, Xesús,
porque iluminas ben o camiño da nosa fe.
Grazas,
porque nos dis con claridade onde está o importante.
Grazas, Xesús,
porque os teus ditos e feitos nos chaman ao cambio.
Grazas,
porque nos axudas a poñer o débil no centro da nosa experiencia relixiosa,
para aí atoparnos contigo,
para aí atoparnos con Deus.
Grazas.

Acción

Podemos revisar onde poñemos os acentos da nosa vida crente. Podemos mirar que lugar ocupa a xente necesitada, pobre, marxinal nas nosas ansias e horarios de cada día.


14 de marzo: mércores da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 5, 17-30

Meditación

As primeiras comunidades cristiás fóronse decatando, case desde o primeiro momento, da vinculación profunda que existía entre Xesús e Deus; para describila dalgunha maneira, gustoulles a asociación íntima entre un pai e un fillo. Todo o que Xesús foi capaz de dicir, de falar, toda a súa enorme rebeldía, toda a súa humildísima forma de servir, toda a súa tenrura coa xente máis deteriorada na vida, toda a súa protesta contra os poderes que privan a xente de dignidade, todo o seu enfrontamento contra a maldade, contra o pecado, todo, todo, era o que el aprendeu do Pai, nos seus tempos e días de silencio, de escoita, de intimidade, de convivencia.
Quen coma Xesús! Si, pero esa intimidade co Pai é agora un camiño aberto, polo que podemos avanzar. Temos camiño e temos guieiro. Temos ruta e temos forza para andala, o Espírito que Xesús mesmo nos ofrece gratis.

Oración

Quen coma ti, Xesús,
quen coma ti!
Dócil aprendiz do Pai,
ousado seguidor das súas suxestións,
bravo na defensa dos últimos,
humilde para todo servizo,
esquecido sempre de ti mesmo,
con tal que a vida medre
nas mans da xente que carece dela.
Así onte e hoxe, Xesús,
porque segues traballando
e invítasnos ao mesmo.
Quen coma ti, Xesús,
quen coma ti!

Acción

Estando ao lado de Xesús, grande traballador, podémonos preguntar cal está sendo a nosa implicación na vida da comunidade cristiá, na marcha do pobo, do Concello, da sociedade da que formamos parte? Somos xente traballadora, ou xente preguiceira? Deberiamos implicarnos algo máis? En que?


15 de marzo: xoves da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 5, 31-47

Meditación

Son moi duros os reproches contra os xudeus que o evanxelista Xoán pon na boca de Xesús, nun momento en que había un grande enfrontamento entre os xudeus a as primeiras comunidades cristiás: non o acollen, non reparan nas obras que fai, nunca oen a voz do Pai, non cren nel, buscan a gloria mundana, non está neles o amor de Deus, non lle fan caso ao mesmo Moisés … Seguro que tamén entre os xudeus habería de todo.
A nós o que nos importa é ver ata que punto nós acollemos ou non a persoa e o estilo de vida de Xesús, e por que o facemos. Convéncenos o seu estilo de vida tan limpo de calquera comenencia e tan dado ao servizo no nome de Deus? Convéncenos o exemplo que ao longo da historia nos foron dando persoas que se fiaron a fondo de Xesús? Convéncenos Xesús porque imos experimentando algo de Deus, e Xesús sábenos a Deus? Convéncenos Xesús porque vemos que realmente nos dá paz, alentos, vida? Convéncenos Xesús porque vemos que, ao seu lado e ao lado de quen facemos comunidade con el, facémonos persoas máis vivas, honradas e solidarias?

Oración

Veño onda ti, Xesús,
cheo de contradicións:
digo que te creo, que te quero, que te sigo,
pero logo, ao longo do día e dos feitos,
a miña fe en ti é cativa,
o meu amor por ti sabe a pouco,
a miña vontade de seguirte atráncase con frecuencia.
A de cousas que o teu evanxelista Xoán
me podería botar en cara!
Pero, aínda así, aquí estou,
co meu pecado nas mans
dicíndoche unha vez máis:
creo en ti,
quérote,
quero seguirte.

Acción

Coñecémonos máis ou menos ben. Daqueles comportamentos nosos que máis chocan co estilo de vida de Xesús podemos escoller un para ver de cambialo.


16 de marzo: venres da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 7, 1-2.10.25-30

Meditación

Nas nosas vidas hai moitas cousas que non damos comprendido, misteriosas. Nacemos da nosa nai, do noso pai, pero cal é a fonte do noso ser? Cal é o fondo que nos sostén e anima día a día durante a nosa vida? A onde imos parar cando o noso corpo se esgota e a morte pon o punto final á nosa existencia terrea? Que vai ser deste noso ser tan particular, pois non houbo nin haberá no mundo outro ser coma min?
Xesús percibiu con claridade que a súa fonte estaba en Deus. E que viña de Deus coa tarefa de que a xente toda descubrísemos e vivísemos esa vinculación fonda con Deus, que lle dá sentido, verdade e enteireza a toda a nosa vida. Irmáns e irmás todas nesta gran familia humana que se realiza en cada casa, en cada parroquia, en cada pobo. Iso era o máis importante, o único importante de toda relixión.

Oración

Quero aprender de ti, Xesús,
a vivir ben asentad@ en Deus.
Quero aprender de ti,
a facer da fe unha escola de escoita,
de rebeldía e de obediencia.
Quero aprender de ti, Xesús,
a ser eu mesm@,
na miña particular grandeza
na miña singular indixencia,
sempre ao calor de tod@s,
sempre en débeda con tod@s.
Por iso aquí estou, Xesús, onda ti,
apréndeme.

Acción

Pásanos ás veces que nos rebelamos contra quen nos di cousas que nos descolocan, tanto no campo da fe, coma noutros campos da vida. E tendemos a querer quitar do medio a esas persoas innovadoras. Sería ben que mirásemos se con algunha persoa nos está pasando iso. Podemos cambiar. Faranos ben.


17 de marzo: sábado da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 7, 40-53

Meditación

Pasa con frecuencia que queremos contentar a todo o mundo, e por iso non nos definimos, e por iso andamos con branduras e acomodacións. Pretendemos ser fieis ao estilo de vida de Xesús, pero ao mesmo tempo queremos funcionar cos criterios do mundo. Xesús non era así; falaba con firmeza, situábase con forza do lado da xente máis débil, amosaba claramente que iso era o que o mesmo Deus acendía no seu corazón. E facíao sen medo a crear conflito, como realmente o creaba. Pero iso era o que á posta quería: que a xente pensase e se fose definindo.
Que ben nos viría que, como persoas e como comunidades cristiás, seguísemos este talante de Xesús! Canto ben nos fariamos a nós mesmos e á demais xente se fósemos claros e contundentes nas nosas opcións, sen desprezar a ninguén, pero sen agochar para nada o don do Evanxeo que Deus nos puxo nas mans para facelo chegar aos nosos contemporáneos o máis limpo posible!

Oración

Nunca ninguén falou coma ti, Xesús!
Coa mesma paixón por Deus.
Coa mesma paixón por cada home ou muller
cos que te fuches cruzando pola vida.
Coa mesma paixón por min.
Nunca ninguén soubo xuntar coma ti
palabras e feitos
nunha idéntica fidelidade.
Grazas, Xesús,
á sombra do teu ser quero acollerme.

Acción

Podemos mirar se nalgún aspecto da nosa vida relixiosa ou civil non somos claros, non falamos conforme ao que pensamos, simulamos para non significarnos, para non provocar rexeites. Tamén aquí seguro que poderemos poñer máis verdade na nosa vida.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.