23 marzo, 2018

Semana Santa



SEMANA SANTA

Desde as orixes do cristianismo os seguidores e seguidoras de Xesús percibiron que a morte de Xesús e todo o que a rodeara tiña un especial interese e significado. Por iso desde os primeiros momentos lle prestaron especial atención aos relatos da Paixón que circulaban de comunidade en comunidade.

Desde o comezo do cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os acontecementos que Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa morte, e con eles o misterio da súa resurrección.

Non é que a morte e a resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a resurrección de Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao seu estilo de vida e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a Xesús. Así a súa vida, a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis débiles, marxinais e pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes ligadas ao poder, que o levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte acabou sendo unha morte gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de vida e de esperanza para todos os homes e mulleres que se queiran achegar con confianza a esta fervenza de amor e de solidariedade.

A vida de Xesús orienta as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de Xesús fortalece a quen coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A resurrección de Xesús encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a nosa vida é unha vida que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no respecto e servizo á xente.

Quizais estamos afeit@s a vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! E se intentásemos vivila a fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os camiños todos que o levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección? Seguro que nos había facer moito ben como persoas, como cristiás, como cidadáns.


25 de marzo: Domingo de Ramos

Evanxeo: Paixón: Mc 14,1-15,47.
Procesión: Mc11, 1-11

Meditación

Aparece aquí Xesús como un excelente mestre teatral que ordena as cousas, move os actores, provoca xestos e palabras, para realizar unha imitación case cómica, pero fondamente intencionada, do que eran as entradas triunfais dos emperadores e xerais romanos despois dunha grande vitoria.
Onde estes poñían excelentes cabalos e carros de guerra, Xesús poñía un burriño, prestado ademais, que a pobreza era máxima. Onde estes poñían multitudes que a gusto ou por forza cantaban as excelencias dos seus xefes, Xesús tiña un grupiño de xente popular que botaba man do que boamente tiña para mostrar o seu agarimo e admiración por Xesús. Onde os xerais romanos poñían armas e poder que amedrentaban, Xesús poñía a nudez das súas mans e simplemente o servizo fraterno, que atraían e xeraban confianza. Onde aqueles anunciaban unha sociedade fortemente dominada e controlada, Xesús ofrecía a grande e eficaz irmandade, apoiada no poderío de Deus, feito sempre desde o servizo e a liberdade.
Esta representación segue a ter actualidade no teatro actual da vida. A semana santa vainos permitir vela; a lectura da Paixón que escoitaremos sinalaranos os puntos máis importantes desa representación. E todos nós poderemos optar e escoller, comprometendo en cada caso as nosas vidas. Xesús está aí xogando a súa. Por todos e todas nós.

Oración

Bendito, Xesús,
que viñeches entre nós,
e entre nós falaches e viviches sempre
no nome de Deus!
Bendito, Xesús,
polas túas maneiras fortes e humildes
de actuar en todo,
facéndote accesible especialmente
á xente máis humilde e popular!
Bendito, Xesús,
na túa vida e na túa morte,
no teu sufrimento solidario
e na túa morte liberadora!

Acción

Estaría ben que participásemos na procesión dos ramos, iso si, conscientes do sentido que lle deu Xesús, sen entrar nos xogos ou exhibicións. E comprometernos a ler con calma durante a Semana Santa por exemplo a paixón segundo San Marcos.


26 de marzo: luns da Semana Santa

Evanxeo: Xn 12, 1-11

Meditación

Seguimos camiñando pola Semana Santa. Un encontro de amizade. Un xantar de festa e de agradecemento, como tanto lle gustaba a Xesús. Un xesto excepcional dunha muller, María, que non sabe como lle mostrar a Xesús o seu agarimo, o seu agradecemento, botando a casa pola ventá. A protesta interesada de Xudas. O presentimento dunha morte próxima, que había que acompañar.
Estas poden ser tamén as claves destes días que nos levarán á morte e a resurrección de Xesús: Estar con Xesús, acompañalo, envolvelo no recendo dun amor sincero, agradecido, coherente. Coa diferenza importante de que agora podemos xuntar os intereses de Xudas e máis os de María: non temos a Xesús fisicamente no medio de nós, pero temos a xente pobre, débil, con calquera clase de debilidade, á que podemos visitar, obsequiar, coidar, por si mesmas, por seren imaxe viva do noso Señor.

Oración

Grazas, meu Deus, por Marta,
a servidora, a que atendía a mesa,
a que satisfacía as necesidades da xente.
Grazas, meu Deus, por María,
a amante agarimosa,
que adiviñaba penas e glorias,
e se poñía en todo ao servizo do amado.
Grazas, meu Deus, tamén por Xudas,
que, sen decatarse da densidade daquela hora,
nos recorda o lugar central
que os pobres deben ter na vida cristiá.
Grazas polas Martas, Marías e Xudas do presente.

Acción

Pensando en Xesús, neste día ben podiamos visitar a algunha persoa pobre, enferma, abandonada, e obsequiala con algo, sen escatimar medidas. Por aquilo de meternos nese mundo do gratuíto que tanto ía con Xesús.


27 de marzo: martes da Semana Santa

Evanxeo: Xn 13,21-33.36-38

Meditación

O evanxeo de hoxe vai de traizóns e abandonos. Aproxímase a cruz e con ela a morte, e con ela a hora da glorificación de Deus, da glorificación do seu fillo, porque era o momento do máximo amor, do máximo servizo, da máxima entrega. E xustamente aí, no momento crucial, anúncianse traizóns e abandonos: Xudas desde o seu particular mundo interior, que nunca coñeceremos ben, e Pedro desde unha suposta valentía aínda non confrontada cos momentos de aperto. O resto dos discípulos, incluído o amado, seguirían os mesmos pasos.
E nós que? Cales son as nosas covardías, os nosos abandonos? A cantos momentos de intimidade con Xesús lle teñen seguido pola nosa parte momentos, decisións, formas de vida que manifestan un distanciamento claro con Xesús! Canto, seguro, nos temos arredado del, do seu camiño de servizo, da súa confianza absoluta en Deus, do seu apego á xente máis débil, na que a diario se nos ofrece!

Oración

Que non me chufe, Xesús,
cando non debo.
Que aprenda a andar con paso humilde,
como ben me corresponde.
Que polo menos saiba recoñecer
os meus erros e pecados,
as miñas covardías,
as miñas traizóns,
contigo, coa xente.
Que saiba poñelas
á calor da túa comprensión,
do teu perdón,
da túa forza,
da túa capacidade de abrir camiños novos.

Acción

Podemos mirar se nalgunha cousa concreta, nalgunha promesa, nalgún compromiso lle estamos fallando á xente, á comunidade, á sociedade. Se restituímos coa xente, restituiremos con Deus.


28 de marzo: mércores da Semana Santa

Evanxeo: Mt 26, 14-25

Meditación

“Un que meteu comigo a man no prato”, é dicir, un dos nosos, un dos íntimos, un co que tiña compartido todo, un que puido coñecer e ter experimentado de que ía todo isto, que ía de ser gratuítos, de ser solidarios, de iniciar e respectar procesos de cambio nas persoas e na sociedade, … Pero que, polo que fose, non se namorou a fondo das propostas de Xesús, ou lle asustaron, ou as acabou vendo unha parvada que non levaban a nada.
En Xudas acabou mandando o seu interese, económico ou non económico, a súa particular visión das cousas, e a distancia con Xesús e todo o de Xesús fíxose infinita. O evanxeo propónsenos, neste caso, para que nós nos vexamos no espello de Xudas. Canto hai en nós de pasar polas propostas de Xesús sen entrar a fondo nelas? Canto hai en nós de darlle prioridade na nosa vida aos nosos intereses económicos, de poder, de imaxe, do que sexa? Con cantas persoas, en cantas ocasións podemos actuar así, esquecendo fidelidades e deixándonos levar por intereses?
Pero tamén nos podemos mirar no espello de Xesús, que afrontou infidelidades e perseverou ata a fin.

Oración

Cantas veces, Xesús,
me obsequiaches coa túa amizade,
coa túa palabra, co teu espírito!
Cantas veces me invitaches
para comer no teu mesmo prato,
intimando contigo,
intimando cos teus íntimos
no mundo da debilidade!
Cantas veces me tes proposto
vivir como persoa cristiá,
a fondo,
e ser testemuña túa
no medio desta sociedade
potente e empobrecida a un tempo!
Cantas veces!
E cantas veces eu, coma Xudas,
che dei as costas
e busquei as miñas comenencias!

Acción

As imaxes de Xesús que paseamos polas nosas rúas nestes días de Semana Santa non son a súa mellor imaxe. E mellor imaxe de Xesús no medio de nós sono as persoas máis empobrecidas e marxinadas. A algunha delas lle dei as costas? Podo reparar eses meus abandonos?


29 de marzo: Xoves Santo

Evanxeo: Xn 13, 1-15

Meditación

Na cea que narra o evanxelista Xoán non hai relato da Eucaristía, pero en cambio hai o xesto simbólico, profético, de Xesús de poñerse a lavarlles os pés aos asistentes á cea, cousa que non conta ningún dos outros tres evanxelistas. Eucaristía e lavatorio dos pés veñen ao mesmo. Cando Xesús realiza estas dúas accións, intúe que está próximo o seu final, e por iso mesmo o que fai adquire unha relevancia especial para el e para todos nós; é como se nos quixese transmitir con claridade aquilo que foi o máis fundamental para a súa vida, para a súa espiritualidade, para a súa relación con Deus e coa xente. Algo así como o seu testamento espiritual. Nos dous casos, coa entrega do pan e do viño como símbolo do seu corpo e do seu sangue, e co lavatorio dos pés, dinos que para el o fundamental foi servir e dar por todo o mundo o seu tempo, as súas habilidades, a súa palabra, os seus afectos, os seus poderes, o seu espírito. Todo. E todo por todos, por todas.
Este foi o sacerdocio existencial de Xesús. O sacerdocio que nos transmite a todos os seus seguidores, homes e mulleres; sacerdocio que realizamos cando imos facendo da nosa vida un servizo na familia, na comunidade, na sociedade, no traballo polo común, e que logo celebramos cando nos xuntamos en comunidade ao redor de Xesús, o Mestre e Señor; ao seu pé poderemos ir aprendendo o custoso, marabilloso, revolucionario oficio de entender a vida como un servizo. Oxalá!

Oración

Xesús, meu mestre e meu Señor,
veño onda ti
para que me aprendas a servir.
A servir sen trampas,
de forma desapegada,
de forma libre.
de forma espléndida,
sen aforrar esforzo e disposición.
Veño onda ti, Xesús,
para aprender a servir con alegría,
sen amarguras,
non por sentirme obrigada,
aínda que ás veces pese e doia o servizo.
Que se me note este oficio e profesión,
nas cousas pequenas de cada día
nos servizos que a comunidade me demande.
Que goce coma ti servindo,
que viva servindo,
que morra servindo,
que me recorden como persoa servidora,
como a ti.
Apréndeme, Xesús.

Acción

Hoxe é un día especial para a solidariedade. O importante é vivir cada día en clave de solidariedade. Pero tamén pode ser proveitoso que hoxe fagamos un signo especial de solidariedade: visitar a unha persoa enferma, facer unha colaboración económica, reforzar a unha persoa que traballe polo común nalgún campo, renovar o teu compromiso concreto pola comunidade cristiá, pola comunidade civil.


30 de marzo: Venres Santo

Evanxeo: Paixón segundo san Xoán: Xn 18,1-19,42 (Breve: Xn 19,16b-41)

Meditación

Pódenos parecer que a vida de Xesús foi un fracaso, porque acabou impoñéndose a xente de poder que se opoñía ao estilo de Xesús que buscaba crear irmandade desde abaixo, dando preferencia sempre ás persoas máis fráxiles e pecadoras. Pódenos parecer que na historia sempre se repetiu o mesmo: homes e mulleres que quixeron acabar coas situacións de abuso, no corpo e no espírito, e que acabaron esmagadas polo poder. Pódenos parecer, daquela, que é inútil vivir en honradez, en solidariedade, buscando unha comunidade cristiá e unha sociedade digna, construídas desde a irmandade.
Non. A morte de Xesús dinos outra cousa. Porque nos fala da fortaleza da xente débil, que non se prega a quen a quere facer calar. Porque estas mortes sempre acaban sendo semente da que xermolan persoas, comunidades renovadas, valentes, arriscadas: a persoa así morta prolóngase no tempo, ata a eternidade, nas persoas que admiran, agradecen e procuran imitar o seu exemplo. Curiosamente estas mortes, a de Xesús a primeira, son as que sosteñen a dignidade da humanidade enteira, e nos permiten soñar que o amor, a solidariedade fonda e real, acabe conducindo os nosos corazóns, as nosas vidas. Contemplar a Xesús morto na cruz non deprime, ao contrario, pacifica, reforza, alerta os ánimos, anima á resistencia, consolida a vontade de ser homes e mulleres consistentes, fieis. Deus está totalmente da nosa parte. Ata a morte. Deus non é inútil.

Oración

Adórote, Xesús,
cravado na cruz.
Adórote, Xesús,
sedento na cruz.
Adórote, Xesús,
todo paixón.
Adórote, Xesús,
machucado, espido.
Adórote, Xesús,
entregado, cumprido.
Adórote, Xesús,
morto por amor.
Adórote, Xesús,
refugallo humano,
gloria de Deus.
E contigo adoro
a todos os homes e mulleres,
individuos e pobos
que sofren cruz e escarnio,
humillación e esquecemento.
Adórote, Xesús,
no silencio da cruz.

Acción

A parte de que dediquemos un tempo a contemplar a paixón de Xesús, o Cristo, podemos aproximarnos hoxe a algunha persoa ou grupo humano ou pobo que estea sendo na historia unha prolongación da morte de Cristo. Se podemos facelo persoalmente, mellor. Senón, podemos valernos de calquera medio de comunicación que nos permita esa aproximación e coñecemento.


31 de marzo: Sábado Santo.Vixilia Pascual

Evanxeo: Mc 16, 1-7

Meditación

É un día de moito silencio. Cristo está calado no sepulcro. O seu evanxeo non resoa nas palabras. Resoa misteriosamente naquel corpo silenciado, que no silencio de Deus pasa da morte á vida. Un corpo morto que recende ao amor que, coa palabra e cos feitos, foi compartindo con cantos homes e mulleres se atoparon con el na vida. Un corpo morto ao que ninguén ousaría negarlle a vida. Un corpo que zumega vida.
Así é un milagre natural, normal, que poidamos falar de Xesús, o Cristo, resucitado. Que o adiviñemos arredando lousas, saltando os lindeiros da morte, para reencontrarse nas fontes da vida, en Deus, e seguir pensando en cousas de vida neste mundo, empuxando para iso os seus discípulos e discípulas de sempre, de onte e de hoxe. Xesús, o Cristo, resucitado. Vivo entre nós, para nós. Vivo para crear vida nos nosos corazóns, nas nosas comunidades, nos nosos pobos. Invitándonos á vida, que dunha vez sexa digna, sa, irmandada, feliz.
Un día de moito silencio, de moita espera. Ao pé de quen agarda en silencio e amargura que o sol alume a súa vida.

Oración

Apláudote coas miñas mans, meu Deus,
polo inmenso caudal de vida que ti es.
Apláudote co meu corazón, meu Deus,
polo prodixio de Xesús
na súa vida, na súa morte, na súa resurrección.
Apláudote co meu silencio, meu Deus,
porque caladamente revolucionas o mundo
e o convertes en terra de esperanza.
Apláudote coa miña vida toda, meu Deus,
asentada felizmente en ti, fonte de vida.
Apláudote coa xente máis fráxil deste mundo, meu Deus,
porque en ti teñen porvir asegurado
e en min, no que poida e saiba, unha man amiga,
unha man crucificada, unha man pascual.

Acción

Festexemos a Pascua. Celebremos, comamos, bebamos, bailemos en comunidade. Botémoslle o ollo a algunha persoa ou situación social apoucada e vaiamos cara a ela compartindo vida.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.