25 de febreiro: domingo 2º de Coresma
Evanxeo: Mc 9, 2-10
Meditación
Que marabillosas deberon ser aquelas horas de retiro de Xesús cos seus discípulos Pedro, Santiago e Xoán no cume daquel monte! O relato seguramente está moi recomposto polo evanxelista que o conta, pero sen dúbida aquilo debeu ser algo moi especial para Xesús e para os seus compañeiros. Na cultura relixiosa do momento, o cumio dos montes eran lugares que facilitaban o contacto co divino, como nos pasa a nós mesmos aínda hoxe ante lugares fermosos, case máxicos: a Ribeira Sacra, as costas do Xistral, a Terra Cha vista desde os montes de Toxoso etc. Pois alí Xesús e tres dos seus discípulos senten a Deus dentro deles, enchéndoos de paz, de alentos, de ledicia e benestar, e mesmo os corpos, os rostros, deixan translucir o que por dentro están vivindo. Non nos pasa algo así tamén a nós, aínda que en moi menor grado, cando nos xuntamos co desexo de deixarnos coller por Deus, de acollelo, de sentilo ben vivo dentro de nós mesmos, de nos poñer aos seu dispor, ao dispor da xente, para que a vida vaia adiante entre nós, nos nosos pobos e parroquias? O Espírito aléntanos, os ánimos refréscanse, os corpos collen novas forzas e non nos asusta tanto a tarefa que teñamos por diante.
A Xesús aquela experiencia animouno moito, seguro, para afrontar todo o que lle agardaba, por esa teima súa de se poñer tanto do lado de Deus nas vidas da xente máis débil e marxinal. Deus era un pai para el; Deus nunca lle fallaría. A nós correspóndenos mirar, admirar, escoitar, aprender, deixarnos levar en todo pola onda de Xesús. Iranos ben, moi ben.