28 decembro, 2017

Tempo de Nadal: 2ª semana


31 de decembro: domingo dentro da oitava do Nadal: festa da Sagrada Familia

Evanxeo: Lc 2, 22-40

Meditación

Xa os días 29 e 30 meditamos algo este mesmo evanxeo. A festa da Sagrada Familia que hoxe celebramos invítanos a meditar nas nosas familias. Que posto ocupan nelas os nosos velliños e velliñas? Que papel asumen ou non asumen, que papel lles outorgamos ou lles negamos? Fanse --e axudámoslles a que se fagan-- esas persoas sabias en cousas da vida, que nos comunican os seus saberes e experiencias e son escoitadas nesa función? Que papel ocupan os nosos nenos e nenas? Traballamos en serio para axudalos a que saian persoas ben criadas, fortes no corpo e no espírito, sabias á altura dos seus anos? Iniciámolos con todo o respecto, coidado e emoción no coñecemento de Deus, no gusto de Deus? Que papel ocupamos as persoas adultas na familia? Coidamos da casa, da economía, seguramente, pero coidámonos tamén a nós, as nosas relacións de parella ou de pais con fill@s, de fill@s cos pais e nais? Coidamos o noso corpo, o noso espírito, o noso mundo emocional, a nosa fe, ou andamos algo ao tolo, sen deixar que aflore en nós esa fondura humana que todos levamos dentro? Respectamos a singularidade de cada unha das persoas que compoñemos a familia? Sabemos poñer a nosa singularidade ao servizo do conxunto da familia? Velamos moito para que as mulleres (avoas, esposas, fillas) que hai entre nós non sufran ningunha marxinación ou sobrecarga polo feito de ser mulleres? Respectamos os diferentes modelos de familia que se poden dar na nosa mesma familia ou en familias próximas? Gozamos e agradecemos tantas cousas boas como se dan na nosa familia? Bendicimos a Deus pola graza da vida familiar?

Oración
(Na Noite Vella familiar: antes ou despois ou no canto das doce uvas das horas do ano que acaba, podemos coller 12 uvas cada un dos membros da familia; cada persoa vai lendo a primeira parte de cada un dos doce versos seguintes, por orde; todos contestamos coa segunda parte do verso, e comemos a uva correspondente. Ao final dámonos chuchos e apertas de felicitación).

A uva da alegría, ai que graciosa!
A uva da unión, moi rica cousa!
A uva do respecto, ben candorosa!
A uva do perdón, marabillosa!

A uva do agradecemento, que saborosa!
A uva da comunicación, cousa fermosa!
A uva da paciencia, humilde rosa!
A uva da corrección, dura e gustosa!

A uva da escoita, que ceos amosa!
A uva dos alentos, tan xenerosa!
A uva das apertas, sempre famosa!
A uva da oración, doce, preciosa!

Acción

Pensa en cada un dos membros da túa familia; despois de rezar coa ladaíña das uvas, con que uva poderías obsequiar a cada unha das persoas que forman polo menos o teu núcleo familiar? Dálles ese regalo de ano novo.


1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María Nai de Deus

Evanxeo: Lc 2, 16-21

Meditación

O que os pastores atopan é ben simple: unha muller, María, parida de pouco co seu neno na manxadoira que facía de berce, e a carón o esposo e pai da criatura, Xosé. Quedaron abraiados porque viñan movidos polo que o anxo lles contara de que poderían contemplar o Mesías, o Salvador, o Señor. Naquela humilde pobreza, tanto señorío! Que señorío sería ese? Á mamá María tamén a descolocaban as cousas, e por iso as conservaba no corazón para ilas remoendo pouco a pouco, para ilas saboreando, para deixarse coller a fondo por canto alí estaba sucedendo.
Estamos invitad@s polos pastores e por María a participar tamén nós na escena, aprendendo a correr hoxe cara aos Beléns onde nenos e nenas, homes e mulleres en pobreza esperan compaña e apoio. Eses Beléns poderían ser os mil campos de xente refuxiada que hai polo mundo adiante; pero tamén hai Beléns espallados por moitos outros lugares, onde menos se conta, sempre, iso si, con vidas en pobreza, con mesturas de esquecementos e de solidariedades. Deus está aí feito criatura humana desamparada! Felices de nós se iso nos provoca admiración e loanza! Felices de nós se conservamos todo iso nos nosos corazóns deixándonos arrastrar polo que vemos e admiramos! Porque aí, xustamente aí, Deus está sendo salvador para nosoutr@s.

Oración

Señor, Señor,
respecto e consideración,
para que haxa paz;
xustiza e dereitos,
para que haxa paz;
os intereses da xente máis débil primeiro,
para que haxa paz;
coidado da natureza,
para que haxa paz;
atención ao mundo da aldea,
para que haxa paz;
reparto da riqueza e da pobreza,
para que haxa paz;
coidado do corpo,
para que haxa paz;
coidado do espírito,
para que haxa paz;
tolerancia e resistencia,
para que haxa paz;
palabra e silencio,
para que haxa paz;
fraternidade, unión,
para que haxa paz.
Ti,
para que haxa paz.

Acción

Traballa por ser en todo unha persoa de paz, coa túa palabra, cos teus xestos, cos teus comportamentos. Súmate a calquera campaña, calquera iniciativa na que se traballe pola paz.


Día 2 de xaneiro: martes da 2ª semana despois do Nadal

Evanxeo: Xn 1,19-28

Meditación

Volvémonos ver con Xoán Bautista, ese personaxe tan especial e entrañable que nos acompañou nos días previos á celebración do Nadal. Hoxe está aquí para dicirnos que o anunciado xa chegou, está por aí entre nós, e igual nin o coñecemos, porque anda con maneiras tan humildes, marxinais, que pouca xente repara nel. Pero está. Xa chegou. Xoán invítanos a andar cos ollos ben abertos, co corazón ben aberto, para podermos bater co el e recrearnos na súa humilde grandeza servidora.
Xoán tamén nos invita a que nos preguntemos: e quen son eu? Que levo no fondo de min mesma? Que luces e sombras andan canda min? Que misión desempeño dentro da comunidade da que formo parte? Que anuncio coa miña palabra, coa miña vida sobre todo? En que son algo profeta? Cal é a tarefa que me propoño levar a cabo neste ano que entra, estando ao lado deste Deus metido no mundo, que chamamos Xesús?

Oración

Xesús,
tampouco eu non son merecente
nin de che desatar o amalló das túas sandalias,
pero aquí estou,
desexando acompañarte neste ano que entra.
No que poida, valla e saiba, conta comigo.

Acción

Párate a pensar no que che gustaría facer neste ano que empeza, no que che gustaría colaborar, ou medrar, ou a quen che gustaría acompañar especialmente, ou que pobrezas che gustaría remediar. Poderás facelo só ou será ben que te unas a outras persoas para o que queres conseguir?


3 de xaneiro: mércores da 2ª semana despois do Nadal

Evanxeo: Xn 1, 29-34

Meditación

Con estas palabras o evanxelista Xoán fálanos do impacto profundo que Xesús causou na xente que o coñeceu e tratou; vírono coma un home totalmente cheo do Espírito de Deus, con capacidade para introducirnos a fondo no mundo do Espírito, cun poder enorme para arrincar as raíces do mal asentadas no corazón da xente e da sociedade, e ao tempo cunha mansedume impresionante, ata o punto de que lle deron en chamar o "Año de Deus".
Para coñecer a Xesús e a súa forza de renovación é necesario tratalo, intimar con el orar con el e co seu Espírito. E cando intimamos con el e palpamos o marabilloso que é, o normal será que, como a Xoán, nos saia da alma falar del, compartilo coma o gran regalo que Deus nos fixo na nosa existencia. Oxalá todo isto se cumpra en nós!

Oración

Grazas a ti, Xoán Bautista,
por ter compartido connosco
as excelencias de Xesús.
Grazas a todos os homes e mulleres
a través das cales nos chegou o coñecemento de Xesús.
Que saibamos entrar no mundo marabilloso de Xesús,
e o saibamos compartir coa xente nova da nosa xeración.

Acción

Polos días do Nadal sempre nos vemos algo máis coa familia, cos amigos. Nas conversas que se dan, non deixes de compartir nalgún momento a túa admiración por Xesús, e o ben que che fai crer nel e seguir a súa maneira de pensar e de actuar.


4 de xaneiro: xoves da 2ª semana despois de Nadal

Evanxeo: Xn 1, 35-42

Meditación

Chama a atención o encanto que tiña Xesús; chamaba a atención desde o primeiro momento, suponse que polo seu xeito de ser, de mirar, de falar, de vivir, de atraer, de alentar á xente. Seguro que todas, todos, temos experiencia de algo similar na vida, alguén que nos cativou e que se fixo moi significativo para nós, alguén con quen nos compracía e comprace estar. Quen o viu e tratou, quen se fixo compañeiro e amigo del así nolo pinta. Ímolo coñecendo algo polo menos, como para poder dicir que si, que é así, que a súa compaña pacifica e alenta, pecha feridas e abre camiños, disipa escuridades e devolve alegrías.
Se Xoán, André, Pedro e moitos máis naqueles tempos puideron gozar con esta compaña de Xesús en carne viva, nós tamén o podemos facer no espírito, na fe. Xesús está aquí disposto a acollernos, a integrarnos no grupo, a compartir connosco os seus soños e esperanzas, e as forzas para podelas acadar.

Oración

Vinde e veredes,
pasade e entrade,
sentade e acougade,
falemos como amigas e amigos,
como irmás e irmáns, se queredes,
compartamos as nosas sombras e as nosas luces,
levantemos a ollada
cara ao mundo da xente máis fráxil,
falémonos,
escoitémonos,
calemos despois
deixando que o Espírito una
tanta dor e tanto gozo,
tanta desilusión e tanta esperanza.
No teu nome, Xesús.

Acción

Sería estupendo que hoxe puideses invitar a alguén á túa casa, ou ir de invitada a algunha outra casa, para tomar ou comer algo, para falar, para compartir algo a fondo, para animarse e rir e suscitar esperanzas. E así vivir algo ao estilo de Xesús.


5 de xaneiro: venres de 2ª semana despois do Nadal

Evanxeo: Xn 1, 43-51

Meditación

Chama a atención neste relato de hoxe iso de "atopar". Xesús atopa a Filipe, Filipe atopa a Natanael. Parecen casualidades da vida, pero convértense en encontros, en relacións que modifican as vidas das persoas, a de Filipe, a de Natanael. Así tamén nos pode pasar a nós na normalidade da vida, se andamos cos ollos abertos, co corazón esperto; vivimos encontros que se poden converter en aperturas de novos camiños. Coñecer, ser coñecido, estimar, ser estimado; parecen cousas moi simples, pero que importantes son. Queda tamén moi de manifesto o importante que é contar, compartir aquilo que vimos e experimentamos; cando o facemos, somos persoas que nos podemos iluminar, consolar, fortalecer, ilusionar na vida. Coñecer a Xesús, intimar con Xesús, falar de Xesús, contar a Xesús coa palabra e coa vida isto é algo ben importante para calquera persoa cristiá.

Oración

Sígueme,
sígueme, disme ti, Xesús.
E aínda me prometes:
do teu corazón tan pobriño
da túa casa tan sinxela,
da túa parroquia tan pequena
pode saír algo moi bo,
que te alentará a ti
e alentará tamén as persoas e cousas
coas que te movas na vida.
E eu calo ante ti, Xesús.
Aínda que me pesa a miña vida,
fíome de ti
e dispóñome a seguirte.
sabendo que ti sosterás o meu camiñar.

Acción

Fai por atopar o xeito de contarlle a alguén algo do que a ti che ten aportado iso de crer en Xesús, de seguir a Xesús na vida.


6 de xaneiro: Epifanía do Señor

Evanxeo: Mt 2, 1-12

Meditación

Debaixo deste relato máis simbólico ca histórico hai varias personaxes que o autor nos ofrece para que reparemos con calma neles: os magos representan a sabedoría humana máis exquisita que vén adorar o neno; guíaos unha estrela, é dicir, unha luz que lle nace no corazón e os empuxa cara ao portal; a sabedoría humana recoñece en Xesús unha luz inmensa para a vida que Deus nos regala. Os magos regálanlle do que teñen, pero son eles os regalados por Deus, por Xesús. Nós podemos facer hoxe de magos nese Nadal vivente que podemos reconstruír.
Herodes quere saber do neno, pero non para adoralo, para acabar con el. Herodes pode representar o poder en todas as súas formas e cores, que normalmente non quere saber nada dun Deus tan humanizado, tan feito carne en toda a xente pobre e marxinada do mundo. Tamén nós podemos caer na tentación de facer de Herodes, rexeitando a este neno Deus así presentado en pobreza que nos cuestiona.
As autoridades relixiosas de Xerusalén sabían moi ben onde había nacer o neno, pero non fixeron nada por adoralo. Hai unha relixiosidade que sabe de teorías, de memoria, de rutinas, pero que non se achega de verdade ao berce do neno, ao berce das pobrezas onde Deus se nos amos. Tamén nós, xente relixiosa, podemos caer nesta tentación. Dicimos crer, pero no fondo non adoramos o misterio e a chamada de Deus presentes no rostro daquel neno e en todos os rostros de fraxilidade que abundan no noso mundo.

Oración

Adórote, Xesús, cos magos,
adórote con todos os homes e mulleres do mundo
que te recoñecen na humildade do pequeno
e nesa humildade te acollen e serven.
Adórote con agradecemento.
Adórote e poño ao teu servizo
e ao servizo de toda debilidade
todo o que son e o que teño.
Que a túa estrela me guíe
cara a todos os Beléns viventes da miña historia.

Acción

Hoxe podo ir visitar algunha familia, algunha persoa débil, para agasallala con algo, sabendo, que facendo iso, son eu o que realmente quedo obsequiada pola súa fraxilidade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.