23 decembro, 2017

Tempo de Advento: 4ª semana


24 de decembro: Domingo 4 de Advento

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Meditación

Canto debiamos agradecer que antes ca nós houbese persoas que estiveron á escoita de Deus na súa vida e na realidade, nas cousas que a diario vivimos! Persoas que, dentro ou fóra da relixión cristiá, souberon captar esa presenza do Único, da Vida, da Fonte, do Amor, do Fundamento de todo canto hai e somos; souberon admiralo, escoitalo, percibilo, acollelo, compartilo con sumo respecto, con completa implicación e dispoñibilidade; souberon deixar que as súas vidas bailasen ao son desa Forza que todo o crea, empuxa, renova e redondea. María foi, sen dúbida, unhas desas persoas. Pero, grazas a Deus, foron moitas as persoas que en cada xeración sostiveron acesa esta lapa do encontro entre Deus e as súas criaturas, que somos nós.

María invítanos a ousar situarnos en silencio ante o Deus da vida, ante as cousas normais da vida que tanto nos poden falar de Deus, para percibilo, para implicarnos con el nunha humildísima disposición de criatura, pero coa valentía desmedida; sempre na busca dunha paz e dunha xustiza que nos cale ata o máis fondo, e nos faga xente de paz e de xustiza en todo o que sexamos e fagamos. Así o Nadal estará ás nosas portas, máis aínda, dentro de nós.

Oración

Aquí está a escrava, o escravo do Señor,
que se cumpra en min tamén
canto sobre min queiras e digas!
Aquí estou, Señor, coa miña vida toda
debruzada diante túa,
desexando ser collid@ por ti,
ser levad@ por ti,
para o que ti queiras,
para onde ti queiras.
Aquí está a escrava, o escravo do Señor.

Acción

Disponte a celebrar o Nadal con alegría, pero fuxindo do rebumbio estéril con que habitualmente o rodeamos. Se tes maneira, invita a algunha persoa soa, da rúa, refuxiada, a cear na túa casa, ou mesmo, se é posible, axuda a organizar unha cea con elas, para elas. Comparte da túa abundancia con quen non ten.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.