19 decembro, 2017

Celebración do Advento


CELEBRACIÓN DO ADVENTO-NADAL

Introdución:

Vai ser unha celebración sinxela, breve, marcada pola evocación e contemplación de tres figuras claves no Advento: Isaías, o dos grandes soños, Xoán Bautista, o dos grandes e humildes empeños, e María, a da confianza absoluta. Pretendemos abrirnos tamén nós a toda a graza do Nadal, a toda a súa sinxeleza, a toda a súa fondura. Deus, a través das mediacións desastres persoas, estanos chamad@s a encarnar todo isto nas nosas vidas.


1.- Isaías

Signo: Unha persoa introduce un ramo de flores e pono enriba da mesa.

Introdución: Representamos a Isaías co signo dun ramo de flores: algo moi fermoso, moi atractivo, un soño sobre todo agora no inverno. E imos escoitar un deses soños de Isaías, que se lerá nas Eucaristías de mañá. Forma parte do terceiro Isaías, é dicir, dos discípulos posteriores a Isaías que mantiveron o seu ton de fe absoluta no poder de Deus, de purificación da práctica relixiosa, e de esperanza contra toda desperanza en épocas moi convulsas para o pobo en xeral e, coma sempre, para a xente máis humilde en especial.

Lectura de Isaías 61, 1-2a. 10-11.

Motivación: Estamos un momento en silencio. Isaías invítanos a soñar. Soñamos? Cara a nos mesm@s, cara a Galicia, cara a España, cara ao mundo en xeral, cara a situacións concretas, con persoas concretas coas que vivimos, soñamos? Cara á Igrexa, soñamos? Cultivamos os soños? Alentamos os soños? Secundamos os soños doutras persoas? Ou somos de mente plana, de corazón plano, de espírito apagado, desalentado?
Cales son os meus soños neste momento?

Contemplamos isto en silencio (Podemos compartir algo moi brevemente)

Pregaria (recitamos xunt@s)

Bendito sexas, Deus,
na xente soñadora
que tempo atrás vendaron
as esperanzas rotas.

Bendito, Deus, na xente
firme e traballadora,
que ao servizo dos soños
renden as súas forzas.

Bendito, Deus, bendito,
en quen te escoita e honra,
e fai da fe en ti
paixón transformadora.
Bendito sexas, Deus,
maoíña acolledora
no berce do silencio
que acouga, que namora.


2.- Xoán Bautista

Signo: unha luz, que unha persoa coloca tamén enriba da mesa.

Introdución: Xoán Bautista foi un personaxe que tivo moita influencia na maduración espiritual de Xesús; posibilitou a súa chegada, aínda que co tempo se viu desbordado pola orixinalidade profética de Xesús. Na liturxia de Advento aparece como a persoa austera no comer, no vestir, no falar; persoa moi sensible a un uso tramposo da relixión que se acomoda coas inxustizas e desigualdades. Xoán é un apaixonado de Deus e da súa novidade, que o acabará descolocando. Xoán é humilde, non se considera a luz, senón a súa testemuña; bautiza cun bautismo menor, o da auga, ansiando e sinalando a quen ten todo o poder do Espírito para renovalo todo a fondo.

Escoitemos cos oídos do corazón o evanxeo deste domingo.
Lectura do evanxeo de Xoán: Xn 1.6-8.19-28

Acollemos en silencio a figura e a mensaxe de Xoán. Con el cantámoslle á luz da que todos/as podemos ser testemuñas.

Cantiga:

QUE A TÚA LUZ NOS FAGA VER A LUZ,
QUE A TÚA LUZ NOS FAGA SER NÓS LUZ,
QUE A TÚA LUZ NOS FAGA VER,
QUE A TÚA LUZ NOS FAGA SER,
QUE A TÚA LUZ NOS FAGA DAR NÓS LUZ.

Tempo de silencio (que rematamos volvendo a cantar a cantiga anterior)


3.- Santa María

Signo: Un berce baleiro, que unha persoa coloca tamén enriba da mesa.

Introdución: A aldeá María de Nazaré, como é lóxico, convértese no personaxe fundamental do Nadal, do acontecemento do Nadal, da festa do Nadal. Sen nai non hai fillo. Imos escoitar a lectura de Lc 1, 26-38, que narra a concepción de Xesús. Para aproveitala, pódenos axudar ter en conta estas dúas cousas. Primeira, o relato está construído para compartir o convencemento que tiveron deseguida as primeiras comunidades cristiás de que Xesús, todo o de Xesús, non podía ser senón cousa totalmente de Deus, totalmente do Espírito, nunha sorprendente unidade. E para transmitir esta fe que Deus mesmo suscitara neles crearon este relato, que cómpre ler cos ollos desa mesma fe. E segunda cousa a ter en conta: se deixamos que a forza de Deus, o seu Espírito nos envolva, nos invada, nos leve de aquí para acolá sen resistencia algunha, é inimaxinable o que pode saír dos nosos ventres e vidas tantas veces paradas, estériles. María é un referente simbólico de todo isto.

Escoitamos a lectura de Lucas: Lc 1,26-38.

Tempo de silencio
(Podemos ler, se queremos, a seguinte versión poética da anunciación posta na boca da mesma Santa María. ANUNCIADA (J.L. Blanco Vega en “…y tengo amor a lo visible”, p. 55)

- ¿Y cómo os diría yo
lo que un ángel desbarata?

Fue como tener seguras
las paredes de tu casa
y en un vendabal sin ruido
ver que el techo se levanta
y entra Dios hasta la alcoba
diciendo:

- Llena de gracia,
no me levantes paredes
ni pongas muro a tu casa,
que por entrar en tu historia
me salto yo las murallas.

Si virgen, vas a ser madre,
si esposa, mi enamorada,
si libre, por libre quiero
que digas: “he aquí la esclava”.

- He aquí la esclava, le dije.

Y se quedó mi palabra
sencilla, sencillamente
en el aire arrodillada.


4.- Recreamos o Belén

Motivación: as figuras de Isaías, de Xoán Bautista, de María, seguro que nos foron situando nunha axeitada actitude espiritual para achegarnos ao Nadal, para recrear o Nadal, para revivir o Nadal nas nosas casas, comunidades e parroquias, no medio dun contexto comercial tantas veces baleiro de Xesús e de todo o que Xesús significa.

Temos que refacer e vivir un Belén vivente. Que nos gustaría traer, ser, ofrendar para este Belén? Podémolo ir dicindo, e ao tempo achegámonos e imos facendo corro ao redor do berce.

Acompañamos este momento con estas dúas cantigas:

AI, CANTO AMOR,
AI, CANTO AMOR,
NUNHAS POBRES PALLAS
NACEU O SEÑOR.

E RORO, RORO, MEU NENO,
E RORO, RORO, MEU AMOR.


5.- E rematamos

Todos dándonos bicos e apertas e desexándonos feliz e cristián Nadal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.