venres, 3 de novembro de 2017

5 de novembro: Domingo 31º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 23,1-12

Comentario:

O Evanxeo de hoxe recolle unha crítica moi dura contra a institución relixiosa xudía, tal como a coñeceron Xesús e as primeiras comunidades cristiás. Esta crítica puido saír da boca das primeiras comunidades cristiás aló polos anos 70-80 do século primeiro, pero en calquera caso está feita desde os criterios e valores que Xesús transmitiu coa súa vida e coa súa palabra tamén. A nós, como persoas e comunidades cristiás do século XXI, non nos importa darlle voltas a esa crítica á institución relixiosa xudía; se lemos este Evanxeo nas nosas celebracións, é como algo dirixido ás nosas comunidades cristiás, ás persoas que as lideran, ás persoas que formamos parte delas e consentimos determinadas formas de facer comunidade cristiá que poden responder, ou non, ao espírito de Xesús. Baixo a forma dunha crítica á institución relixiosa xudía dísenos como sería ben que fose a institución relixiosa cristiá, as comunidades cristiás, as parroquias das que formamos parte. Son palabras, logo, moi directamente dirixidas a todos e cada un, cada unha de nós. Dispoñamos o corazón para acollelas con espírito bo, con vontade de adaptarnos ao que Xesús quere de nós.

O Evanxeo subliña sobre todo tres aspectos, e péchao todo cunha conclusión que recolle a actitude fundamental coa que formar comunidade cristiá. A primeira corrección que fai Xesús ten que ver con iso de falar e non cumprir; de atar cargas pesadas ao lombo dos demais, sen mover un dedo para axudar. É algo que poden facer os curas e bispos, e é algo que podemos facer todas as persoas cristiás en xeral. Ser moi esixentes cos demais, ser moi críticos cos seus fallos, e nós quedarnos na retagarda, lonxe de quen falla, peca e non cumpre, sen achegarnos ás súas vidas, sen albiscar sequera as dificultades desa persoa, as cousas que viviu, a educación que lle deron, ou, simplemente, a fraxilidade da súa persoa, do seu espírito, que o leva a ser como é. Pensemos en calquera persoa alcohólica, drogodependente; pensemos tamén, en xeral, en calquera delincuente, en calquera fracasad@ nas súa afectividade, na súa vida de parella. É moi doado tirar a pedra. Xesús dicía que o que estea sen pecado que tire a primeira pedra. Como nos situamos na nosa comunidade cristiá ante as persoas débiles, pecadoras? Sinalamos co dedo ou arrimamos o lombo?

A segunda corrección de Xesús ten que ver coas aparencias, co feito de darse bombo, de figurar, se ocupar primeiros postos, de ser aplaudido, saudado, reverenciado. É algo que nos gusta a todos, a todas. É un comportamento especialmente perigoso en quen preside unha comunidade cristiá, porque pode arrastras a unha comunidade cristiá a fidelidades que non son do caso. A base de figurar, con vestidos, con aneis, con pompa, con títulos, con seguidores, podemos pouco a pouco desprazar a Deus das nosas vidas e da vida das nosas comunidades. O importante vai sendo o coidado da propia imaxe, do propio éxito, por moito que se pinte de éxito pastoral se cadra. Xa non se seguiría ao Deus de quen quero ser humilde testemuña, senón á persoa que disimuladamente foi suplantando a súa presenza e importancia. Deixamos que na nosa comunidade entre este virus destrutivo? Consentimos que os nosos líderes relixiosos se comporten desta maneira?

A terceira corrección de Xesús é aínda moito máis radical, porque afecta ao miolo mesmo da nosa condición cristiá. Non vos fagades chamar "mestre", di Xesús. Nin mestre, nin pai, nin guieiro. Porque estes títulos dentro dunha comunidade cristiá soamente lle corresponden a Deus e ao seu Cristo, Xesús de Nazaré. Está claro que na Igrexa Católica non tomamos nada en serio esta recomendación de Xesús. Fartámonos de chamar pai, mestre, doutor, santo pai, pontífice, e temos xustificación para todo. Para Xesús o título básico que mellor reflicte o que é, o que debe ser unha comunidade cristiá, é o de irmán, irmá. E punto. Todos irmáns, irmás, todos discípulos, discípulas, todos e todas aprendices do único mestre. Está claro que non cremos na radicalidade de Xesús neste aspecto, como tampouco en moitos outros. Atopamos unha chea de razóns para permitirnos fuxir desa condición esencial nosa: irmáns, irmás. Poderíamos aventurarnos a vivir e construír as nosas comunidades cristiás desde esta clave? Non se trata de negar que nas nosas comunidades poida haber persoas que desempeñen certos papeis especiais. Trátase de afirmar que os deberían cumprir desde a condición de irmáns, de irmás.

Conclúe Xesús as súas correccións con este dito que o resume todo: a persoa máis importante entre vós ha de ser servidora vosa. E quen serve, se serve de verdade, como Xesús vivía e facía, non se pon nunca por riba de ninguén en nada, senón, en todo caso, por baixo, para facer máis evidente o seu servizo.

Estamos en tempos nos que parece que se quere revisar un pouco a vitalidade das comunidades cristiás, da parroquias. Xesús ofrécenos cousas ben importantes a ter en conta. En cada celebración do domingo facemos memoria do noso gran Servidor, Xesús, que entregou a vida pola comunidade humana; arrexuntámonos en comunidade de irmáns e irmás, comemos na mesma mesa do pan e do viño santos de Xesús, do seu Espírito, e así capacitámonos para vivir dentro da comunidade cristiá e fóra dela sendo fieis ás palabras e ao espírito do noso único mestre.

Preces:

QUE TI SEXAS, XESÚS,
O NOSO ÚNICO MESTRE
  • Que saibamos arrimar o lombo a quen na comunidade ou fóra dela pasa por situacións difíciles. Oremos.
  • Que fuxamos do bombo e das aparencias, que compartamos a nosa abundancia con quen precisa de cousas elementais. Oremos.
  • Que nos afanemos por ser bos aprendices de Xesús, e compartamos cos demais o espírito bo que Xesús nos vaia transmitindo. Oremos.
  • Que descubramos o gran mérito, a gran alegría de sermos e de tratarnos coma irmáns, coma irmás en todo, e fagamos da irmandade a forza da nosa vida cristiá. Oremos.
  • Que dentro e fóra da comunidade cristiá cumpramos coa nosa vocación de xente que busca servir, nada máis que servir. Oremos.

Pregaria:

Xesús, irmán maior,
que ao teu lado poidamos descubrir
a revolución da irmandade,
a alegría da irmandade,
a tarefa da irmandade.

Irmáns, irmás
de todo o que a diario entra en contacto con nosoutras.

Irmáns, irmás
da natureza e dos seres que a compoñen,
para querelos, coidalos, gozalos
e compartilos.

Irmáns, irmás
dos animaliños todos
para coidalos e respectalos en todo
para nunca maltratalos
por moita que sexa a arte coa que o fagamos.

Irmáns, irmás
da xente estranxeira e refuxiada
que solicita unha miguiña de compaixón e axuda,
un fogar e unha esperanza para a vida.

Irmáns, irmás
das persoas que nos poden anoxar
polos seus vicios e defectos,
polas barbaridades que cometeron,
polas condenas que están cumprindo.

Irmáns, irmás
dos meus veciños e veciñas todas
que coñezo ben nas súas grazas e malicias,
como tamén elas me coñecen a min
no que teño de bo, no que teño de malo.

Irmáns, irmás
sempre,
por riba de todo,
con todas as consecuencias,
como condición primeira para sermos
seguidores, seguidoras de Xesús
en comunidade cristiá.

Xesús, irmán maior,
lévanos da man
á terra da irmandade.

Signo:
  • Rostros de persoas de raza, relixión e condición social diversa.
  • Algunha persoa acollendo a xente refuxiada.
  • Persoas que acompañan a presidiarios.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.