martes, 24 de outubro de 2017

29 de outubro: Domingo 30º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 22, 34-40

Comentario:

Seguimos vendo no evanxeo de hoxe como algúns destacados grupos relixiosos do tempo de Xesús se dirixen a el, pero non con ánimo humilde para aprender del, senón coa vontade de podelo coller nalgún tipo de contradición e así podelo descualificar, e deste xeito evitar o que Xesús lles botaba en cara. É algo moi humano: cando alguén nos pon diante algo que facemos mal, no canto de escoitalo para corrixirnos e así medrar no ben, o que facemos moitas veces é criticalo, buscar algún defecto que el teña para non lle facer caso ao que nos pon diante. Está claro que as persoas que lemos o evanxeo cada domingo non deberiamos achegarnos a Xesús con este espírito malo, senón co desexo sincero de escoitalo, sabendo que se algo nos pon diante é polo noso ben e mellora. Sería moi bo que na comunidade cristiá todos, todas, nos dispuxésemos a relacionarnos cun espírito de escoita e de agradecemento polo que os demais nos poidan ir poñendo diante.

Polo que se ve é cousa vella iso de debater que é o máis importante da vida relixiosa. Tamén hoxe debatemos diso, e, se non debatemos, deberiamos facelo, con liberdade, con desexo sincero de bater con aquilo que realmente a Deus lle importa, que será, sen dúbida, o que nos faga máis ben á xente. Que é o máis importante da nosa vida cristiá? Participar na misa dos domingos? Comungar recibindo o Pan de Xesús na lingua e non na man? Que un divorciado/a volto a casar comungue ou non comungue nas Misas? Que os mozos/as non convivan xuntos antes do casamento? Ofrecer Misas polos nosos defuntos/as? Apuntarme nun grupo da parroquia? Facerme voluntaria de tal ou cal organización benéfica? Apuntarme a un partido político, sindicato ou agrupación veciñal, para mellor defender o pan da xente máis débil? De feito, o Papa Francisco estanos invitando repetidamente a que reparemos no que é fundamental para a nosa práctica cristiá, polo noso propio ben, e polo ben que así lle poderiamos facer a outras persoas que tamén andan buscando a maneira de vivir a vida con máis ou menos sentido e proveito. Que é o máis importante da nosa vida cristiá? Cal é mandamento máis importante?

Xesús responde a esa pregunta orientándonos cara ao fundamental: o importante, o nuclear é amar, deixar que esa onda de amor que sae de Deus cara á creación, cara aos seres humanos de todos os tempos e de todos os lugares, nos envolva por riba e por baixo, por dentro e por fóra; o importante é que nos subamos a esa onda e que fagamos dela o noso propio lugar de vida e de acción; o importante é que correspondamos co noso amor total a quen é a fonte do mesmo; que nos amemos a nós mesmos, respectándonos, coidándonos, contribuíndo a desenvolver en nós o proxecto solidario que Deus soñou para toda a creación; o importante é que teñamos cara á demais xente eses sentimentos e boas prácticas do amor solidario, a través dos mil detalles dos que se compón a vida humana de cada día. Así de claro. Así de simple. Así de fondo. Sería moi bo que este fose sempre o convencemento principal de calquera persoa, de calquera comunidade cristiá; que esta fose a mensaxe que saíse a diario das nosas palabras, do noso estilo de vida.

Vivir, logo, nesta onda do amor-solidariedade á sombra de Xesús de Nazaré, vivir no agradecemento permanente por quen nos ten metido nel: Deus mesmo, Xesús mesmo, tantos homes e mulleres que coa súa práctica de vida nos foron aproximando a esta experiencia. Vivir nesta onda de amor-solidariedade cada día, a cada hora, sempre que temos que facer algo, dicir algo, relacionarnos con alguén, asumir algunha actividade comunitaria, participar en calquera compromiso social, político, cidadán. Deixar que en todo canto facemos se expanda esa luz de solidariedade que nos constrúe e que nos dá consistencia. É algo marabilloso, que pode encher unha vida da maior felicidade, moito máis ca ese louco afán de ter e de dominar ao que con tanta frecuencia se nos convida desde tantos lugares e con tantas formas.

Xesús no evanxeo de hoxe invítanos a embarcarnos nesta aventura, que ten os seus riscos e dificultades. Non é doado amar a fondo: a Deus, a nós mesmas, a demais xente, a creación, a xente máis débil. Asustámonos. Rebaixamos con facilidade a medida dos nosos afectos. Temos medo a que dando moito nos vaiamos quedando sen nada, en nada. Facemos pequenas concesións a iso de amar, de ser solidarios, pero deseguida retiramos a man, o abrazo, a carteira, non sexa que nos pasemos de rosca. Ao pé de Xesús podemos descubrir a forza do amor, as maneiras concretas de desenvolvelo sobre todo no servizo á xente máis débil, e a audacia de amar a tope convencidas/os de que amar non mata, non fire, non debilita nunca, ao contrario. San Agostiño, na onda de Xesús, dicía: “Ama e fai o que queiras”. Se amamos, a maioría dos debates que nos montamos na Igrexa, nas comunidades cristiás, nas nosas mesmas persoas particulares irían perdendo sentido, o mesmo que as nebras outonizas destes días se esvaecen ante a presenza do sol.

A eucaristía é un canto comunitario ao amor, unha experiencia comunitaria de amor que pode nutrir as nosas vidas día tras día. Gocémola. Aproveitémola. Compartámola dentro e fóra.

Preces:

AMARÁS O TEU PRÓXIMO COMO A TI MESMA
  • Á vista das persoas amargadas, soas, desprotexidas, que carecen de compaña e atencións, rezamos acollendo as palabras de Xesús que nos recorda:
  • Á vista das persoas casadas que chegaron a romper o seu matrimonio e se senten desorientadas, pobres en amor dado e recibido, buscando ser felices, rezamos acollendo as palabras de Xesús que nos recorda:
  • Á vista das persoas gays tantas veces ridiculizadas e desprezadas, ás que lles pechamos tantas portas tamén nas mesmas comunidades cristiás, rezamos acollendo as palabras de Xesús que nos recorda:
  • Á vista das misioneiras/os, das persoas de tantas ONGs que andan polo mundo enteiro espallando e suscitando amor e solidariedade, rezamos acollendo as palabras de Xesús que nos recorda:
  • Á vista dos problemas pequenos e grandes que se dan cada día dentro das comunidades cristiás e na convivencia social, política, dentro dos nosos pobos e cidades, rezamos acollendo as palabras de Xesús que nos recorda:


Pregaria:

Grazas pola túa proposta, Xesús,
Persoas desfavorecidas fan cola para obter alimentos gratis.
Belga/AFP/S. Supinsky
en tempos recios de incertezas fondas,
cando a tanta xente se nos encolle o alento
se nos engurra a luz e a esperanza.

Grazas pola túa chamada ao amor,
á tenrura, á solicitude, aos coidados,
á solidariedade, á implicación,
a sentirnos un/unha con todo, con todas.

Grazas por invitarnos ao común, ao comunitario,
ao social, ao que é de todos e para todos,
cando tanto tendemos a agarrarnos apaixonadamente
á táboa do particular e do privado.

Grazas por recordarnos que Deus é amor, todo amor,
que ao amor incita e no amor se atopa,
desarmado doutros títulos e roupaxes
cos que torpemente o temos ocultado.

Grazas por recordarnos o máis simple
o que nos fai verdadeiramente humanos:
espallar o amor en capas de servizo,
bicar como nos gustaría ser bicadas/os.

Grazas por suxerirnos que seremos felices,
superaremos crises, espantaremos medos,
só cando abramos casas e corazóns,
para que pan e afectos entren e saian libremente.

Grazas pola palabra amor, a única sagrada,
tan tripada, simulada, escurecida,
bandeira de nortes e amenceres,
reclamo contra o espanto, contra a nada.

Signo:
  • Xesús crucificado, como sinal do amor ata o extremo.
  • Diferentes imaxes de amores e coidados, de todo tipo.
  • Imaxes de persoas ou grupos necesitados de atención e servizo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.