mércores, 11 de outubro de 2017

15 de outubro: Domingo 28º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 22, 1-14 (ou máis breve: Mt 22, 1-10)

Comentario:

Xesús, no seu momento, con esta parábola facía coma un retrato do que estaba pasando con el e cos seus primeiros seguidores que anunciaban a boa nova de Deus, o seu proxecto de vida persoal e social, e procuraban vivir de acordo con el. Nós hoxe lemos as parábolas de Xesús, e parece que quedamos coma indiferentes; posiblemente polas interpretacións que delas se nos foron dando, quitámoslle ferro, como se di vulgarmente. Pero esta parábola, coma a maioría das parábolas de Xesús, ten un punto de choque, de escándalo, co que Xesús quería sacudir as conciencias das persoas que o escoitaban e axudalos a revisar a súa visión das cousas, as súas opcións, a súa vida. O punto de escándalo está en que aquelas persoas que, en principio, eran as convidadas á voda quedan fóra, e aqueloutras que vagaban polas rúas e camiños, xente marxinal, sen mérito nin dereito ningún, enchen a sala do banquete, enchen a casa de Deus, enchen os grupos de Xesús, as comunidades cristiás, a Igrexa de Deus. Pero quen eran as persoas que estaban invitadas e quedan fóra? Curiosamente eran xente moi relixiosa, que semellaba cumprir con Deus, que estaba integrada na organización relixiosa oficial que o representaba.

Se hoxe lemos esta parábola contada por Xesús hai 2000 anos, é porque pensamos que tamén entre nós pode pasar algo semellante, que tamén a todos nós nos pode vir ben, moi ben. Pero sigamos a parábola paso a paso. Non é cousa sen importancia que a convocatoria sexa a unha voda, co que teñen as vodas de amor vivido, celebrado, compartido; co que teñen de encontro, de comunidade; co que teñen de abundancia compartida; co que teñen de festa, de celebración. As vodas recollen, concentran cousas moi fermosas da experiencia humana; por iso mesmo Xesús falaba do reinado de Deus coa comparanza dunha voda: algo fermoso, algo atraínte, algo que trae felicidade, ánimo, alento, algo que anima a vivir. Iso sería ben que fose a nosa experiencia relixiosa persoal e comunitaria; a iso sería ben que seguísemos convidando desde as nosas comunidades cristiás. Estámolo vivindo e ofrecendo así?

Na parábola dise que o pai do noivo manda o aviso da voda unha, dúas, tres veces aos convidados á mesma, con diferentes medios e persoas. Deus vólvese tolo, por dicilo de algunha maneira, para que acudamos á voda, para que participemos na experiencia humanísima do amor, da solidariedade, do compartir, da festa da vida, e que iso sexa cousa de todo o pobo, algo do que ninguén quede excluído. Nós tamén somos das persoas invitadas por Deus. A invitación pódenos chegar de moitas maneiras e en momentos moi distintos. Pódenos vir pola man de xente de Igrexa ou pola man de calquera persoa, grupo, asociación que estea apostando polas cousas que a Deus lle pracen, que son –ben o sabemos-- todo aquilo que leva en si humanidade, humanidade da densa, da que vai ao fondo das cousas, ao fondo das persoas, da que realmente sacia e sostén as vidas. Poderíamos sinalar unha, dúas voces que hoxe nos están transmitindo esta invitación de Deus?

O aviso chega aos oídos dos invitados/as, pero non fan caso e mesmo se atreven a maltratar os emisarios. A xente que, en principio, parecía especialmente sinalada para asistir á voda négase, non acepta a invitación. Entre esa xente tamén podemos estar nós. Cantas veces chega aos nosos oídos a chamada a escoitar a proposta de Xesús, a deixarnos transformar por ela, a formar comunidades ao redor de Xesús, a ser boa xente, xente xusta, fiable, cabal, a participar en movementos solidarios, a converter o noso malestar e protesta social en accións ordenadas, coordenadas, eficaces en favor da xente máis débil,… cantas veces, e non facemos caso ou case non facemos caso. E o que perdemos son sólidas experiencias de humanización que nos abren o camiño cara ao corazón de Deus. Nada menos! Estou agora mesmo, como persoa e como comunidade, negándome a escoitar e seguir algunha voz que vai na liña de Xesús? Por que? Que vou facer?

É curioso, o evanxelista Lucas, ao narrar esta parábola, non conta a escena final, na que o rei entra a mirar como van vestidos os que si entraran á voda despois de seren recollidos polas rúas e camiños. É moi posible que esta escena final fose un engadido do evanxelista Mateu, porque á súa comunidade non lle parecía moi ben a proposta liberal de Xesús de facer totalmente gratuíta a entrada ao banquete de voda: polo menos había que ir con roupa decente, polo menos había que ser xente de ben, non xente pecadora. Seguro que tamén a nós nos parece correcto este engadido de Mateu. Pero xa coñécemos ben a esplendidez de Xesús, que veu chamar preferentemente aos pecadores, a xente marxinal, a aqueles e aquelas que a vida fora deixando á beira do camiño. Eses, esas, curiosamente, foron as que ao final entraron á voda, para escándalo da xente cumpridora. Que nos quere dicir isto a nós? Pasa algo disto nos nosos tempos? Estase debatendo en Roma o tema da Familia; cando se lle quere negar o acceso á comuñón a persoas divorciadas que refán a súa vida con outra parella, que estamos facendo?, a quen queremos invitar, a quen lles queremos negar o acceso á voda, á comunidade de Xesús, ao espazo de humanidade que debera ser a comunidade cristiá? Que estamos facendo das nosas comunidades cristiás? Casas de misericordia, onde as máis afastadas, por calquera razón, teñen especialmente abertas as portas, ou castelos de marfil para os que nos consideramos bos e competentes? Podemos pensalo. Seguro que nos virá ben.

A Eucaristía de cada domingo é unha pequena e espléndida festa de vodas, á que Deus nos invita a todos, a todas, para celebrar o amor de quen amou ata o extremo, para deixarnos envolver na festa dese amor, para volver á rúa fortes en humanidade.

Preces:

TODO ESTÁ DISPOSTO: VIDE Á VODA!
  1. Que descubramos o gozo de seguirte, Xesús, de escoitar a túa voz na voz de quen nos chame a calquera forma de honradez e de solidariedade. Oremos.
  2. Que saibamos facer da nosa comunidade cristiá un lugar de acollida, onde a xente máis débil se sinta amparada e alentada sempre. Oremos.
  3. Que os segrares, bispos e cardeais que en Roma celebran co Papa o Sínodo sobre a Familia, saiban envolver as esixencias cristiás con espírito de misericordia. Oremos.
  4. Que en calquera lugar onde se venere a Santa María fagamos da súa figura un lugar de perdón, de alento, de defensa, de loita ante as complexidades da vida. Oremos.
  5. Que quen se está aproveitando do diñeiro de todos sexa xustamente xulgado; que a xustiza sexa igual para todos e que todos/as teñamos sentido social, para que a ninguén lle falte traballo, casa, ensino, atención sanitaria. Oremos.

Pregaria:

Grazas, Xesús,
por me convidares ás festas da voda,
por me ofreceres a Deus
coma un regalo e unha compaña permanente,
por desbloquear o acceso a el
recordándome que non son os meus méritos senón o seu don
o que marca o comezo da nosa aventura.

Grazas, Xesús,
por me brindares a oportunidade de coñecerte e de seguirte,
de poder amigar contigo,
de ir descubrindo ao teu lado
o gozo e a esixencia da fraternidade real.

Grazas, Xesús,
por me abrires as portas da comunidade cristiá,
onde podemos experimentar o gozo da unión, da comuñón,
onde nos queremos e coidamos,
onde velamos uns polos outros, polas outras,
coma unha miúda escola de misericordia e de responsabilidade
na que aprender a amar e a servir con verdade.

Grazas, Xesús,
porque nos sinalas a parroquia, o pobo, a vila, a cidade,
como lugar de festa e de tarefa,
como lugar de vodas,
para que non desvariemos con fantasías relixiosas
e descubramos no veciño, na veciña,
sobre todo se é débil, pecador, marxinal,
o templo no que ti habitas,
o terreo sagrado ante o que descalzarse
para mellor amar,
para mellor servir,
para mellor amar e servir o noso Deus.

Grazas, Xesús,
pola persistencia da túa chamada,
polos homes e mulleres
a través das cales me foi chegando na vida
o murmurio da túa voz
invitando á vida,
invitando á festa,
invitando ao amor.

Grazas, Xesús.
Saberei, poderei, quererei eu responder
a tanta esplendidez túa?

Signo:
  • Unha imaxe de celebración de vodas.
  • Un envoltorio de regalo.
  • Algo que exprese defensa, rexeite: xesto dunha persoa, espiños, arames de pinchos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.