luns, 30 de outubro de 2017

2 de novembro: Conmemoración das persoas defuntas


Evanxeo: Mt 11, 25-30

(Nota: O Leccionario ofrece para ese día variadas lecturas do antigo e do Novo Testamento para que poidamos elixir. Ao estarmos no Ciclo A, no que seguimos o evanxelista Mateu, escollemos de entre os propostos un relato deste evanxelista)

Comentario:

Morrer non é bonito, sobre todo cando a morte se presenta máis por sorpresa e leva consigo a persoas novas, ou despois de enfermidades duras, dolorosas, ou cando a morte é causada por algún accidente ou acto violento de calquera clase que sexa. Por moito que vaiamos aceptando a morte coma algo irremediable e normal, sempre nos, queda un aquel de protesta e rebeldía ante o final dos nosos días. A fe cristiá pódenos axudar a reconciliarnos coa morte e a vela mesmo coma unha irmá. Aínda que é posible que a xente máis maior sobre todo contestedes dicindo que non, que a relixión, que a fe cristiá aínda afondou máis na fealdade da morte, falándonos de xuízos, de condenas e de terribles castigos eternos. Xesús quere axudarnos a vivir a morte, igual que quere axudarnos a vivir a vida, para que sempre andemos en paz e en esperanza.

1 de novembro: Festa de todos os santos e santas


Evanxeo: Mt 5, 1-12a

Comentario:

Nos ss. IV-V empezouse a facer memoria dos santos e santas na pregaria eucarística. Lembrábase sobre todo as persoas mártires, as que foran matadas por ser cristiás e vivir coma tales. Despois foise facendo memoria tamén doutros santos e santas. No s. IX empezou a celebrarse en Roma a festa de todos os santos e santas o día 1 de novembro e desde Roma espallouse polo mundo enteiro ata o día de hoxe.

martes, 24 de outubro de 2017

29 de outubro: Domingo 30º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 22, 34-40

Comentario:

Seguimos vendo no evanxeo de hoxe como algúns destacados grupos relixiosos do tempo de Xesús se dirixen a el, pero non con ánimo humilde para aprender del, senón coa vontade de podelo coller nalgún tipo de contradición e así podelo descualificar, e deste xeito evitar o que Xesús lles botaba en cara. É algo moi humano: cando alguén nos pon diante algo que facemos mal, no canto de escoitalo para corrixirnos e así medrar no ben, o que facemos moitas veces é criticalo, buscar algún defecto que el teña para non lle facer caso ao que nos pon diante. Está claro que as persoas que lemos o evanxeo cada domingo non deberiamos achegarnos a Xesús con este espírito malo, senón co desexo sincero de escoitalo, sabendo que se algo nos pon diante é polo noso ben e mellora. Sería moi bo que na comunidade cristiá todos, todas, nos dispuxésemos a relacionarnos cun espírito de escoita e de agradecemento polo que os demais nos poidan ir poñendo diante.

xoves, 19 de outubro de 2017

22 de outubro: Domingo 29 do Tempo Ordinario, Ciclo A.


Evanxeo: Mt 22, 15-21

Comentario:

Xa temos falado de que Xesús suscitaba debate, revolvía o pensamento e as vidas das persoas, especialmente das máis relixiosas, as que crían ter controlada a maneira de acceder a Deus e de vivir conforme á súa vontade. O evanxeo de hoxe recórdanos unha vez máis este feito. Por iso o primeiro que teriamos que ver é se Xesús, se o evanxeo de Xesús, nos revolve a nós tamén, se nos sacode, se produce debate nas nosas conciencias, nas nosas comunidades. Sería o normal que isto pasase. Se non así, pódese deber a que temos “amansado” o espírito de Xesús. Máis que estar nós dispoñibles para seguilo, queremos facer que sexa el quen nos obedeza a nós. Sería cousa nada proveitosa. Sería matar o evanxeo de Xesús dentro de nós. Parémonos un pouco a pensar nisto como persoas e como comunidade cristiá.

mércores, 11 de outubro de 2017

15 de outubro: Domingo 28º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 22, 1-14 (ou máis breve: Mt 22, 1-10)

Comentario:

Xesús, no seu momento, con esta parábola facía coma un retrato do que estaba pasando con el e cos seus primeiros seguidores que anunciaban a boa nova de Deus, o seu proxecto de vida persoal e social, e procuraban vivir de acordo con el. Nós hoxe lemos as parábolas de Xesús, e parece que quedamos coma indiferentes; posiblemente polas interpretacións que delas se nos foron dando, quitámoslle ferro, como se di vulgarmente. Pero esta parábola, coma a maioría das parábolas de Xesús, ten un punto de choque, de escándalo, co que Xesús quería sacudir as conciencias das persoas que o escoitaban e axudalos a revisar a súa visión das cousas, as súas opcións, a súa vida. O punto de escándalo está en que aquelas persoas que, en principio, eran as convidadas á voda quedan fóra, e aqueloutras que vagaban polas rúas e camiños, xente marxinal, sen mérito nin dereito ningún, enchen a sala do banquete, enchen a casa de Deus, enchen os grupos de Xesús, as comunidades cristiás, a Igrexa de Deus. Pero quen eran as persoas que estaban invitadas e quedan fóra? Curiosamente eran xente moi relixiosa, que semellaba cumprir con Deus, que estaba integrada na organización relixiosa oficial que o representaba.

mércores, 4 de outubro de 2017

8 de outubro: Domingo 27º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 21, 33-43

Comentario:

É importante comparar algo a “canción da viña”, que lemos na lectura do profeta Isaías (Is 5,1-7), coa reformulación da mesma que Xesús fai na parábola que lemos no evanxeo de hoxe. Na “canción da viña” de Isaías o problema é que a viña, a pesar dos excelentes coidados do seu dono, no canto de producir boas uvas, produce uvas agraces. Non está de máis que reparemos niso; tamén nós podemos corresponder aos coidados de Deus e de moita xente que no seu nome mira por nós con uvas agraces, é dicir, palabras, comportamentos amargos que amargan a existencia, a nosa mesma existencia e a existencia das persoas que conviven connosco na familia, na comunidade, na sociedade. Estamos chamadas a ser uvas boas, froito gustoso, co que poida gozar quen nos trata, co que poidan gozar sobre todo as pobres, os pobres de Deus, que é a quen Deus quere que tratemos con especialísima consideración. Estamos sendo uva boa para a gran familia de Deus, ou uva agraz na casa, na comunidade, na sociedade?