09 agosto, 2017

13 de agosto: Domingo 19º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 14, 22-33

Comentario:

Coñezo e trato a unha persoa que está pasando por un moi mal momento. Sufriu un ictus xa hai meses e estase debatendo entre a esperanza de ver que o seu corpo poida retomar as funcións vitais básicas con algo de normalidade e a amargura de comprobar o pouco que cada día avanza a pesar dos seus moitos esforzos. É persoa crente. Non culpou de ningunha maneira a Deus da desgraza padecida, máis ben considérao un aliado da súa loita por recuperarse. Coñezo persoas novas, ben formadas, que levan anos agardando a hora feliz en que alguén dos moitos que recibiron os seus curriculums as poida chamar para algún traballiño. Están amargadas, desesperadas. E, coa crise ou sen a crise, a lista de homes e mulleres en situacións semellantes é enorme, todos a coñecemos ben, todas podiamos poñer enriba da mesa dos recordos nomes e nomes próximos e arredados. E que dicir de persoas e aínda pobos enteiros, coma o palestino, ou certas comunidades cristiás centroafricanas, que día a día se debaten ante a simple posibilidade de chegar a mañá, de vivir simplemente?

Quizabes ningún, ningunha de nós nos movamos en situacións tan extremas. Ou si, porque as razóns para andar en esperanza ou en desesperanza son múltiples: cousas da vida, cousas dos amores, cousas da parella, cousas dos fillos e fillas, cousas dos estudos, do traballo, da enfermidade, da morte; cousas da política, da relixión, cousas da parroquia, do cura, da comunidade cristiá; cousas de ter onde e de que vivir, de ter onde traballar; cousas de sentirte querida, integrada, valorada,... O evanxeo de hoxe proclama unha palabra e unha presenza de Xesús, de Deus, especialmente destinada a esas persoas que están, que estamos, na corda frouxa da esperanza-desesperanza, do medo e da anguria, da vida e da morte. Se estamos envoltos/as nalgunha situación de desespero, Deus, Xesús, ofrécese para estar ao noso lado para nos dar respiro, como só Deus sabe facelo. Se nos sentimos ben, vivos, serenas/os, con esperanza, Deus, Xesús, invítanos a sumarnos a el na tarefa preciosa de achegarnos a quen ande anubrado para lle axudar a erguer os ánimos, recuperar a fe, o alento e poder buscar e vivir a vida con esperanza, con ilusión. Aceptamos esta dobre proposta de Xesús? Aceptamos e agradecemos as persoas que están ou queren estar ao noso lado para agasallarnos co seu afecto e atencións?

O evanxeo de hoxe preséntasenos a Xesús coma o novo Moisés que mete no seu pobo forzas de vida e de liberdade; ten unha enorme intensidade desde o primeiro momento en que Xesús despide a xente e se retira a orar no monte, ata o momento final no que, despois de liberar a Pedro de fundirse nas augas, os discípulos se prostran ante el e proclaman: “Realmente ti es fillo de Deus”. Este evanxeo máis ca un relato histórico é unha parábola vital, na que estamos incluídos todos e cada un, cada unha de nós. É moi instrutivo ver como Xesús se manifesta como Fillo de Deus, como Xesús realiza esa condición súa de ser fillo de Deus. Empeza por atender a xente, que era multitude: fálalle, mobiliza as cousas para que teñen alimento, párase con ela, despídea..., a xente, o pobo, sempre nas ansias de Xesús. Logo retírase a orar, só, con Deus, no apartado, no monte. De que falaría Xesús con Deus? Como lle abriría o seu corazón? Como lle presentaría a tarefa que levaba a cabo cada día, o seu especial interese pola xente máis apesarada pola vida? Como se enchería de Deus e do seu vigor para volver coas pilas cargadas a tope outra vez alí onde a xente goza, sufre e loita? Non nos dá algo de envexa?

(Blog Apostolado del Mar de Canarias)
O certo é que Xesús baixa do monte despois da oración e se enfronta á tempestade. As augas, o mar bravo, os ventos son un símbolo dos traballos da vida que, uns máis ca outros/as, todos padecemos, como dixemos máis arriba. Pois aí volve Xesús. Con moita forza, con moito vigor, cheo de fe, de paixón pola xente; cheo de esperanza e desexando compartir todo canto é e canto ten con quen o precise. Xesús coa súa presenza, coa súa palabra, coa súa maneira de vivir incita á esperanza, sobre todo a aquelas persoas que están máis ao borde do precipicio. E nesa capacidade enorme que el tiña de sustentar o que case estaba afogando, o pequeno, o que non conta, o oprimido polo mal e por quen manexa os seus fíos, nesa capacidade móstrase fillo de Deus. Nesa capacidade enorme súa de calmar, serenar, situar as persoas en zonas de paz, de dignidade e de xustiza, é onde el é e se manifesta fillo de Deus, coma nunca ninguén o fixo nin o fará. Temos experimentado así algunha vez a Xesús no medio de nós, na nosa vida, na nosa comunidade, na nosa experiencia persoal? Ou simplemente confesarmos que Xesús é fillo de Deus como de memoria, de carretilla, sen ter pasado polo doce pracer de o sentir recollendo e amparando as nosas vidas, e devolvéndonos a capacidade de crer, de amar, de esperar?

Se queremos andar polos camiños de Xesús, se queremos ser homes e mulleres empeñadas no seu seguimento, Xesús amósanos o camiño. Para unha persoa cristiá crer, proclamar que Xesús é o fillo de Deus, quedaría en nada se non nos dispoñemos a seguir os seus pasos, por outra banda tan sinxelos: andar no medio do pobo, ser pobo co pobo para poder vibrar cos seus medos, ilusións, fracasos, esperanzas; afacernos a intimar con Deus, en comunidade, en soidade, para enchernos del, do seu vigor, do seu Espírito; volver onda o pobo, dándolle preferencia ás persoas que o estean pasando máis peor, para simplemente dar gratuitamente o que gratuitamente nos foi dado: ese anaquiño de fe, de esperanza, de amor, de loita, de rebeldía, de paz, que nos permita gozar da vida e da dita de compartila.

A Eucaristía introdúcenos a fondo na vida, no corazón, na experiencia de Xesús, no seu Corpo e no seu Sangue que a representan sacramentalmente. Con el ben ao noso lado, todo é posible, todo pode cambiar.

Preces:

TRANQUILOS, TRANQUILAS, QUE SON EU,
NON TEÑADES MEDO.
  1. Que as persoas enfermas, fundidas, deprimidas sintan a túa presenza, a túa paz, a túa forza, que as axude a saír das súas amarguras. Oremos.
  2. Que todos, todas nós gocemos da túa presenza alentadora e saibamos aportar paz e alento ás persoas que o precisan e están ao redor noso. Oremos.
  3. Que o pobo palestino que está ao límite da súa existencia, e calquera pobo ou persoa que se atope en situacións similares poida liberarse dos seus opresores e gozar dunha vida tranquila, en paz. Oremos.
  4. Que na Igrexa, onde hai tamén moitas turbulencias, nos sintamos alentados por ti para construír e gozar de comunidades cristiás fraternas, ilusionadas polo teu estilo de vida. Oremos.
  5. Que o mundo rural galego, tan desalentado por tantos motivos, encontre en nós persoas de apoio e de defensa. Oremos.


Pregaria:

Quero aprender de ti, Xesús,
o xeito de rezar.
só,
só ou acompañado;
no monte,
no monte, na casa ou na rúa.
O caso é que ti me aprendas,
para romper dunha vez por todas
con este meu andar roldando a túa porta,
a porta do teu Deus,
sen ousar entrar a corpo enteiro,
coma un amigo entra por fin na casa dun amigo.

Quero sentirme acompañado/a por ti
nas miñas soidades,
nas miñas frustracións, nos meus pecados,
nos meus medos, nos meus espantos,
nas miña abundancias tamén,
nas horas gordas de ledicia e esperanza.

Quero sentirme acompañado por ti,
gozosamente, agradecidamente,
e aprender así a estar coa xente,
coas súas soidades, cos seus medos,
cos seus gozos e sombras,
estendendo sempre a man,
implicando o corazón,
todo o que son, todo o que teño,
para que floreza a paz e a dignidade,
e Deus se faga ben vivo e real no medio de nós.

Quero sentirme acompañado por ti.
Saberei deixarme eu acompañar?
Terei fe
para poñerme nos teus brazos,
e abrir os meus a quen deles precise?
Terei fe abonda?

Daquela,
xa sabes, Señor,
éncheme dela,
para poder servir, para poder loitar,
para poder amar,
para poder vivir.


Signo:
  • Imaxes que indiquen tormenta, vendaval, mar embravecido.
  • Unha barca sacudida polas augas.
  • Unha persoa soa en oración.
  • Imaxes de xente que o está pasando moi mal: parados, desafiuzados, emigrantes...



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.