mércores, 5 de xullo de 2017

9 de xullo: Domingo 14º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 11,25-30


Comentario:

Estamos ante unha das pasaxes evanxélicas máis lida, máis proclamada, máis gustada, máis agradecida por moitos cristiáns/ás. Poderiámola considerar algo coma o núcleo do Evanxeo, algo coma o Evanxeo dentro do Evanxeo, porque nos desvela o corazón de Deus, unha das prácticas que a el máis lle gustan: ter trato de intimidade coa xente máis pequena; e tamén porque nos desvela que Xesús, imitando nisto coma en todo a Deus Pai/Nai, tamén tivo sempre unha atención moi especial con esa xente pequena, que el tantas veces vía cansa e oprimida; achegouse a ela de mil maneiras, e sempre co interese fondo de lles dar algo de respiro, algo de alivio, algo de acougo. Por esta razón estaría ben que escoitásemos de novo este anaquiño de Evanxeo con especial ganas de acollelo e aprender del.

© Berenguela
Quen era no tempo de Xesús esa xente pequena, cansa e oprimida, pola que el daba grazas ao Pai, e a quen el lle ofrecía compaña, alivio e liderado? Maioritariamente era a xente que máis padecía as consecuencias negativas de estar sometida ao imperio romano, a través das amplas e duras redes de dominio que estendía nas poboacións que dominaba. Xente sobre todo rural, pobre, xente cargada de impostos, xente endebedada, xente que escasamente tiña con que vivir, xente enferma, xente atormentada, xente desequilibrada moitas veces, xente sen esperanza de que as cousas puidesen cambiar, xente fundida, xente para quen a relixión, no canto de ser un mundo de esperanza, se convertía nun peso máis que se sumaba ás outras cargas. Seguro que non nos será moi difícil entender quen son no día de hoxe, no noso tempo e sociedade, esa xente pequena pola que Deus e Xesús senten tanta preferencia e mesmo admiración. Seguro que a todos, todas, se nos veñen á cabeza nomes e rostros moi concretos. Bo é que pensemos neles, nelas, por un momento, que lles abramos as nosas vidas á súa presenza.

Desa xente o evanxeo de hoxe di dúas cousas importantes. Primeira, que a Xesús lle provocaron admiración e agradecemento. Descubría nesa xente cousas, actitudes, disposicións que non vía noutra xente ben situada economicamente, intelixente, de boa sona social. Xesús aprendeu desa xente. Descubriu a Deus, ollando para esa xente. Vía que eran persoas que desde a súa debilidade máxima tiñan o corazón e a vida abertos ás cousas de Deus, aos soños de Deus, que consistían sempre en dignificar as súas vidas, en lles dar respiro, en crear fraternidade, en facer xustiza. Esa era a xente que enchía os días de Xesús e da que con tanta frecuencia nos fala o Evanxeo. Somos nós desa xente pequena? E, se non o somos, sabémonos achegar a ela para axudarlles a ter alivio nas súas vidas de cada día, pero tamén para aprender delas, dado que son xente preferida de Deus, nas que seguramente Deus deixa bos sinais da súa presenza? Como nos situamos ante esa xente pequena na nosa comunidade cristiá?

Pero Xesús, que pasaba e pasa moitísimo tempo compartindo os cansazos e aperturas desa xente pequena, que tanto aprendía dela, deseguida se ofrece tamén, con todo o que el ten e pode, para levar respiro, liberdade, acougo a esas vidas maltratadas. Ofrécelles a súa amizade, a súa compaña íntima. Ofrécelles compartir os soños nos que el anda metido: levar alivio ás multitudes maltratadas. Ofrécelles romper con todo xugo de opresión, moi representado daquela polas redes abusivas do imperio romano, e representado hoxe polo imperio financeiro mundial, causante de tantos atropelos contra as persoas e os pobos. Ofrécelles non pan e circo, charanga e pandeireta, senón o alivio, a alegría fonda de quen entra no xugo recio e suave a un tempo da fraternidade, que ese é o xugo levadeiro e livián de Xesús. Que lle ofrecemos nós, como persoa, coma comunidade cristiá, á xente pequena que nos rodea?

Xesús invita a cargar co xugo, invita ao compromiso, á loita, porque a fraternidade non se constrúe con palabras bonitas, nin tampouco con oracións sublimes. Pero non nos deixa sos na tarefa. Se di: “achegádevos a min”, é porque el quere estar aí ao lado, alentando ánimos, sostendo esforzos. Se di: “cargade co meu xugo”, é porque el foi e é o primeiro en arrimar o lombo; porque del podemos aprender a maneira de estar vivos/as na tarefa; el apréndenos a ser bos a fondo, íntegros, transparentes, sen malicia, sen egoísmos, sen trampas, sen mentiras, valentes; el ensínanos a ser humildes de corazón: persoas agradecidas dos nosos méritos e doídas dos nosos pecados; persoas non de aires chulos e prepotentes, senón conscientes da importancia de todos/as para a tarefa da irmandade; persoas fiadas a fondo de Deus que nos leva nas súas mans, e por iso tamén fondamente alegres e fortes na esperanza. A humildade confiada en Deus, aberta á fraternidade, daranos acougo e valentía, que tanto nos fan falla na hora presente.

A Eucaristía é un espazo apropiado para que o noso corazón se satisfaga comunitariamente coas cousas de Xesús, e se fortaleza para vivir cada día compartindo vida coa xente sinxela, cansa, aflixida, oprimida.

Preces:

APRENDEDE DE MIN, QUE SON BO E HUMILDE DE CORAZÓN
  1. Si, Xesús, queremos aprender de ti a ser persoas boas, humildes de corazón, amigas de facer o ben e de crear irmandade con todo canto fagamos. Por iso oramos repetindo as túas palabras.
  2. Si, Xesús, queremos aprender de ti a ser humildes para poder ser valentes; a ser persoas de paz para poder ser persoas de loita, a ser persoas de oración para ser persoas implicadas nos problemas sociais. Por iso oramos repetindo as túas palabras.
  3. Si, Xesús, queremos aprender a sentir nas nosas vidas o teu abrazo, o teu consolo, a túa forza, e a ser tamén para quen nos rodea consolo e alento. Por iso oramos repetindo as túas palabras.
  4. Si, Xesús, queremos aprender a vivir e alternar coa xente máis cansa, oprimida, marxinada, para amar e servir mellor, para aprender dela a urxencia de cambios fondos na nosa sociedade. Por iso oramos repetindo as túas palabras.
  5. Si, Xesús, queremos aprender a coñecerte a ti, a coñecer o Pai/Nai que nos sostén, a coñecer a vida, o mundo da xente máis humilde e pobre, para renovar a fondo as nosas comunidades cristiás. Por iso oramos repetindo as túas palabras.


Pregaria:

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
Porque a xente pequena, sinxela,
a xente sen cartos nin poder,
a xente que non conta aos ollos deste mundo,
é a túa preferida.

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
porque non pensas como pensamos os humanos;
ollas con preferencia extrema as máis desfavorecidas
e ábreslles con máis facilidade
o teu corazón, os teus dons, o teu misterio.

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
pola xente pobre e marxinal
coa que tés trato e intimidade especial;
na súa fraxilidade intúen a túa presenza liberadora,
suspiran pola vida, polo afecto,
polo pan, pola paz, pola dignidade,
e desexan ardentemente un mundo novo,
un corazón novo
para unha nova xustiza, para unha nova sociedade.

© EFE
Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
porque che prace que as cousas sexan así,
e invítasnos polo mesmo
a descubrir a valía da xente pequena
e a enredarnos con ela coma ti.

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
por Xesús de Nazaré, o teu fillo ben amado,
que coa súa palabra e a súa vida
nos abriu os ollos e o corazón,
para que aprendésemos a ver a vida
desde o lado e o mérito da xente sinxela.

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
porque en Xesús e con Xesús nos invitas
a sermos acollidos/as coma xente pequena
e a acoller tamén a todas as persoas que o son,
creando redes sólidas de alivio e de esperanza,
de acougo e de espírito de loita,
para facer máis levadeira a carga das nosas vidas.


Signo:
  • Rostros de xente sinxela, anónima.
  • Persoa en actitude de oración, de loanza.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.