mércores, 26 de xullo de 2017

30 de xullo: Domingo 17º do tempo ordinario (A)


Evanxeo: Mt 13, 44-52 (ou lectura breve: Mt 13,44-46)

Comentario:

Onte mesmo, falando cun amigo crego, comentábame que en certa parroquia, que igual lle encomendaban a el, a xente manifestaba abertamente que non quería que o cura predicase nunca, nada. É algo estraño iso, certamente, tratándose dunha comunidade parroquial que si quere ser considerada como parroquia, como Igrexa; pero seguro que tras diso hai moitas cousas: moita palabra baleira pronunciada polos diferentes curas, que non chegaba á vida, que non chegaba aos corazóns, que acababa sendo inútil, e, polo tanto, para que perder o tempo atendendo a palabras inútiles. Tras diso pode haber tamén unha perda progresiva da identidade cristiá dos veciños e veciñas, froito dun clima de desinterese e abandono das propias responsabilidades en relación co coidado da fe, da vivencia relixiosa; e sabe Deus cantas máis cousas. Pero, se nos saímos dese caso concreto, e nos fixamos no conxunto da sociedade, a sensación é bastante semellante: canta xente non considera totalmente inútil, e mesmo prexudicial, a fe, a palabra crente, a predicación dos cregos, as prácticas relixiosas, etc. Que facemos, que vivimos mal, para que a xente, moita xente pense así de nós, pense así do de Xesús? Ou é, se cadra, que aínda mantén respecto e admiración por Xesús, pero renega de nós porque falamos e rezamos dunha maneira, pero vivimos doutra?


Vén isto a conto de que no evanxeo de hoxe Xesús preséntanos a súa alternativa de vida, asentada en Deus e aberta á realidade humana, sobre todo á realidade da xente máis aflixida, marxinal e mesmo pecadora, e preséntanola coma un tesouro precioso, polo que quen o atopa está disposto/a a dar todo canto ten, ou coma unha perla fina, que o tratante en perlas merca por todo canto ten tamén. E con alegría, con moita alegría en ambos os dous casos. Que contraste máis grande! Para consolo noso, e do cura que igual se ten que responsabilizar da parroquia antedita, temos que advertir que o mesmo Xesús e as primeiras comunidades cristiás, ao tempo que experimentaban a alegría de vivir o que vivían como se fose un enorme tesouro, tamén comprobaban que había moita xente que os ridiculizaba, que se arredaba deles coma da peste, e que mesmo facía todo o posible para acabar con eles/elas. E, aínda así, seguían falando do camiño de Xesús coma dun tesouro.

As parábolas póñennos diante algúns matices, que sería ben que tiveramos en conta para entrar a fondo na súa proposta. É un tesouro, é unha perla boísima. Xesús ten esta experiencia, e así a transmite con todo o convencemento. Saberse querido a fondo por Deus é un tesouro. Vivir á sombra da súa presenza, dos seus coidados é un tesouro. Ver a vida, a xente, os acontecementos cheos desta presenza amorosa, liberadora de Deus é un tesouro. Achegarse á xente máis débil para compartir con ela esta experiencia de Deus é un tesouro. No nome de Deus ir creando pequenas e densas experiencias de vida alternativa onde os últimos sexan os primeiros, e os pecadores os máis considerados, é un tesouro. Un tesouro que Xesús descubriu e polo que deu todo canto tiña. E con moita alegría. Con tensións, con sufrimento, pero con moita alegría. E por iso foi capaz de contaxiar a tanta xente coa súa ilusión. Podémonos considerar nós entre as persoas contaxiadas por Xesús, polo tesouro que a el lle encheu a vida? Facilitamos nós, como persoas, como comunidade cristiá, que a xente descubra o tesouro de Xesús, e o descubra con alegría, e guste de escoitalo, acollelo, vivilo? Ou iscamos a xente coas nosas amarguras, cos nosos cumprimentos fríos, cos nosos legalismos, co noso apagamento?

O tesouro está agachado, e algo teremos que facer para bater con el. O negociante de perlas andaba á busca. O de Xesús é un tesouro, pero un tesouro agachado, algo que está aí, pero que no rebumbio no que vivimos, tanto os contemporáneos de Xesús coma nós, pasa inadvertido, e podemos estar pasando a carón de persoas e de circunstancias onde Deus se nos oferta co seu potencial de vida, de alegría, de posibilidades, e nós pasar de largo. Polo tanto, esta sería a nosa primeira responsabilidade: andar alerta, andar en busca, que non nos tapen os ollos con parvadas, para poder atopar o tesouro, a perla preciosa. Porque, se non damos co tesouro, coa perla preciosa, non é posible dar os pasos seguintes: que o corazón, a vida se che encha de alegría, que esteas disposto/a a investir todo o teu nese tesouro, que fales do vivido e atopado coma dun tesouro, que contaxies a outras persoas, que formemos relacións sociais alternativas, que poidamos romper cos modelos sociais onde aos máis débiles, como din polo meu pobo, sempre lles toque serrar por baixo, etc., etc. Na nosa comunidade cristiá axudamos a que a xente estea atenta para poder descubrir o tesouro de Xesús?

O evanxeo de hoxe, completo, inclúe tamén a parábola da rede varredoira. Non é algo para meter medo; Deus non é nunca para meter medo. Usa expresións algo tremendas, para que caiamos na conta de que na vida podemos xogar coas oportunidades de construírnos ben coma persoas, de axudar á construción das persoas e da sociedade que nos rodea; e iso, claro, non ten volta atrás. Non é que Deus nos castigue en nada e para nada; é que nós mesmos podémonos pechar as portas da nosa estabilidade, da nosa madurez, do noso futuro, da nosa felicidade, e achicala ata facela á medida das nosas mesmas covardías, dos nosos mesmos abandonos e pecados. E sería unha verdadeira pena, aínda que no último o que conte sexa sempre o perdón de Deus.

Na Misa de hoxe podemos atopar e gozar co maior tesouro de calquera persoa ou comunidade cristiá: o corpo e sangue de Cristo, a súa vida feita servizo, cruz e gloria por todos e cada un, cada unha de nós. E todo isto en comunidade.


Preces:

QUE SE NOS ABRAN OS OLLOS, SEÑOR, QUE SE NOS ABRA O CORAZÓN
  1. Para saber buscar, atopar e agradecer con alegría o tesouro que nos ofreces en Xesús de Nazaré. Oremos.
  2. Para saber buscar, atopar e agradecer con alegría o tesouro que nos ofreces nas persoas que nos rodean, coas que imos facendo a nosa vida e levantando a nosa sociedade. Oremos.
  3. Para non nos deixar engaiolar por outros tesouros que levan a marca do consumismo, do egoísmo, do desinterese polo comunitario. Oremos.
  4. Para saber compartir con quen nos rodea o gozo de ter batido contigo e co estilo de vida que ti nos propós. Oremos.
  5. Para colaborar con humildade, pero tamén moi animosamente no fortalecemento da nosa parroquia, da nosa comunidade cristiá.


Pregaria:

Sabíalo?
Es un tesouro
--dicho Deus
e dicho ledamente--,
es un tesouro,
parte do meu tesouro.

Non te ruborices,
non o disimules:
es unha xoia,
vales moito, moito!

Cando no silencio te contemplo,
síntome orgulloso de terte creado.
Aínda nas horas mouras da túa insensatez,
alégrome sustentando a túa existencia.

Descúbrete coma tesouro,
gózate coma tesouro,
ofrécete coma tesouro,
saca a relucir as túas capacidades,
non as aforres,
non as agaches baixo terra,
baixo medos e covardías,
baixo preguizas e vaidades.

A túa familia estao agardando,
a túa parroquia estao agardando,
o teu pobo estao agardando,
Deus estao agardando,
para ledicia túa,
para ledicia de tristes e apoucados/as,
para orgullo da comunidade,
para gloria do teu Deus que te fixo así:
xoia preciosa, valiosísimo tesouro.

Canto vales!
Canto me gustas!
Canto te quero!


Signo:
  • Un tesouro, unha perla fina, unha rede varredoira.
  • Un libro dos Evanxeos.
  • O rostro de xente marxinal, coma tesouro agachado, pisado, de Deus.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.