26 xullo, 2017

30 de xullo: Domingo 17º do tempo ordinario (A)


Evanxeo: Mt 13, 44-52 (ou lectura breve: Mt 13,44-46)

Comentario:

Onte mesmo, falando cun amigo crego, comentábame que en certa parroquia, que igual lle encomendaban a el, a xente manifestaba abertamente que non quería que o cura predicase nunca, nada. É algo estraño iso, certamente, tratándose dunha comunidade parroquial que si quere ser considerada como parroquia, como Igrexa; pero seguro que tras diso hai moitas cousas: moita palabra baleira pronunciada polos diferentes curas, que non chegaba á vida, que non chegaba aos corazóns, que acababa sendo inútil, e, polo tanto, para que perder o tempo atendendo a palabras inútiles. Tras diso pode haber tamén unha perda progresiva da identidade cristiá dos veciños e veciñas, froito dun clima de desinterese e abandono das propias responsabilidades en relación co coidado da fe, da vivencia relixiosa; e sabe Deus cantas máis cousas. Pero, se nos saímos dese caso concreto, e nos fixamos no conxunto da sociedade, a sensación é bastante semellante: canta xente non considera totalmente inútil, e mesmo prexudicial, a fe, a palabra crente, a predicación dos cregos, as prácticas relixiosas, etc. Que facemos, que vivimos mal, para que a xente, moita xente pense así de nós, pense así do de Xesús? Ou é, se cadra, que aínda mantén respecto e admiración por Xesús, pero renega de nós porque falamos e rezamos dunha maneira, pero vivimos doutra?

24 xullo, 2017

25 de xullo: Festa de Santiago Apóstolo, Patrón de Galicia


Evanxeo: Mt 20, 20-28

Comentario:

Hoxe é a festa de Santiago Apóstolo, patrón de Galicia, patrón de España. Hoxe é o Día de Galicia, e para moitos galegos e galegas é tamén o Día da Patria Galega. Para o Evanxeo, para a Boa Nova de Xesús, para Xesús mesmo polo tanto, Galicia non é algo indiferente, nin o é todo o que somos e vivimos os galegos e galegas que vivimos nesta Terra; como tampouco non é indiferente ningunha outra parte de España e do mundo. No Evanxeo Xesús ofrécenos a todos un plan de construción coma persoas e unha maneira de vivir as nosas relacións coas persoas coas que convivimos na familia, no barrio, no pobo, no País, no mundo. O proxecto de Xesús ten transcendencia social, política. E sería normal e bo que as persoas cristiás, galegas ou de calquera outra parte do mundo, nos preocupásemos por trasladar á vida social e política, aquilo que imos aprendendo de Xesús para as nosas vidas. Que podemos aportar como cristiáns, cristiás, a esta tarefa común que é Galicia nos días de hoxe? Que podemos aportar a esa Galicia que o poeta Díaz Castro evocaba fermosamente con estas palabras:
¡Galiza en min, meu Deus, pan que me deron,
leite e centeo e soño e lus da aurora!
Longa rúa da mar, fogar da terra,
e esta crus que nos mide de alto a baixo.

19 xullo, 2017

23 de xullo: Domingo 16º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 13, 24-43 (ou breve: Mt 13, 24-30)


Comentario:

O evanxeo de hoxe forma parte do capítulo 13 de Mateu, dedicado case todo el a contarnos parábolas de Xesús, para axudarnos a comprender cales son as condicións de fondo coas que normalmente se atopan as persoas que se apuntan con Xesús ao seu proxecto de vida, tanto a nivel persoal como social; iso que el chamaba o reinado de Deus.

Así hoxe lemos a parábola do trigo e o xoio (cizaña), a parábola da semente de mostaza e a parábola do fermento. Podemos ler as tres desde unha perspectiva común: con que posibilidades, con que dificultades tamén, nos podemos encontrar as persoas cristiás, cando queremos vivir coma cristiás, cando queremos facer comunidades cristiás, cando queremos colaborar na construción social das nosas parroquias, vilas e cidades. Como somos comunidades cristiá no medio do mundo? Cada unha destas tres parábolas ten os seus matices particulares, que nos poden aproveitar moito. Poñámonos diante destas narracións con oídos de discípulos/as, dispostas a escoitar, a aprender, a levar á vida, aínda que sexa pouco a pouco, lentamente, ao ritmo que nos suxiren estas mesmas parábolas.

12 xullo, 2017

16 de xullo: Domingo 15º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 13, 1-23 (lectura breve: Mt 13, 1-9)


Comentario:

Durante tres domingos leremos o capítulo 13 do evanxeo de Mateu, que contén unha serie de parábolas, moi relacionadas coa vida e as prácticas do campo; con estas parábolas Xesús intentaba facer que a xente que o escoitaba se parase ante as cousas que compoñían a vida máis ou menos normal de cada día, e que soubese ver nesas cousas coma unha comparanza das realidades fondas que todas as persoas vivimos ou podemos vivir. Esas realidades fondas teñen que ver sempre coa boa construción das nosas persoas, familias e sociedades, coas atinadas relacións sociais, coas fontes da nosa satisfacción, da nosa ledicia, da nosa felicidade, co noso éxito ou fracaso coma persoas; por iso mesmo, estas realidades fondas teñen moito que ver coa presenza ou ausencia de Deus nas nosas vidas, e teñen que ver coa proposta de Xesús, o “Reinado de Deus”.

05 xullo, 2017

9 de xullo: Domingo 14º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 11,25-30


Comentario:

Estamos ante unha das pasaxes evanxélicas máis lida, máis proclamada, máis gustada, máis agradecida por moitos cristiáns/ás. Poderiámola considerar algo coma o núcleo do Evanxeo, algo coma o Evanxeo dentro do Evanxeo, porque nos desvela o corazón de Deus, unha das prácticas que a el máis lle gustan: ter trato de intimidade coa xente máis pequena; e tamén porque nos desvela que Xesús, imitando nisto coma en todo a Deus Pai/Nai, tamén tivo sempre unha atención moi especial con esa xente pequena, que el tantas veces vía cansa e oprimida; achegouse a ela de mil maneiras, e sempre co interese fondo de lles dar algo de respiro, algo de alivio, algo de acougo. Por esta razón estaría ben que escoitásemos de novo este anaquiño de Evanxeo con especial ganas de acollelo e aprender del.

Celebración da Trindade en Sobrado


Sobrado dos Monxes, 11 de xuño de 2017

RECREARNOS NA TRINDADE


Reparamos no dobre significado da palabra recrearnos: facernos criaturas novas, e, ao tempo, folgarnos, gozarnos niso mesmo. Imos celebrar a Trindade desde estas expectativas.

A Trindade non ao estilo racional, senón ao estilo vital, tal como a viviu Xesús: identificado en todo, en todo momento co Pai, ata ser un con el, deixándose levar sempre polo Espírito, e sendo así totalmente el. Nós podemos ser tamén experiencia viva da Trindade. Estamos en camiño de Trindade: Fonte, Camiño e Enerxía.

No centro do espazo da celebración hai un Cirio grande aceso (a luz, a fonte: o Pai) e unha cruz (o amor apaixonado, servidor: o Fillo). O Espírito está, pero non se ve, séntese.

Empezámonos signándonos tres veces no nome do Pai, do Fillo, do Espírito Santo.

Oración da mañá en Sobrado


Sobrado dos Monxes, 10 de xuño de 2017


ORACIÓN DA MAÑÁ


1.- Saúdo de paz.

Breve exercicio de silencio interior integrador na presenza do noso Deus.

2.- Presentación e proclamación do Salmo 19 (a dous coros):

Os ceos proclaman a gloria de Deus,
o firmamento pregoa as obras das súas mans.
Un día pásalle ao outro a mensaxe,
unha noite transmítelle á outra a noticia.

Sen que falen nin conten,
sen que se sinta a súa voz,
por toda a terra vai o seu anuncio,
ata os confíns do mundo a súa palabra.

Ao sol púxolle alá no ceo unha tenda:
coma un desposado, sae da súa alcoba
e, ledo coma un heroe,
percorre o seu camiño.

Sae dun extremo do ceo,
a súa órbita chega ata o outro extremo,
nada escapa da súa calor.

Breve crónica do encontro de Sobrado


Sobrado dos Monxes, 9, 10 e 11 de xuño de 2017

Velaí vai esta breve crónica do que vivimos en Sobrado no encontro final que pechaba o curso da Escola de Espiritualidade. É imposible entrar no que cada persoa puido ir vivindo e sentindo neses días, pero polo menos podemos ofrecer o marco que a todos/as se nos ofreceu como espazo fecundo, iso esperamos, onde poder desenvolver un encontro con Deus, cos demais, coa comunidade.

Venres, 9

Fomos chegando ao son das horas que as campas do mosteiro fielmente ían compartindo connosco. Mari Carme, solícita como sempre, íanos indicando os nosos lugares de repouso. Bicos e apertas por aquí e por alí, e o gozo de vernos de novo neste mosteiro, que se nos ofrecía acolledor, unha vez máis, nas verbas e nos sorrisos dos monxes que tamén nos acollían.

E así ata as sete, hora na que moitos puidemos participar nas Vésperas da comunidade monástica. Acougo no espazo sagrado da capela comunitaria e certa dificultade para integrarnos na oración dos monxes, como non sexa pola silencio e pola integración no fondo de loanza e adoración que se estende por debaixo mesmo das palabras e do canto.

E logo a cea, saborosa, sa e frugal, como son sempre as comidas de Sobrado. E a xente que seguía chegando e os bicos que seguían pululando. E improvisados/as servires/as de mesa e fregado, como simplicísimo sacramento do servizo cristián.