xoves, 1 de xuño de 2017

4 de xuño: Domingo de Pentecoste (A)


Evanxeo: Xn 7, 37-39

Comentario:

Diciamos o domingo pasado que coa Ascensión do Señor quedaba aberto o tempo da adultez, da responsabilidade cristiá, persoal e comunitaria. No domingo de hoxe insistimos un pouco máis neste aspecto da nosa condición cristián. Hoxe é o domingo de Pentecostes. Pentecostes é unha palabra que vén do grego e quere dicir cincuenta. Chamámoslle así a este domingo, porque aos 50 días da Pascua, segundo o evanxelista Lucas, foi cando os seguidores e seguidoras de Xesús recibiron del o Espírito Santo. Lucas no relato do libro dos Feitos dos Apóstolos representa aos discípulos reunidos nun local, e fálanos de ruídos, de vento, de linguas de lume que baixan sobre as súas cabezas, para concluír que así quedaron cheos do Espírito Santo. Ben vemos que é unha maneira de falar moi imaxinativa. O certo é que aqueles seguidores e seguidoras de Xesús, despois de pasar pola amargura da morte inxusta de Xesús, se viron alentados/as pola súa memoria, polo seu Espírito, dun xeito inexplicable, que lles causaba admiración a eles mesmos e a cantas persoas batían con eles. E a isto estamos todos, todas, chamados tamén no día de hoxe.


Do evanxeo de Xoán que lemos hoxe podemos aprender moito. Empeza dicindo que os membros daquela primeira comunidade cristiá son persoas que están pechadas, teñen medo,están apagadas, acovardadas, desconfiadas, non ousan saír á rúa, a alternar cos veciños e veciñas e compartir con eles a memoria de Xesús e do seu estilo de vida, que a elas tanto lles enchera. É unha comunidade derrotada, resignada, que non se atreve a soñar, a pensar que as cousas poidan cambiar, para mellor, claro. Non vemos acaso este estado de ánimo moi presente entre nós, fóra e dentro das nosas comunidades cristiás? O alento do Papa Francisco, a súa pequena revolución, estanos sacudindo; tamén nos están sacudindo, se cadra, certos movementos sociais e políticos, que se atreven a soñar co que parece imposible; pero con que facilidade o desalento prende nas nosas vidas, na nosa Igrexa, na nosa sociedade!

O evanxeo, despois disto, fálanos da irrupción de Xesús no medio desa comunidade medrosa e apagada; o primeiro que transmite é paz. Non calquera paz, a súa paz, que non é despreocupación nin desinterese polo que pase dentro de nós e ao noso redor; paz que é conciencia de que non estamos sós, está el e están moitas persoas, cristiás e non cristiás, crentes e non crentes, ao noso redor, termando de nós e dos nosos ánimos. Paz, porque temos connosco todo o poderío de Deus, que é capaz de poñer vida onde todo apunta a morte. Paz, porque nin a máis pequena aposta de inocencia, de xustiza, de fraternidade que levemos a cabo vai quedar sen froitos, sen recompensa. Paz, paz grande e fonda, que é a mellor condición para a loita máis valente e arriscada. Xesús é quen de darnos desta paz. Seremos nós quen de achegarnos humildemente a el para que a poña nos nosos corazóns, nas nosas vidas?

A continuación –di o relato—Xesús amosoulles as mans furadas e o corazón ferido. Non só para facer máis evidente a súa presenza e identidade, senón sobre todo para indicar cales son os seus procedementos, cales sería ben que fosen os procedementos das persoas que queiramos seguilo, e con el contribuír a poñer algo de graza neste mundo no que vivimos: as mans furadas, as mans dun “manirroto”, dunha persoa tan afeita a dar e compartir que se lle gastan as mans de tanto facelo, ata quedar sen nada. E o costado, o peito, o corazón ferido, a forza de amar e amar. Hai nisto gusto e pracer, senón ninguén o faría, pero tamén hai sufrimento, e Xesús advírtenos diso, e quérenos acompañar nese camiño del que sempre acaba en vida para nós e para quen nos rodea. Só na medida en que teñamos mans furadas e corazóns feridos de tanto querer e servir, seremos construtores dunhas comunidades novas, dunha sociedade nova.

De seguido Xesús pídenos continuar a súa tarefa, a de ser algo polo menos coma el, a de soñar cunha vida de persoas crentes como el o foi, a de soñar tamén cunha sociedade nova como a que el soñou e practicou, todo iso ao que Xesús lle gustaba chamar o “reinado” de Deus, que é un reinado de poder para o servizo da xente máis débil sobre todo. O poder que el comparte connosco é o poder para perdoar pecados, é dicir, para recompoñer vidas, propias e alleas, poder para recompoñer a convivencia familiar e social, poder para refacer as maneiras de organizarnos socialmente, de xeito que se acabe con calquera exclusión, con calquera marxinación, de xeito que os últimos sexan os primeiros e máis considerados e atendidos.

Xesús pídenos colaboración e dános recursos. Pon nas nosas mans o Espírito Santo, para que nos acompañe e nos sosteña. Hai Espírito Santo, ben o vimos en Xesús, e ben o vemos en tantas persoas que atenden, aman, serven, coidan, loitan, festexan, e fano basicamente coma unha natural expresión do ben, da paz, da enerxía que levan dentro de si. Así son as cousas de Deus. Así son as cousas de Xesús.

Na celebración de hoxe podemos revivir o que os discípulos/as de Xesús viviron naquel primeiro domingo da era cristiá con Xesús no medio deles.


Preces:

COMA O PAI ME MANDOU A MIN, TAMÉN EU VOS MANDO A VÓS

  1. Que sexamos fieis, Xesús, á misión que a cada un de nós, a cada unha de nós nos encomendas. Recordamos as túas palabras.
  2. Que coa nosa forza, ilusión, creatividade contribuamos co Papa Francisco a renovar o rostro da Igrexa na nosa comunidade, no mundo enteiro. Recordamos as túa palabras.
  3. Que sexamos, algo coma ti, Xesús, persoas defensoras do perdón e da xustiza, da paz e dos dereitos da xente máis humilde. Recordamos as túas palabras.
  4. Que participemos nas asociacións, nos sindicatos, nos partidos políticos, nos movementos cidadáns con honradez, con espírito de servizo, para que nos nosos pobos haxa pan, traballo, dereitos e xustiza para todos e todas por igual. Recordamos as túas palabras.
  5. Que nos deixemos renovar a fondo polo teu Espírito, para que todo o que saia de nós sexa limpo e verdadeiro, construtivo. Recordamos as túas palabras.


Pregaria:

Déixate levar polo Espírito!
Por que pos tantas pegas e resistencias?
Por que tes tantos medos e covardías?
Por que andas sempre con escusas e xustificacións?

Déixate levar polo Espírito!
Pon o teu corpo á súa disposición.
Pon o teu espírito á súa disposición.
Pon a túa vida toda á súa disposición.
Irache ben, xa o verás!

Xa! –dirasme--, pero onde está o Espírito?
Escoita, síntete a ti mesmo,
sinte as persoas que te rodean.
Non o oes clamando a fondo pola paz e a inocencia,
pola saúde e o recoñecemento,
pola xustiza e a fermosura?

Escoita a vida, escoita o pobo.
Non o oes berrando contra todo o que deshumaniza,
contra as institucións secas, mortas,
que envolven a xente na súa propia esterilidade,
e apostando pola vida e a transparencia?

Pousa os ollos nas cousas, nas persoas miúdas.
Non o ves no bichiño que afanoso busca vida,
na mai, no pai, que con suma dor e gozo
apostan polo fillo tan limitado,
na persoa encarcerada que aínda soña?

Abre os ollos, ábreos canto poidas.
No o ves no sol, no vento, na auga,
nas sementes que xa asoman os xermolos?
Non o ves nos mozos e mozas que namoran
nos xogos e risas dos cativos/as,
nas enrugas preciosas dos máis vellos?

Déixate levar polo Espírito.
Darache liberdades que ninguén poderá coutar.
Darache vínculos que ninguén poderá violentar.
(Dicho Xesús, froito do Espírito,
ao que nunca lle deu as costas).


Signo:
  • Unha nai ou pai acompañando a un fillo/a enferma.
  • Unha pomba de paz.
  • Xente indignada, clamando polos seus dereitos.
  • Persoas encadeadas.
  • Persoa meditando, orando.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.