martes, 27 de xuño de 2017

2 de xullo: Domingo 13º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 10, 37-42

Comentario:

Recordemos que estas palabras de Xesús forman parte dunha serie de instrucións, que segundo o evanxelista Mateu, Xesús lles dá aos seus seguidores e seguidoras cando os manda a ser no mundo testemuñas do vivido e aprendido con el, ao seu lado. Cousa que lles causaba penalidades, persecucións e mesmo a morte. Ser cristián naqueles tempos non era un xogo, era un risco moi duro, nada doado de afrontar. Xesús, o evanxelista Mateu, quería darlles razóns, convencementos cos que poder vivir con éxito esas situacións extremas.

Estas palabras tamén se nos din a nós, que nos tempos de hoxe somos os continuadores daqueles homes e mulleres que empezaron a espallar polo mundo adiante as palabras e os feitos de Xesús, o seu estilo de vida. Parecen palabras duras, que non encaixan co que normalmente nós pensamos e vivimos. Apuntan ao feito de que Xesús ocupe nas nosas vidas un centro, unha importancia tan grande, que nos é difícil de comprender e de vivir. De feito, se somos sinceros, a maioría das persoas cristiás nas nosas vidas non vivimos conforme a esta ensinanza de Xesús. Pasamos dela. Pero cremos que o Evanxeo é sempre palabra de vida para nós, por iso será ben que nos preguntemos como estas palabras, aparentemente duras de oír e de vivir, poden ser para nós palabras de vida.

“Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min; e quen ama a seu fillo ou a súa filla máis ca a min, non é digno de min”. Xesús non nega amores, quere fundamentalos ben. Xesús non nos pide que deixemos de lado a pais, nais, fillos, fillas, irmáns, irmáns, calquera clase de parentes e xente amiga; invítanos a asentar eses amores, a ordenalos no conxunto do noso diario vivir; ofrécenos unha grande fonte de amores e fidelidades, abundante, completa, onde acudir para manter todos os nosos amores, facelos fortes, sans, libres, creativos, creadores, alegres. Ofrécese el mesmo coma fonte deses amores todos que tanta importancia teñen na nosa vida. Ofrécenos a Deus mesmo coma fonte inesgotable de amor para soster diariamente eses nosos amores. Podémonos desentender de Xesús e amar ao noso xeito; podemos fiarnos de Xesús e ir á escola de amores e solidariedades nos que el é un verdadeiro mestre.

“Quen encontre a súa vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa”. Palabras claras e esperanzadas para quen estaba no transo de ser matado por non renunciar a ser seguidor, seguidora, de Xesús. A vida podémola baleirar de graza, de sentido, de alegría, de vida, podémola perder precisamente cando nos volvemos tolos querendo protexela para nós, egoistamente, rodeándoa de todo tipo de comodidades, sen estar nada dispostos a sacrificarnos nisto ou naquilo para que a vida chegue a todos, para compartila con quen nos rodea. O máis fermoso da vida é a súa condición de cousa compartida. Canto máis a compartamos, máis é vida para nós. Canto máis a introduzamos no xogo da comunidade, no servizo da comunidade, dando e recibindo, máis feliz se nos fai. Quen “perde” así a vida, no xogo das solidariedades, encontraraa. Esta é a promesa fonda de Xesús. Quen perde así a vida por Xesús, encontraraa. Hai aquí unha fonda sabedoría de vida, que as persoas cristiás podemos experimentar e logo ofrecer a quen nos rodee. Xesús quere a nosa felicidade e ábrenos camiños para que cara a ela avancemos con pé firme. Fiémonos del.

“Quen dea de beber a un destes pequenos, aínda que soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo ou discípula miña, asegúrovos que non perderá a súa recompensa”. Sempre ese aprecio especial de Xesús pola xente máis pequena, polas cousas máis pequenas.. Sempre esa importancia grande de ser discípulo, discípula de Xesús. Sempre a importancia grande do mesmo Xesús, que é o verdadeiro centro das nosas persoas e comunidades cristiás, a nosa referencia primeira e última. Nada, por pequeniño que sexa, que estea feito na clave de Xesús, quedará sen recompensa; e a clave de Xesús é unha clave de amor, de consideración, de coidado do débil, de protesta contra calquera abuso, de inocencia, de transparencia, de irmandade.

Na Eucaristía atopámonos con este Xesús recio, forte, valente que entregou a súa vida, que nola entrega sacramentalmente, simbólicamente, no Pan e no Viño santos que comemos. Atopámonos con este Xesús humilde, próximo, familiar, que se nos regala no bocadiño de pan, no groliño de auga, e que nos invita a unha aventura existencial insospeitada. Sempre desde o pequeno, o contracultural, o chocante, o desconcertante. Pero aí está Deus, aí está a vida.

Preces:

QUEN PERDA A SÚA VIDA POR MIN, ENCONTRARAA
  1. Xesús, que te levemos no medio e medio do noso corazóns, das nosas vidas, sempre, alentando os nosos pasos, acompañando todas as nosas decisións. Oremos.
  2. Xesús, que aprendamos a levar canda ti a nosa cruz, os traballos que nos poidan vir por estar contigo do lado da honradez, da solidariedade,da vida para toda a xente do mundo. Oremos.
  3. Xesús, que saibamos valorar a vida na súa xusta medida, que saibamos coidala, ofrecela, entregala, algo coma ti, polo ben da comunidade, polo ben da xente máis fráxil. Oremos.
  4. Xesús, que coma discípulos e discípulas túas nos sintamos orgullosas de ti, da túa persoa, do teu evanxeo, do teu estilo de vida, e te compartamos con moita verdade e emoción sempre. Oremos.
  5. Xesús, que te saibamos ver e acoller na xente que, sen se dicir cristiá, nos ofrece testemuños de honradez e solidariedade. Oremos.


Pregaria:

Quero ser persoa digna de ti, Xesús,
un pouquiño polo menos.

Iqbal Masih, 12 anos, que loitou contra a
esclavitude infantil. Foto: AP
Quero pronunciar o teu nome cada día
con respecto, con agarimo, con verdade.

Quero poñerte no centro do meu corazón,
da miña vida, das miñas decisións.

Quero recibir o teu alento cada mañá,
o teu recoñecemento ou perdón cada tarde.

Quero gozar da túa compaña cada día
e sentirte ao meu lado na hora da miña morte.

Quero terte por mestre no coñecemento e servizo de Deus,
no coñecemento e servizo da xente, do pobo.

Quero entrar no misterio fondo das túas propostas de vida
e podelas experimentar ao teu lado.

Quero andar o camiño da confianza en ti
e superar as resistencias que me impiden tela.

Quero amar, servir, levar a cruz contigo, coma ti, algo coma ti,
e vivir no orgullo de ser discípulo, discípula túa.

Quero quererte, Xesús,
e facerme un contigo, en Deus, na comunidade, no pobo.

Signo:
  • Alguén dando un vasiño de auga a outra persoa.
  • Imaxe dalgunha persoa mártir.
  • Algunha imaxe da vida familiar.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.