venres, 16 de xuño de 2017

18 de xuño: Solemnidade do Corpo e do Sangue de Cristo


Evanxeo: Xn 20, 19-23

Comentario:

Coa festa do Corpo de Cristo pasou algo semellante ao que pasou coa festa da Santísima Trindade: empezouse a celebrar moi tarde, no século XIII, nun ambiente de debate sobre a forma de presenza do corpo e do sangue de Cristo na Eucaristía. A visión dunha relixiosa, santa Xiana de Cornillón, no século XIII, e o milagre de Borsena, Orvieto, preto de Roma (un crego que dubidada da presenza do corpo de Cristo na Eucaristía, cando vai partir a Hostia para a comuñón, ve saír sangue da Hostia –algo semellante ao que se conta do milagre do Cebreiro), foron o primeiro paso para unha institucionalización da festa que se estendeu a toda a Igrexa no 1317. A partir de aí empezouse a xeneralizar o da Exposición do Santísimo, a Bendición do Santísimo, tocar a campaíña no momento do “alzar”, as Procesións co Santísimo. Ata eses tempos, a Eucaristía era a Eucaristía, simplemente, a memoria da vida, morte e resurrección de Xesús que se celebraba en cada Misa. En todo caso, o Xoves Santo sería xa a festa especial da Eucaristía, que deu pé á súa celebración continuada.

Todas estas formas de recoñecemento exterior da Eucaristía foron perdendo algo de forza e frecuencia despois do Vaticano II, pero nestes últimos anos estanse recuperando de novo. Poden ter o perigo de quedar en algo pomposo ou nunha relixiosidade distante da vida, que nos arrede do fundamental da Eucaristía: a entrega de Xesús, en amor ata o extremo, no sacramento do pan e do viño santos, como cumprimento final dunha vida toda ela entregada ao servizo de Deus no servizo da xente, sobre todo no servizo da xente máis pobre, débil, marxinada, pecadora, e, en consecuencia, a comunidade que se xunta ao redor dunha mesa, que comparte, que se constrúe aí, que pasa á vida a forte experiencia de solidariedade aí vivida. Por iso é ben importante ver, discernir, se esas prácticas (adoracións, bendicións, procesións, ...) nos axudan a entrar con toda a nosa vida, co noso corpo e co noso sangue tamén, nesta proposta de vida de Xesús; se é así, daquela benditas sexan! Senón, volvamos ao evanxeo e á práctica mesma de Xesús.

Xesús no evanxeo, e tamén na realización do rito eucarístico de partir o pan e de compartilo para ser comido polas persoas que asisten á celebración, ofrécenos o seu corpo como comida e o seu sangue como bebida. Loxicamente estamos falando nunha linguaxe sacramental, é dicir, de símbolos, de signos. Nin mascamos a carne de Cristo nin bebemos o seu sangue; comemos, no pan, o sacramento do seu corpo; bebemos, no viño, o sacramento do seu sangue. Nese pan e nese viño, que para nós pasan a ser santos e dignos de toda adoración e agradecemento, transmítesenos todo o ser e toda a vida de Xesús: o seu nacemento, o seu crecemento en fidelidade a Deus a á xente, as súas opcións contra os poderes relixiosos e civís e en favor da xente máis fráxil e deshumanizada (por errores e pecados propios ou por abusos e desprezos alleos), transmítesenos a súa grandísima humildade, pero tamén a súa grandísima audacia, valentía; transmítesenos a súa decisión de manterse en fidelidade a Deus e á xente, a todos e todas nós, aínda que iso lle custase a morte, como así foi; transmítesenos tamén a súa resurrección, a aceptación e glorificación por parte de Deus dunha vida aparentemente fracasada.

Cando comungamos, sacramentalmente, naquel pedaciño de pan, naquel groliño de viño, poñémonos en comuñón con todo isto, deixamos que a nosa existencia toda sexa inundada por esta corrente de amor, de entrega, de solidariedade que tan extraordinariamente protagonizou Xesús. O pan que comemos, o viño que bebemos ponnos en contacto directo, íntimo, profundo, con Xesús, con toda a súa existencia; pero ponnos tamén, polo mesmo feito, en contacto directo coa nosa vida, coa nosa historia, coas nosas decisións, coas nosas maneiras de nos situar ante a realidade social na que estamos metidos. O pan que comemos, o viño que bebemos ponnos en contacto directo, íntimo, profundo, con aqueloutro sacramento que Xesús escolleu tamén para facernos evidente a súa presenza: o corpo e sangue, a vida toda da xente máis marxinada. Non podemos separar un corpo do outro; non podemos adorar o Santísimo Sacramento, sen adorar igualmente o desprezadísimo sacramento dos marxinados; non podemos recibir o corpo e o sangue de Cristo na Eucarístia, se non comungamos co corpo e co sangue dos marxinados na rúa, nos lugares de exclusión que tanto abundan polo mundo enteiro, e nos nosos pobos e aldeas tamén. Cada un, cada unha verá, como pode levar a cabo esa comuñón.

Por iso, con moito acerto, no día do Corpo de Cristo, celébrase o Día da Caridade, que non é máis ca un intento de facernos conscientes de que de pouco vale comungar nas Misas, se non o facemos tamén coas necesidades da xente. Cáritas este ano ofreceunos un material moi interesante para que, non só neste día, senón durante todo o ano, nos poidamos ir introducindo neste espírito e nestas prácticas de colaboración que fan verdadeiro o noso rito eucarístico, a nosa preciosa Eucaristía. A caridade, a solidariedade é algo que afecta á verdade da práctica relixiosa; tanto a caridade, a solidariedade que exercemos coas axudas, esmolas, visitas, acompañamentos que diariamente podemos facer, como a que exercemos cando colaboramos coa mellor ordenación da sociedade participando en asociacións, sindicatos, partidos políticos, movementos alternativos, etc.

A celebración de hoxe, comungando con ese “pan feito de lúa, perdón e beixo eterno” (Díaz Castro), pódenos introducir comunitariamente neste mundo marabilloso, máxico, ben real, de comungar co corpo e sangue de Cristo, co corpo e sangue da xente marxinada.

Preces:

QUE TODOS E TODAS TEÑAMOS VIDA EN TI, SEÑOR
  1. Que te acollamos nas nosas vidas, que che abramos o corazón, a casa, todo cantos somos e temos, para que todo se cure e fortaleza coa túa presenza viva. Oremos.
  2. Que comungando no Pan e no Viño eucarísticos nos sintamos alentados/as a andar con decisión por camiños de solidariedade, de xeito que a xente máis débil reciba así sinais da túa solicitude a través de nós. Oremos.
  3. Que saibamos valorar, agradecer e apoiar institucións coma Cáritas e Mans Unidas, e outras similares, e así, a través delas, esteamos ao lado da xente que máis sofre na vida. Oremos.
  4. Que coa nosa participación social e política traballemos por unha sociedade máis xusta, para que non haxa persoas e familias que teñan que andar mendigando ou non tendo onde vivir. Oremos.
  5. Que gustemos de participar nas Eucaristías, de comungar o sacramento do Corpo do noso Señor, de tratar con el, e que tamén gustemos de visitar a xente máis pobre e de invitala e acollela nas nosas casas, e de tratar con ela. Oremos.

Pregaria:

O teu pan, o teu corpo, Xesús,
o teu corpo, a túa carne,
a túa carne, o teu sangue,
o teu sangue, o teu ser,
o teu ser, a túa historia,
a túa historia, a túa palabra,
a túa palabra, os teus feitos,
os teus feitos, a túa vida,
a túa vida, as túas decisións,
as túas decisións, o teu Deus,
o teu Deus, o teu pobo,
o teu pobo, os teus máis esquecidos/as,
os teus máis esquecidos/as, o teu gozo,
o teu gozo, a túa loita,
a túa loita, a túa paixón,
a túa paixón, os teus opoñentes,
os teus opoñentes, o teu conflito,
o teu conflito, o teu servizo,
o teu servizo, a túa solidariedade,
a túa solidariedade, a túa morte,
a túa morte, o teu sangue,
Foto: José Luis Ochoa
o teu sangue, o teu cáliz,
o teu cáliz, a túa vida,
a túa vida, o teu corpo,
o teu corpo, o teu pan, Xesús,
o teu pan, a túa mesa, Xesús,
a túa mesa, a túa fraternidade, Xesús.

Bendito sexa
o Santísimo Sacramento do teu corpo,
feito pan e viño
para a vida de todo o pobo!


Signo:
  • Un bolo de pan, unha xerra con viño.
  • Xesús partindo o pan nunha mesa de comensais.
  • Imaxes de solidariedade: caridade básica, directa, e caridade política.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.