xoves, 8 de xuño de 2017

11 de xuño: Santísima Trindade (A)


Evanxeo: Xn 3, 16-18


Comentario:

A festa da Santísima Trindade non se estendeu por toda a Igrexa ata o ano 1334, co Papa Xoán XXII. Toda a liturxia cristiá é unha liturxia trinitaria, feita e celebrada no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Posta ao final do tempo da Pascua, a celebración da Trindade fai coma de remate, de colofón, de resumo, de todo o vivido e celebrado durante o Advento, o Nadal, a Coresma, a Pascua, pois todo está á sombra do amor de Deus Pai, todo para nós está provocativamente realizado na persoa de Xesús, e todo é posible pola forza do Espírito que nos acompaña nas nosas celebracións e nos acontecementos todos da nosa vida.

Pero, que celebramos no día de hoxe? Que é a Santísima Trindade? Nunha aldea próxima a onde vive quen iso escribe celebran a festa da "Trinidá", pero o común da xente entende que a quen festexan neste día é a unha muller santa chamada "Trinidá". Que celebramos especialmente no día da Santísima Trindade? Quizabes teriamos respostas moi variadas. Parécenos que o máis importante desta festa é vivir e agradecer, celebrar, un xeito de ser moi especial do noso Deus, do Deus no que cremos as persoas cristiás, que consiste en ser un Deus que sae ao mundo, que sae á rúa, que se comunica, que fala, que comparte a vida connosco, que se molla connosco nas nosas penalidades, nas nosas festas, nas nosas esperanzas; un Deus que fai casa e fogar connosco, que fai familia connosco. Un Deus que nos crea e nos recrea. Un Deus que non é que veña de visita, senón que está en nós, na nosa casa, vive connosco, forma parte de nós. Encárnase, faise carne humana, humanízase en cada un, en cada unha de nós, o mesmo que se humanizou no seu fillo Xesús de Nazaré. Xesús descubriunos a nosa identidade máis verdadeira. Todo isto, como pasou con Xesús, faise non en carne e sangue, senón no Espírito.

Témoslle oído ao Papa Francisco, e despois del a outras persoas cristiás, que a Igrexa, as comunidades cristiás, as persoas que formamos parte delas, debemos saír, deixar de estar pechados nas Igrexas e sancristías, deixar de darlle voltas e máis voltas aos nosos "rollos", ás nosas historias, ás nosas disputas, e ir á rúa, ir sobre todo ás periferias, é dicir, a aqueles lugares das aldeas, vilas e cidades, onde a xente está máis deixada da man dos responsables sociais, ou onde a xente está máis deixada á súa sorte e, polo que sexa, o está pasando mal, moi mal. Hai que moverse, di o Papa, hai que deixar as inercias, as comodidades, as rutinas, e saír, saír cara á vida. Pois ben, dicíndonos todo isto, o Papa Francisco non fai máis que pedirnos que fagamos o que xa facía Xesús, que, se por algo se distinguiu, foi por andar polos camiños da vida, para atoparse alí con todos, con todas, pero dun xeito especial e preferente coas persoas máis maltratadas pola vida, pola sociedade mesma e por quen a rexía. E, se Xesús fixo e fai así, é porque iso foi o que aprendeu do seu Pai, que tamén el, desde a eternidade, se dedica a saír de si mesmo, a comunicarse, a comunicar a súa forza de creación, a súa solidariedade, a súa forza de perdón e de reparación, para que todos, todas, teñamos vida.

Deus, o noso Deus, é, logo, todo relación, todo comunicación, co seu Fillo no Espírito, con todos e cada un, cada unha de nós tamén, coma fillos e fillas del, no Espírito. Deus é un Deus totalmente social. E, se queremos bater con el, se queremos intimar con el, se queremos medrar no seu coñecemento, no seu respecto, no seu amor, ímolo ter que buscar e experimentar en todo o que sexa relación, comunicación, unión, solidariedade; todo o que sexa trato, amizade, comunidade, familia; todo o que sexa respecto, consideración, coidados, colaboracións.

Deus é trinitario: tres nun; o amor é o que vincula os tres: o Pai, o Fillo e o Espírito, o que fai dos tres un. Deus quere que todos nós, todas nós, sexamos trinitarios tamén; que con el fagamos unidade fonda no Espírito, polo amor; e que con todos os homes e mulleres do mundo fagamos unidade tamén no Espírito, polo amor que se expresa e se ve na solidariedade das cousas reais de cada día. Así o misterio de Deus é tamén o misterio de cada ser humano, e o misterio de cada ser humano non deixa de ser o misterio mesmo de Deus.

Non sempre funcionamos así, ben o sabemos. Nin con Deus, nin coa xente. Pero nin Xesús nin Deus nos condenan, que non están para iso. Pero non deixa de ser certo que quen se pecha en si e no seu proveito e se desentende de vivir aberto á relación, á comunicación, á solidariedade, á preocupación pola sorte dos veciños e veciñas, pola sorte da xente de aquí e da xente estranxeira, a persoa que tal fai, sexa crente ou non, é igual, arruína a súa vida, introduce na súa existencia sementes de morte que o destrúen; moi posiblemente, só Deus, no seu afán desmedido de restauración, será quen de recompoñer esas vidas.

Sería ben que a celebración de hoxe nos permitise algo así coma bañarnos na Trindade, no Pai que nos ama tolamente, no Fillo que se entregou por nós por amor, e no Espírito que nos alenta e defende. Todo isto, iso si, en comunidade, pois esa é a condición que Deus nos pon.

Preces:

PARA QUE NINGUÉN SE PERDA, MEU DEUS ,
PARA QUE NINGUÉN SE PERDA!
  1. Que nos deixemos envolver no teu abrazo, que acollamos a Xesús, a túa palabra máis viva, que nos deixemos acompañar pola forza e a creatividade do teu Espírito. Oremos.
  2. Que saibamos compartir a palabra, os sentimentos, a vida, e saibamos tamén escoitar e acoller a quen quere e necesita compartir connosco. Oremos.
  3. Que coma ti, Deus noso, saibamos saír de nós mesmos/as e ir ao encontro da xente, sobre todo da máis débil, para dar e recibir e medar todos en humanidade. Oremos.
  4. Que, sendo monárquicos ou republicanos, de dereitos ou de esquerdas, colaboremos na construción do noso País, axudando a formar gobernos xustos, que miren polo ben de todo o mundo por igual, dando preferencia á xente máis necesitada. Oremos.
  5. Que te vivamos ben presente en todo o que é unión, familia, amizade, participación, que nos impliquemos nas cousas comunitarias, vencendo egoísmos e preguizas. Oremos.


Pregaria:

Estou abraiado, meu Deus,
o asombro colle todo o meu ser,
só con coñecer e gustar
nada máis ca unha miguiña de ti,
un aruxo de todo canto es e canto nos ofreces!

Que inmensidade de luz e de transparencia,
que fondura de amor e de solidariedade,
que riqueza de comunicación gratuíta!
Canto ben, canta bondade, canto servizo!

Adórote, meu Deus,
prostro o meu corpo todo ante ti,
o meu espírito recóllese na túa presenza
e faise todo el unha pregaria agradecida:
que son eu,
para que pouses os teus ollos en min,
para que de min de ocupes,
para que tamén en min queiras poñer a túa tenda?

Todo está cheo de ti,
todo me fala de ti,
na creación enteira deixáchesme o teu rastro,
nos rostros humanos, unha semellanza túa,
na xente máis pobre, o latexo vivo da túa presenza.

Canto somos, canto valemos,
por graza e disposición túa!
Canto somos dignos de respecto,
de atención, de valoración,
por sermos criaturas túas,
convocadas á fraternidade total
en ti!

Cantas razóns, meu Deus,
para coidarnos a nós mesmos,
á natureza que te pronuncia,
aos veciños e veciñas que te contan,
aos máis débiles que nos transmiten o teu berro, a túa queixa!

Un abrazo de Pai, un bico de Nai,
foi o noso comezo.
Feitos e apertas de irmáns/ás é o camiño imprescindible
que nos leva á túa casa,
ao teu seo,
a ti,
de onde saímos en cada momento,
a onde volvemos en cada instante,
no Pai, no Fillo, no Espírito Santo.


Signo:
  • Unha imaxe da Santísima Trindade.
  • Un ou varios rostros en actitude de admiración e asombro, de loanza.
  • Imaxes de unión, de grupo, de familia, de comunidade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.