mércores, 24 de maio de 2017

28 de maio: Solemnidade da Ascensión do Señor


Evanxeo: Mt 28, 16-20


Comentario:

Os evanxeos converten en relatos históricos, en entrañables narracións, o recorrido espiritual que os seguidores e seguidoras de Xesús foron facendo desde a morte do seu mestre ata o momento en que se deciden a prolongar no tempo, na historia o seu seguimento de Xesús; isto significaba vincularse á fe de Xesús, o estilo de vida que el tiña, a súa maneira de tratar a Deus, de tratar con Deus, a súa maneira de relacionarse coa xente, pobre ou rica, vinculada ou non aos diferentes grupos relixiosos que había no seu tempo.

Os discípulos e discípulas de Xesús tiveron experiencias moi fondas; algunhas ben dolorosas, como foi o ver que o seu mestre querido era condenado a axustizado polo poder político e relixioso do seu tempo, cousa nada doada de asimilar; outras experiencias, en cambio, foron ben gratificantes: ver, experimentar que Xesús seguía vivo no medio deles, ata o punto de poder case palpar a súa presenza; e tamén sentir que unha nova forza, un novo Espírito os enchía de vida, de paz, de forza, de ousadía; e retomar o seu encanto por Xesús, e o desexo fondo de seguir vivindo co seu mesmo estilo de vida, que agora, máis ca nunca, lles parecía algo realmente atraínte, capaz de revolucionar as vidas das persoas, das comunidades, da sociedade enteira.

O relato de hoxe é o relato final; o relato da despedida, que non o é tal, porque Xesús segue presente no medio da comunidade cunha presenza nova: a súa palabra, a súa memoria, o seu Espírito, a súa comunidade, o rostro dos irmáns e irmás, o rostro sobre todo da xente máis débil e marxinal, coa que Xesús expresamente se quixo identificar. É a hora da adultez, da responsabilidade. É a hora de sabernos depositarios/as dun precioso tesouro, levado en vaixelas de barro certamente, que é a memoria de Xesús, a lembranza da súa vida e da súa morte, que son as súas palabras, os seus feitos. É a hora de asumir o compromiso de ser testemuñas de todo iso, coas palabras e coa vida, para que a novidade humanizadora, liberadora, de Xesús se lle ofreza ao mundo enteiro, e non haxa home ou muller no mundo que non poida gozar da súa forza de vida, de curación, de liberdade. Na festa da Ascensión todos, todas, nos vemos ante esta hora de adultez e de responsabilidade, ante esta encomenda de ser testemuñas vivas de Xesús e de todo o de Xesús. Somos así persoas e comunidades cristiás adultas, que nos responsabilizamos da encomenda de Xesús?

Se o queremos facer, estaría ben que nos fixásemos nos pasos que no evanxeo de hoxe se nos van indicando. Non podemos ser boas testemuñas de Xesús, se antes non nos prostramos ante el, é dicir, se antes no fondo do noso corazón, da nosa vida, non descubrimos a Xesús coma o camiño que Deus nos ofrece para avanzar no seu coñecemento, no seu servizo, no servizo da xente que nos rodea. O evanxeo di que “algúns dubidaban”; quizabes nós tamén somos desas persoas fráxiles na fe. Quizabes a nosa debilidade coma testemuñas de Xesús dependa xa dunha falla de encantamento por Xesús e polo que el nos transmitiu coa súa vida toda. Atráenos Xesús?

A tarefa da comunidade cristiá é sinxela, clara: axudar a calquera persoa a que tamén descubra esa persoa marabillosa que é Xesús, ata o punto de que, querendo, poida vincularse ao grupo de Xesús, á comunidade de Xesús, coma un aprendiz de Xesús. Estamos facendo isto nas nosas comunidades cristiás? Que lle ofrecemos ás persoas que na infancia, na mocidade, acoden ás nosas catequeses? Que lle ofrecemos a calquera persoa adulta, non bautizada ou bautizada pero arredada da Igrexa, cando se achega ás nosas comunidades? Poden ver en nós a forza e a frescura de Xesús, da súa persoa, da súa vida? Que lle ofrecemos especialmente á xente máis abandonada, máis desprezada, máis marxinada?

Para facilitar este camiños de aprendices, de discípulos/as, o evanxeo fálanos de dúas prácticas: bautizar no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo, e ensinar a gardar canto Xesús nos mandou. Bautizar no nome do Pai, é dicir, axudar a que as nosas vidas estean ben enraizadas en Deus coma Pai/Nai, e non coma alguén desinteresado de nós e das nosas vidas, ou coma un tirano caprichoso e vingativo. Bautizar no nome do Fillo, é dicir, facer del o camiño de todos os nosos andares pola vida. Bautizar no nome do Espírito Santo, é dicir, experimentar que somos acompañados/as, impulsados/as por unha forza maior que nos sostén nas tarefas da vida. E logo gardar todo canto Xesús nos mandou. Isto podémolo descubrir pouco a pouco lendo os evanxeos con agarimo, léndoo en grupo, en comunidade, e preguntándonos honestamente como levar a cabo as cousas de Xesús nos tempos que nos toca vivir hoxe. Hoxe estase fomentando a práctica de crear grupos de lectura comunitaria do Evanxeo; seguro que farán moito ben. Poderiámolo facer na nosa comunidade?

Ás veces as comunidades cristiás parecémonos a esas ONGs deficientes –hainas tamén moi boas--, que gastan boa parte dos seus recursos económicos e humanos en manterse a si mesmas, e só unha pequena parte para a actividade benéfica que pretenden atender. Tamén nós dedicamos moitos recursos e esforzos a cousas do funcionamento interno, e esquecémonos do máis importante: ofrecer a Xesús, non como palabra morta do pasado, senón coma forza de vida e de ilusión para as realidades de cada día coas que hoxe nos temos que estar enfrontando. E quizabes por iso as igrexas van quedando baleiras, e os corazóns tamén.

Na celebración da Eucaristía podemos revivir o encontro con Xesús, a súa despedida, e recibir del a súa encomenda e a forza e mantenza para levala a cabo.

Preces:

EU ESTAREI SEMPRE CONVOSCO
  1. Que sintamos a túa presenza viva, Xesús, cando queremos vivir coma boas persoas cristiás a nosa vida de familia, coas súas alegrías e dificultades. Oremos.
  2. Que sintamos a túa presenza viva, Xesús, cando buscamos facer unha comunidade cristiá, unha parroquia, máis viva, máis animadora, máis vinculada a ti e ao teu xeito de vivir, máis preocupada pola xente débil. Oremos.
  3. Que sintamos a túa presenza viva, Xesús, cando participamos no traballo político, sindical, social, para facelo coma persoas honradas que miran especialmente polas persoas que peor o están pasando. Oremos.
  4. Que sintamos a túa presenza viva, Xesús, cando defendemos os inmigrantes e soñamos cunha sociedade igualitaria, fraterna, humana, na que os cartos non teñan sempre a última palabra. Oremos.
  5. Que sintamos a túa presenza viva, Xesús, cando humildemente pretendemos ser testemuñas túas no mundo de hoxe, alí onde vivimos e nos movemos. Oremos.


Pregaria:

Gloria e loanza a ti,
Xesús resucitado,
Xesús recoñecido e enxalzado!

GLORIA E LOANZA A TI!

Gloria e loanza ti,
humildísimo dentro da historia,
abaixado ata a morte, e morte de cruz,
en amor ata o extremo!

Gloria e loanza a ti,
o Xesús das longas camiñadas polos camiños do pobo,
que desde o acougo eterno segues camiñando ao noso lado!

Gloria e loanza a ti,
o Xesús dos encontros, xantares e conversas,
que nos segues convocando á túa mesa, ao teu pan, á túa palabra!

Gloria e loanza a ti,
Xesús apaixonado pola felicidade de cada ser humano que batía contigo,
que nos segues transmitindo os teus soños e ilusións!

Gloria e loanza a ti,
que compartiches coa xente que te tratou o coñecemento fiel e amoroso do Pai/Nai,
o alento pacificador e rebelde do Espírito,
e séguelo facendo con todos nós, que te admiramos!

Gloria e loanza a ti,
porque se che revolvían as entrañas
cada vez que vías un desprezo, un abuso a persoas envoltas en calquera debilidade,
e quéresnos contaxiar a túa indignación!

Gloria e loanza a ti,
que te fuches, pero segues entre nós
sobre todo desde os corpos e as almas feridas
das persoas que viven en amargura!

Gloria e loanza a ti,
amigo dos reencontros, dos perdóns, da festa e da alegría,
que ris na risa de quen goza e comparte a vida!

Gloria e loanza a ti,
vivamente presente nas persoas servidoras, coidadoras
que, admirándote e agradecéndote,
entenden que servir é a mellor maneira de ser humano/a!

Gloria e loanza a ti,
Xesús morto e resucitado,
Xesús glorificado,
a túa memoria, o teu recendo enche o mundo de gozo e esperanza!


Signo:
  • Un rostro resplandecente de Xesús.
  • Unha imaxe de luz, de esplendor.
  • Rostros humanos, de homes e mulleres, vivos, alegres, iluminados.
  • Rostros, situacións humanas, que agardan luz, liberación.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.