xoves, 18 de maio de 2017

21 de maio: Domingo 6º de Pascua (A)


Evanxeo: Xn 14, 15-21


Comentario:

Nestes domingos do tempo de Pascua estamos procurando asimilar o que supón para unha persoa cristiá, para unha comunidade cristiá vivir a presenza de Xesús resucitado no medio de nós. En cada domingo vánsenos ofrecendo diferentes matices, perspectivas, sempre coa finalidade de que nos deixemos afectar por esa presenza, que nos deixemos obsequiar polo que nos trae de bo para as nosas vidas, no momento presente das nosas vidas, e na situación concreta que estamos vivindo en Galicia, en España, en Europa, cunha eleccións das que pode depender moito o futuro de todos, da xente rica e da xente pobre, aínda que a nós nos preocupe sobre todo o futuro da xente pobre, sen traballo, sen fogar, sen o necesario para vivir con dignidade. O evanxeo de cada domingo, a celebración de cada domingo, non nos deben arredar da vida, ao contrario, sería moi bo que nos empuxase a estar na vida dunha maneira viva, animada, entusiasta incluso. Así era como está Xesús, así é como está Deus.

O Evanxeo de hoxe fálanos de como son as cousas, de como poden ser as cousas, cando nos atrevemos a vivir a relación con Xesús, con Deus, dunha maneira sinxela, clara, verdadeira: establecemos unha relación de amizade, fraterna, con Xesús, deixámonos atraer polo que a el lle gustaba para a vida (o amor, o coidado do débil en todo, a solidariedade a tope, a protesta ante quen abusa no nome de Deus ou dos cartos, a inocencia de vida, etc.), e iso lévanos a unha relación limpa, íntima con Deus, o seu Espírito vainos acollendo, animando, impulsando, e a vida vai collendo outra color para nós. Seguiremos tendo traballos, seguiranos custando, se cadra, sacar a vida adiante, seguiremos preocupados polo prezo do leite que vendemos, seguiremos pensando unha e mil veces en que vai traballar o noso fillo ou filla, seguiremos alerta por esa enfermidade que me veu hai uns meses, preocuparanos como vai medrando, formándose e facéndose home ou muller o mozo ou a moza da casa, pero dentro de nós hai un lume que ilumina e quenta as nosas vidas, unha forza que as sustenta, unha paz que as pacifica, un vigor que a fai incansable. Eses son os froitos normais de cando, por dicilo de algunha maneira, tomamos en serio a Xesús nas nosas vidas (cousa que non ten nada que ver con andar tristes e apagados, ao revés), e non nos contentamos cunha aparencia de relixiosidade que non leva a nada, que non nos aporta nada. Sería bo que nos preguntásemos como levamos isto cada un, cada unha de nós; sería bo tamén que nos preguntásemos a que nos empuxa a comunidade cristiá da que formamos parte.

E o Evanxeo invítanos a que non fagamos diferenzas entre como vivimos a relación con Xesús, con Deus, entre como vivimos a nosa relixiosidade, e como vivimos as demais circunstancias da nosa vida: o traballo, a vida familiar, o noivado, a relación de parella, a crianza dos fillos, o coidado da xente maior da casa, as relacións veciñais, a preocupación social pola xente máis marxinada, a participación política ou sindical, os estudos, a colaboración nos grupos ou asociacións de veciños/as etc. Con frecuencia tendemos tamén a vivir todas estas realidades como a medio gas, pensando que así nos irá mellor, que así sufriremos menos, que así viviremos máis alegres, máis despreocupados, máis felices nunha palabra. Pero a vida das persoas demóstranos outra cousa. Cando vivimos a medio gas, ímonos apagando, ímonos facendo menos consistentes, imos tendo menos forza para afrontar os traballos da vida, que nunca faltan, imos decaendo, moitas veces incluso imos entrando en depresións, porque a dureza da vida se nos bota enriba e non temos recursos persoais nin sociais para responder, e con frecuencia apelamos a pastillas que alivian, pero non van ao fondo das cousas. Co cal, ollo!, non queremos dicir que, cando nos vén unha depresión, se deba a que vivimos a vida superficialmente. Todos, todas, seguramente, coñecemos a persoas de moita vida, crentes e non crentes, que sacan forza de non se sabe onde, que sempre están dispostas para as unións, para tirar adiante pola carro da parroquia, do pobo, coas que sempre podes contar, que, curiosamente, non viven tristes, todo o contrario. Que ben! Que gozada! Que envexa! Pero con Xesús ao noso lado, coa comunidade ao noso lado, todos, todas podemos experimentar algo semellante.

A aposta de Xesús resucitado é unha aposta pola vida, pola vida a fondo, pola vida a tope, pola vida non trampeada, non simulada; unha aposta pola vida consistente, pola vida feliz, pola vida eterna incluso, algo que non se esgota nos límites do tempo e do espazo nos que nos toca vivir. Nesta aposta nos quere envolver, porque nos quere ben, porque quere o mellor para nós, porque non lle gusta que nos contentemos con pouca cousa, porque aos seus ollos valemos moito, podemos moito, somos moito.

Agora estamos lendo e orando co Evanxeo, fagámolo a tope, coa máis sinxeleza, coa maior intensidade, coa maior humildade, coa maior dispoñibilidade. Este domingo iremos votar; fagámolo tamén co maior interese, coa maior paixón pola xustiza, co maior afán de que a sorte da xente máis débil sexa defendida, coa maior liberdade, maior disposición a contribuír a que as cousas cambien para ben da maioría do pobo normal, sen nos contentar con botar o voto e logo despreocuparnos de todo.

A celebración da Eucaristía é unha celebración de agradecemento por Xesús, que foi así, un home de vida plena, e de agradecemento por moita xente, homes e mulleres, que, algo coma el, foron e son persoas de vida plena. E seguro que iso nos animará moito tamén.


Preces:

NON VOS DEIXAREI ORFOS/AS

  1. Necesitamos de ti, Xesús, para ser persoas crentes limpas e consecuentes, para vincularnos a fondo co noso Deus, para facernos irmáns/irmás servidoras coma ti. Por iso acollemos a túa promesa recordando as túas palabras.
  2. Necesitamos do teu Espírito, Xesús, para que nos acompañe sempre, nas horas de fortaleza e debilidade, nas horas de tristura e alegría, nas horas de valentía e covardía, nas horas de saúde e enfermidade. Por iso acollemos a túa promesa recordando as túas palabras.
  3. Necesitamos de ti, Xesús, para cumprir ben o teu mandamento novo de respectarnos, coidarnos, servirnos, amarnos como ti o fixeches connosco. Por iso acollemos a túa promesa recordando as túas palabras.
  4. Necesitamos de ti, Xesús, para que nos ensines a orar como convén, para que nos ensines a loitar a vida unidos, a non abusar do débil, a non facer trampas, a defendernos de quen se queira aproveitar de nós. Por iso acollemos a túa promesa recordando as túas palabras.
  5. Necesita de ti, Xesús, a xente enferma, a xente soa, a xente encadeada, a xente deprimida, a xente divorciada, a xente orfa, a xente marxinada. Por iso acollemos a túa promesa recordando as túas palabras.

Pregaria:

Ofrécesteme, Xesús,
para ser alguén importante na miña vida.
Acóllote, Xesús!

Anúnciasme unha fonda familiaridade
co Pai/Nai, co Espírito da Verdade.
Canto me prace, Xesús!

Posme coma condición
seguirte no amor e no servizo solidario.
Acéptoo, Xesús!

Prométesme o Espírito da Verdade,
que me acompañe, que me ilumine o camiño, que me faga forte.
Canto preciso del, Xesús!

Invítasme a andar moi alerta:
podo ser moi relixioso/a sen de verdade descubrir nin coñecer a Deus.
Que non caia nesa tentación, Xesús!

Asegúrasme que non me deixarás orfo/a nunca,
que serás sempre unha compaña fiel, alentadora.
Sen ti que faría, Xesús!

Ofrécesme o teu mesmo estilo de vida
coma un camiño seguro para que todo isto suceda.
Grazas, Xesús!

Ofrécesme os irmáns e irmás da comunidade cristiá
coma compaña con quen experimentar a túa novidade.
Bendita comunidade, Xesús!

Ofrécesme o mundo, a vida, a xente,
como lugar da túa presenza.
Sempre en camiño, Xesús!

Ofrécesme as persoas máis débiles e marxinadas
para poñer verdade e autenticidade na miña relación contigo.
Que te descubra vivo nesa xente, Xesús!

Dásme a man e disme:
vén comigo, vén coa comunidade, cara ao mundo, cara ao seo do Pai/Nai.
Imos xuntos/as, Xesús!


Signo:

  • Alguén dando a man para camiñar xuntos.
  • Un espazo familiar de comida e/ou de conversa.
  • Unha imaxe de comuñón mundial.
  • Unha imaxe de unión con algunha persoa marxinada.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.