venres, 12 de maio de 2017

14 de maio: Domingo 5º de Pascua (A)


Evanxeo: Xn 14, 1-12


Comentario:

Os nosos maiores galegos, os homes e mulleres que nos precederon nesta Terra nosa, tiveron sempre unha ilusión moi grande: ter casa de seu, ter casa propia. Eran xente que vivía en moita pobreza, xente case sempre dependente dos seus amos, ou dos amos das súas terras; xentes que vivían malamente, que se acomodaban nunha casoupa de mala maneira, onde se tiñan que acubillar os avós e avoas, os pais e nais, os fillos e fillas; e mesmo moitas veces estas casas tan pobriñas non lles pertencían. Por iso ter casa de seu era un grande soño, como o era tamén iso de ter terra de seu, terras de seu, onde poder traballar e gañar a vida, terras das que sacar para comer, coidarse, criar os fillos e fillas. Aínda hoxe hai moita xente que suspira por ter casa de seu, un pisiño de seu. E que diremos das familias que o tiñan, e que, por avaricia dos bancos, se viron obrigadas a ter que abandonalo con moito sufrimento, con moita dor, con moitas bágoas! Ben o sabemos.

Ter casa de seu, ter piso de seu significa moito. Quere dicir ter un espazo tranquilo, seguro, onde vivir, onde convivir, sen ter que andar á intemperie; ter un lugar onde comer, comer xuntos, xuntas, onde facer familia, onde descansar e durmir, onde comunicarse con confianza, onda amar e ser amados/as, onde escoitarnos, onde consolarnos, onde animarnos, onde prepararnos para a vida, onde compartir sufrimentos e desilusións, onde morrer rodeados/as de agarimo e atencións, onde nacer e abrirnos á fermosura da vida, rodeados/as tamén de agarimos e atencións. Con piso propio, con casa propia, ou con piso e/ou casa arrendada, pero con renda asegurada, que fermoso é ter morada de seu onde vivir con humanidade! E canta xente polo mundo carece disto tan elemental aínda!

Xesús fálanos hoxe de que nos ofrece esa morada aló onde el vai, onde el está, aló onda o Pai/Nai do ceo. Estanos Xesús falando do máis aló, que veremos e gozaremos cando morramos? Si, pero tamén nos está falando do máis acó, algo que podemos ver e gozar xa, un pouco polo menos, mentres vivimos. Pero como é a casa de Xesús? Somos moi amigos de comentar como é a miña casa, de preguntar como é a túa casa, de falarmos do que nela temos e non temos. Como é a morada que Xesús nos ofrece xa neste mundo e, por suposto, no máis aló na morada eterna de Deus? Como é a morada soñada por Xesús, que el mesmo, connosco, nos está xa preparando e ofrecendo?

No soño de Xesús hai casa para todas e todos; ninguén queda excluído/a. E, se o quere así para o máis aló, tamén o quere así para agora xa. Ninguén excluído, ninguén sen casa, ninguén tirada polas rúas, ninguén na marxinación. Aínda máis, polo que sabemos de Xesús, os mellores lugares da casa, a habitación máis cómoda, quente e soleada, van ser sempre para a xente máis débil, máis enferma, máis necesitada de mimos e atencións. Facéndoo así, xa adiantamos a casa e o gozo do ceo.

Xesús fálanos ademais de estar con el, de estar co Pai/Nai, de estar en unión, en familia. A casa é convivencia, é o gozo da convivencia. A casa é o respecto, o admitirnos a cada un, cada unha, coa nosa maneira de ser e de pensar: homes e mulleres, nenos e nenas, vellos e vellas. A casa é harmonía na diferenza. A casa é comunicación, é escoita, é palabra, é aprendizaxe mutua, é alegría, pero tamén é dor, é tolerancia, é resistencia, é paciencia, é esforzo, é loita. Cando nas nosas casas, nos nosos pisos, e tamén na nosa comunidade cristiá e na nosa sociedade, imos aprendendo a facer as cousas así, estámonos xa abrindo as portas da morada do ceo, estamos con Xesús arranxando o lugar da nosa felicidade eterna, en Deus.

É isto imposible? Non. Como facelo, como chegar a iso, quen nos pode levar da man para entrar polas portas desa casiña preciosa que Xesús nos quere poñer nas mans? Xesús ofrécesenos como camiño, verdade e vida, para chegar aí; se, algo polo menos, nos imos achegando á súa maneira de pensar e de vivir, iremos entrando xa na morada de Xesús, na morada feliz do ceo.

Todo isto, sabémolo ben, pasa pola tensión, pola conflitividade da vida. Estes días estamos de eleccións. Ofrécensenos diferentes maneiras de entender a vida, a maneira de organizarnos na vida, as relacións sociais; os partidos políticos que se presentan ás eleccións prométennos de diferentes maneiras (con máis ou menos verdade, con máis ou menos trampa) como imos ter casa, traballo, saúde, educación, servizos sociais, liberdade, respecto pola terra, pola medio ambiente; é dicir, como imos ter morada neste mundo. A quen escolleremos? Xesús diranos: a quen defenda mellor a casa común, a quen defenda especialmente a casa do pobre, do pequeno; a quen defenda mellor a igualdade na vida, na convivencia; a quen defenda mellor esta terra como casa común, onde todos e todas poidamos vivir e convivir. E a rapina do capital non é o mellor camiño para iso; e as persoas e grupos políticos que están entregados á rapina do capital tampouco van ser a mellor man que nos leve cara ao que a xente máis humilde soña.

Cada celebración eucarística é, pode ser, un pequeno adianto desa convivencia na morada que Xesús nos prepara. Un lugar, un tempo de convivencia densa, de comunicación, de mantenza para despois saír, e facer da parroquia, do pobo, da vida, do mundo, unha casa grande, común, un fogar universal.


Preces:

EU SON O CAMIÑO, A VERDADE E A VIDA
  1. Que todas, todos, na Igrexa, na comunidade cristiá, na parroquia nos deixemos acompañar e guiar por ti, Xesús. Oremos.
  2. Que te busquemos de corazón, que nos esforcemos por ter unha fe limpa e fonda, unha fe que nos cure e nos libere, que nos dea alegría e alento, paz e paixón para a vida. Oremos.
  3. Que amemos a nosa Terra, a nosa lingua, que a falemos e coidemos, como un grande regalo de Deus e dos nosos maiores para nós e para todo o mundo .Oremos.
  4. Que contigo, Xesús, busquemos casa e fogar, traballo e vida para todas as persoas, sobre todo para as máis necesitadas, e para iso que votemos nas próximas eleccións con liberdade e mirando sempre polo ben da xente máis débil. Oremos.
  5. Xesús, que as persoas que sofren co cancro ou con outras enfermidades duras de levar, te sintan ben ao seu lado, teñan cumprida atención médica e conten co noso apoio e compaña. Oremos.


Pregaria:

Canto temos que aprender de ti, Pai noso!

Ti es amigo de ofrecer casa cuberta
a toda a xente que anda polos camiños da vida.

Ti es amigo de acoller sen preguntar,
ofrecendo primeiro o agasallo dun bo abrazo,
o lumiño da túa amizade
e as viandas do teu amor.

Ti tes reservado un cuartiño para cada un, para cada unha,
respectando o noso ser e maneiras,
apreciando a nosa voz e decisión,
provocando a nosa responsabilidade.

Ti gardas sempre o sitio mellor,
o máis quentiño e mellor amoblado
para a xente máis pobre e espida,
para a máis mancada pola vida.
Cabo ti as últimas son sempre as primeiras
E os marxinados reciben os mellores aprecios.

Ti dóeste ata o máis fondo
de que teñamos tanta xente no mundo
orfa de casa e pan,
orfa de presente e de porvir,
sendo que o teu soño primeiro fora
un fogar amplo e común
onde vivir o gozo da irmandade.

Ti non quedas parado;
o Espírito que animou o teu fillo
pósnolo hoxe nas mans
reclamando a nosa colaboración
na tarefa sublime e elemental
de dar a cada persoa un cuartiño
na casa grande da humanidade,
na túa casa.

Canto temos que aprender de ti, Pai noso!

Signo:
  • Unha casiña fermosa, que non ten que ser luxosa, ao revés, humilde, un fogar.
  • Un grupo de persoas en conversa, en grupo, en familia, que son a alma da casa.
  • Unha imaxe de Carlos Casares e a portada dalgún dos seus libros.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.