11 abril, 2017

Domingo de Pascua

De Pascua con María Madalena

(sobre Xn 20, 11-18)


Muller, porque choras?,
díxolle o anxo á Madalena
que entraba e saía sen deixar de chorar.

Bágoas de soidades,
bágoas de ausencias,
bágoas de amor,
de moito, de moitísimo amor.

Ai, canté!,
quen puidese choralas
como a Madalena as choraba!

Chorar por Xesús,
polo seu corpo roto,
polas súas chagas,
polas súas dores…
Corpo, chagas, dores
alongadas no tempo e na historia
na xente crucificada da aldea e da cidade,
do norte e do sur,
da miseria e da abundancia.

Chorar por Xesús,
desexando velo,
tocalo, aloumiñalo,
coidalo, curalo,
mimalo.

Pero si está aí,
tras ti, onda ti, ao redor de ti,
con rostro e roupas de xardineiro,
ou de butaneiro,
ou de neno de escola,
ou de avoa cascada,
ou de tendeira,
ou de …

Ai, canté, Xesús, canté!,
oírte dicir o meu nome,
oírte dicirme
como soamente ti sabes dicirme,
con verbas que chegan ao fondo da alma,
ao centro do ser,
alí onde soamente ti sabes entrar!

Ai, canté, Xesús, canté!,
oír a voz das túas pobres dicir o meu nome,
e saberme chamado por elas, por eles,
ao abrazo cotián e supremo da vida!

Oírte, Xesús,
e dicirche “meu mestre”,
e bicarche os pés en silencio,
e bicarche as palabras e os feitos,
e axiña saír pregoando
que estás vivo,
que, amparado no Pai coma sempre,
coma sempre nos segues amando,
acompañando,
servindo,
sacudindo,
aledando.

Ai, canté, Madalena, Xesús!
Ai, canté!, Xesús, Madalena!
O amor, cando prende nos días,
volve gozos ausencias e penas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.