27 abril, 2017

30 de abril: Domingo 3º de Pascua (A)


Evanxeo: Lc 24, 13-35

Comentario:

O relato do evanxeo de hoxe é especialmente fermoso no seu desenvolvemento, e especialmente suxestivo no que nos propón para o crecemento da nosa fe. Debuxa graficamente o recorrido cara á fe en Xesús resucitado das primeiras persoas e comunidades cristiás, e debuxa tamén o recorrido cara á fe das persoas que hoxe queremos seguilo en comunidade. Todo o relato ten un aire de celebración eucarística, como se fose o modelo de referencia a partir do cal se fose elaborando máis tarde, pouco a pouco, o contido das nosas celebracións eucarísticas. Cantas veces falamos, e mesmo discutimos, do que han ser ou non han ser as nosas celebracións da Misa! Cantas veces se queixan os nenos/as e adolescentes, nos queixamos case todos do aburridas que son as nosas Eucaristías! Ollemos con calma para este relato-celebración; seguro que aprenderemos moitas cousas.

Primeiro aparecen dous homes, dous discípulos que falaban e discutían, tristes, desalentados, cun leve aceno de esperanza nada máis, baseado nas palabras “dalgunhas mulleres das nosas”. Xesús achégase e escóitaos. Sería bo que nas nosas celebracións e que na vida das nosas comunidades houbese sempre un espazo onde a xente puidese contar as súas penas e alegrías, as súas esperanzas, ou no que alguén, despois de estar ben atento a estas penas, alegrías e esperanzas, as puidese facer presente na celebración, como punto de partida da mesma. Este contacto coa vida daríalles frescura e emoción vital. Dunha forma ou doutra as nosas vidas teñen espazo e presenza nas nosas celebracións, no desenvolvemento dos nosos grupos ou comunidades? Como o poderiamos facer?

O relato narra o encontro de Xesús cos discípulos camiñantes. Non o recoñecen. Coméntalles as Escrituras, a Palabra de Deus, que non acaban de entender. É unha palabra de Deus que vai respondendo ás súas dúbidas, ás súas tristuras, ás súas esperanzas. É unha Palabra de Deus comentada con viveza, con paixón. Non é unha palabra de Deus dita no aire, ao tun-tun, desconectada da vida das persoas que a escoitan. Por iso lles chega a alma, aínda que de momento non o noten. Como acollemos, comentamos, achegamos a Palabra de Deus ás nosas vidas? Como nola achegan as persoas que presiden as nosas celebracións ou a nosa formación?

Os discípulos de Emaús (Abraham Bloemaert)
Segue o encontro; faise noite, Xesús parece querer separarse e seguir; ofrécenlle quedar e cear. Xesús queda, parte o pan, ábrenselles os ollos e caen na conta da súa presenza, e da quentura que lles metera no corazón. Ofrécennos as nosas Eucaristías, os nosos grupos, espazos de encontro con Xesús? Sentimos nelas que se nos abren os ollos, que nos arde o corazón? Todo se aclara, cando aparece o xesto supremo de partir o pan, de compartir o pan, a vida, o que un é, o que un ten. Compartir abre os ollos da fe, tanto na celebración como nos demais tempos da vida. Compartir: facer nosa a vida das demais persoas; facer delas a miña vida, a miña existencia, canto máis esplendidamente mellor. Que experiencias temas de todo isto?

Nada máis comer, nada máis experimentar a presenza viva de Xesús, axiña, volven onda os seus compañeiros e compañeiras a compartir o vivido. Xesús desapareceu da súa vista, pero deixoulles o convencemento de que hai que volver onda os compañeiros/as para facer medrar as esperanzas, para alentar, para recuperar o gusto pola vida, polas cousas da vida, para reemprender con ánimo o camiño que lle viran facer ao mesmo Xesús. Desaparecera, pero levábano dentro, moi dentro, coma un motor que os empuxaba cara aos lugares onde a xente sofre e espera acompañamentos de calidade. Estaba sendo así a Pascua de Xesús. Temos nós esta experiencia? Saímos das nosas Eucaristías co corazón quente, cos ánimos espelidos para a loita e o gozo da vida? Por que non, se é que non?

Ser acompañadas/os e acompañar. O evanxeo tamén nos empuxa a esta dobre tarefa. Querer e deixarse querer. Acompañar e deixarse acompañar. Se hai algo precioso na vida, se hai algo que lle gustase a Xesús, era isto de acompañar e quererse acompañado. Todos os días vemos persoas, homes e mulleres, veciños e veciñas nosas, necesitadas de compaña. Nós mesmas/os tamén o estamos, ou non? Claro que sempre hai alguén que vai pola vida de valente e pretende facer o camiño só, soa, prescindindo da compaña da demais xente. Pobre desa persoa! Non chegará moi lonxe. Déixome querer e acompañar? Comparto con outras persoas as miñas penas e alegrías, as miñas esperanzas e desesperos? Acollo e agradezo ese servizo que outras persoas me poden prestar? Préstome á tarefa do acompañamento? Na comunidade cristiá da que formo parte cultivamos isto de acompañar e de deixarse acompañar, coma irmáns e irmás, como Xesús o facía?

Na celebración de hoxe podemos vivir algo de todo isto. Oxalá o fagamos! Oxalá así se nos quente o corazón coma a aqueles dous discípulos de Emaús, nos que todos e todas nós estamos retratadas.

Preces:

QUÉDATE CONNOSCO, QUE SE ESTÁ FACENDO NOITE!
  1. Que gocemos do teu alento, Xesús, cando nos sentimos angustiadas polos fracasos da vida, e todo se fai noite ao noso arredor. Oremos.
  2. Que gocemos da túa palabra quente e viva, cando cansamos de estudar, de opositar, de buscar traballo, ou mesmo de traballar, e todo se desvanece nas nosas mans. Oremos.
  3. Que gocemos da túa esperanza, Xesús, cando sufrimos enfermidades duras, que nos fan case desesperar e nos meten nun mar de dúbidas, bágoas e desalentos. Oremos.
  4. Que gocemos das túas forzas, Xesús, cando nos propoñemos seguirte, imitarte, e pretendemos poñer ilusión e dar acompañamento a quen anda triste e apagado como ti facías. Oremos.
  5. Que gocemos da túa valentía, Xesús, cando chega a hora de arrimar o lombo e facer que medren as unións, para defender mellor o pan e o futuro da xente máis débil. Oremos.


Pregaria:

Xesús,
compañeiro de camiño,
ás veces ben visible,
ás veces invisible, pero igualmente a carón,
preséntome diante túa
traendo nas mans tristezas propias e alleas,
nome ao pé do meu nome (pódense pensar e mesmo citar)
falando amarguras e desalentos.

Éche o que hai
nestes tempos tristes de paro e fractura de soños,
nestas horas acedas de soidades e decepcións.
Éche o que hai
nas vidas, aínda nas máis abundantes,
que non saben entrar no corro gozoso da comunidade,
do compartir: palabra, sentimentos, cartos, vida.

Que a túa palabra nos atraia,
nos abra os ollos e o corazón.
Que a túa presenza, evidente ou non,
nos quente o corazón,
nos espila os soños,
nos devolva a esperanza
e as ganas de vivir, de convivir, de loitar, de festexar.

Pintura anónima, s. XVII
Quédate,
queremos que te quedes,
que partas connosco o teu pan,
nas tardiñas da vida,
cando xa case é noite...

Compartes connosco o teu pan,
a túa presenza de resucitado,
o teu alento, a túa esperanza,
as túas formas de vivir con xeitos novos, solidarios, fraternos.

No campo, nas vilas, nas cidades
saberemos acoller o teu pan e a túa palabra?
Saberemos facernos en ti, contigo,
de novo, creadores de ilusións?


Signo:
  • Algunha imaxe do camiño de Emaús.
  • Imaxes de pan partido.
  • Imaxes de pan compartido.
  • Imaxe de camiñantes sos e/ou acompañados.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.