11 abril, 2017

16 de abril: Domingo de Pascua


Evanxeo: Vixilia Pascual: Mt 28, 1-10 (A)
                      Día de Pascua: Xn 20, 1-9.

Comentario:

Ningún evanxelista narra a resurrección de Xesús en si, como narraron outros acontecementos vividos por Xesús. Ninguén o viu, para o poder narrar. O que si nos transmiten os catro evanxelistas son circunstancias ao redor da resurrección, experiencias sobre da mesma, conviccións, modos de acceso a esa experiencia, consecuencias dunha fe na resurrección de Xesús, que é o que realmente lles interesaba transmitir. Todo rodeado dunha linguaxe simbólica, moi suxestiva, que apunta ao fundamental: a experiencia de encontro con Xesús resucitado como factor de relanzamento dunha vida de seguimento no que el dixera e vivira.


Curiosamente os catro evanxelistas, con diferenzas de detalle dignas de ter en conta, están de acordo en que as primeiras persoas que experimentan, senten e narran a resurrección de Xesús son mulleres: María Madalena (Xn), as mulleres que o acompañaban desde Galilea (Lc), María Madalena e máis a outra María (Mt), e María Madalena, María a de Santiago e máis Salomé (Mc). Quere dicir algo este feito? Das mulleres dise nos relatos da paixón de Xesús que, aínda que ao lonxe, seguiron o desenvolvemento completo da crucifixión e morte de Xesús. Que o seguiron moi entregadas á persoa e á causa de Xesús, con moito sufrimento e con moita disposición de colaborar con toda humanidade nas necesidades dun corpo vivo e dun corpo morto cando a lei xudía llelo permitise. Esta paixón por Xesús non é, seguramente, allea ao feito de que estivesen especialmente receptivas ao regalo da fe na resurrección, á experiencia forte do seu encontro con Xesús resucitado.

Os evanxelistas, nos diferentes relatos cos que falan da vivencia de Xesús como resucitado, acumulan detalles: lousa corrida, sepulcro baleiro, lenzos tirados, sudario, mozo vestido de branco, anxo, hortelán, incluso a presenza física de Xesús, pero todos acentúan que nada de todo iso é abondo para crear a experiencia de encontro con Xesús resucitado. A pesar de todo iso os ollos e o corazón estarían pechados para a vivencia de Xesús resucitado, se non se dese un algo máis, gratuíto, que lles abre os ollos da alma para decatarse de que Xesús está vivo, de que a súa presenza é real, de que segue empeñado na mesma tarefa de sempre, e de que para a mesma tarefa de sempre os segue convocando, cousa que se indica co feito de convocalos de novo a Galilea. O importante, o central dos relatos, é este don. As mulleres recibírono e, con medo e desconcerto, fóronllo transmitir aos demais do grupo de Xesús, que abundaron despois nesa mesma experiencia.

Os evanxeos invítannos ao mesmo que relatan: á experiencia de Xesús resucitado, ao encontro coa súa persoa, ao relanzamento nos tempos de hoxe da súa tarefa, da súa misión. E empúxannos tamén a que poñamos en xogo todo aquilo que posibilite esa experiencia: entusiasmo por Xesús, capacidade de acollida na fe, disposición a sermos desbordados polo novo de Deus, apertura a quen ten experimentado e narra o que lle pasou, opción real de meternos no mundo, nas alegrías, nas loitas dos máis débiles da sociedade, decisión de volver ás andadas de Xesús, en Galilea, no día a día humilde, reeditando atención e servizo ás persoas e grupos sociais máis marxinais, e restándolle importancia a outro tipo de debates nos que tendemos a enredarnos onte coma hoxe, hoxe coma onte.

Preces:

BENDITO SEXAS, XESÚS RESUCITADO!

  1. Que entre todos os cristiáns e cristiás nos alentemos mutuamente para o encontro contigo, para a experiencia da túa presenza viva no medio de nós. Oremos.
  2. Que levemos a alegría da Pascua, nos ollos, no corazón, na palabra, e contaxiemos de ilusión e de esperanza ás persoas que nos rodean. Oremos.
  3. Que saibamos acompañar ou deixarnos acompañar nestes momentos de crise económica e social, no que moitas persoas e familias o están pasando moi mal. Oremos.
  4. Para que mimemos a vida, para que multipliquemos os coidados, as atencións, para que nada se perda, e todo o bo se multiplique. Oremos.
  5. Que saibamos encaixar e loitar os momentos de enfermidade, de morte, de fracaso, coa esperanza de tempos mellores, coa serenidade de quen se sabe acompañado/a por Xesús vivo e resucitado. Oremos.
  6. Que saibamos acompañar e defender as causas perdidas: todo o débil e condenado a esmorecemento: o campo galego, a lingua galega, as culturas pequenas, os pobos ignorados. Oremos.

Pregaria:

E foi a resurrección.
E foi a Pascua.


Corazóns amantes,
madrugar nas ansias e nas solicitudes,
nos servizos e coidados,
sen crerse de todo
que estivese pechada e morta
tanta ilusión, tanta vida,
tanta paixón.

Mulleres,
mañás,
frescuras,
buscas,
amores,
e rebentou a vida.
E empezou algo novo,
coma regalo e don
a quen para o regalo se vai aprestando.
E empezou a Pascua.


Máis aló das dúbidas,
máis aló dos medos,
máis aló dos datos,
empezou a Pascua
no remol apaixonado
de quen seguía crendo,
de quen seguía esperando,
de quen seguía amando.

E volveron xuntarse as mans e os corazóns,
e as ilusións reverdeceron,
e volveron florear os espiños e as cerdeiras,
e volveuse a soñar,
a ilusionarse,
a organizar a vida coma nos tempos máxicos de Galilea,
cando todos e todas crían no pan universal, común,
en que os últimos/as serían primeiros/as
e en que ao amor de Deus non se lle podían poñer cancelas,
simplemente porque Deus non ten cancelas.

E empezou a Pascua
naquela mañá de primavera.
E ofrécese hoxe coma froita cobizosa
para corazóns amados,
para corazóns amantes,
para vidas collidas polo misterio de Deus,
polo misterio do humilde e do pequeno.

E foi a Pascua.

Signo:

  • Xente humilde falándose, alegres.
  • Un icona de Xesús.
  • Un rostro pobre e alegre.
  • Unha imaxe de loita e de festa.
  • Unha árbore en flor.
  • Un neno/a sorrindo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.