11 abril, 2017

14 de abril: Venres Santo



Evanxeo: Xn 18, 1-19,42: Celebración da Paixón e Morte do Noso Señor Xesús Cristo

(Empezamos presentando as catro partes das que se compón a celebración de hoxe, despois da introdución: Liturxia da Palabra, Pregaria universal, Adoración da Santa Cruz e Comuñón.)

Introdución

Recollémonos en comunidade, diante de Deus, diante de Xesús morto na cruz. A morte sempre é algo digno de moito respecto, de agarimo, de agradecemento; a morte de Xesús tamén o é, e dunha maneira moi excepcional: Xesús, o fillo de Deus, sempre buscando servir e agradar a Deus, sempre buscando servir e agradar á xente máis débil, máis marxinada, máis pecadora…, Houbo xente que quixo acabar con el e coas súas ideas, e co seu estilo de vida tan de irmán. Matárono, e hai nisto un misterio grande de maldade que nos envolve a todos e todas, pero sabemos que Deus recolleuno na súa vida para sempre, e hai aquí tamén un misterio grande de vida e de salvación que a todos e todas nos alcanza..

Poñémonos diante da cruz, diante do Cristo crucificado, que hoxe ademais tamén representa a toda a xente inocente do mundo que sofre abusos e morte por parte dos poderosos. Oramos en silencio.

Pregaria para rezar xuntos

Pai noso do ceo,
grazas por pensares en nós.
Grazas por achegarte a nós
para nos dar vida e alento.

Grazas por Xesús,
tan bo, tan humilde, tan valente,
tan arrimado sempre
á xente débil e pecadora,
entre a que estamos tamén nós.

Imos recordar a súa morte:
amounos ata a morte,
e morte de cruz.
Recordámola con admiración e agradecemento,
Recordámola tamén
querendo aprender
o camiño de vida que Xesús nos ensinou,
feito de amor e de servizo.

Que o teu Espírito bo
nos abra os ollos,
nos abrande o corazón
para comprender be e amar
canto fas por nós.
Por Xesús Cristo o noso Señor. Amén.


1.- Liturxia da Palabra

Lemos un anaco da paixón segundo san Xoán. Antes ou despois da mesma podemos rezar o salmo 30, da liturxia de hoxe, sempre e cando non se lea algunha das primeiras lecturas. Lese a paixón e comentámola un pouco, repasando algúns momentos da mesma, fixándonos no comportamento de acollida ou de rexeite das diferentes persoas que aparecen no relato.

2.- Pregaria universal

Hoxe, cando recordamos a morte de Xesús na cruz polo ben de toda a xente do mundo, presentámoslle a Deus as nosas oracións, para que o ben, a irmandade que Xesús veu espallar entre nós, nos colla a todos, e vaiamos acabando co que fai sufrir a xente. Contestamos a cada oración dicindo xuntos:

Na túa Cruz, Xesús, está a nosa salvación

Pedimos pola xente enferma, soa, desamparada, que hai entre nós e polo mundo adiante.
  • Señor, ben ves que hai moita xente que sofre por estar enferma, moita con enfermidades moi graves; hai xente que padece por sentirse soa, moi soa, e desamparada, sen ninguén que mire por ela. Que, alentados por ti, teñamos moi presente a esa xente na nosa vida, que saibamos acompañala e apoiala no que poidamos. Recemos xuntos.

Pedimos agora pola xente que está sen traballo ou que non gaña o necesario para vivir con dignidade.
  • Poñemos nas túas mans, Deus noso, a toda a xente que non ten medios de vida, que carece de pan, de menciñas, de casa; xente que foi botada das súas casas e dos seus traballos. Que contigo saibamos comprender e defender os seus dereitos e loitar por unha sociedade máis xusta. Recemos xuntos.

Pedimos tamén pola xente de fóra que vén traballar e vivir entre nós.
  • Lembrámonos diante de ti, Pai noso, a xente estranxeira, que veu a Galicia, a España, buscando medios de vida para si e os seus. Que saibamos comprendelos e apoialos, que saibamos integralos dándolles e pedíndolles o que é de xustiza e de amor. Recemos xuntos.

Pedimos polos centos e centos de persoas que polo mundo adiante están sendo asasinadas por seren cristiás. Que, seguíndote a ti, todos aprendamos a respectar as ideas, a relixión, a cultura dos demais, e sobre todo a súa vida. Recemos xuntos.

Pola xente musulmá e cristiá que é violenta, que pensa que matando e arrasando se solucionan os problemas dos países e do mundo. Para que creamos firmemente na paz, a vivamos, a coidemos día a día en todas as nosas actuacións. Recemos xuntos.

E, por último, pidamos pola nosa parroquia, por todas as parroquias do mundo, por toda a Igrexa, para que aprendamos a sentir e a vivir como Cristo o fixo, para poñer no mundo unha boa semente de paz, de xustiza e de felicidade. Recemos xuntos.

3.- Adoración da cruz

(Pódese facer con procesión ou sen ela. Sería mellor con procesión, crear un pouquiño de movemento convértese nun rito proveitoso, que rompe coa monotonía. Tres pequenas paradas, tres exclamacións e cantos de adoración, e logo o bico de todos, todas, á cruz. Para empezar este rito pódese dicir:

Agora imos adorar a cruz, que nos recorda a cruz na que morreu por nós o noso Señor Xesús Cristo. Esta cruz recórdanos a cruz de todos os que sufriron e aínda sofren por defender a irmandade entre a xente. Esta cruz tamén os recorda a cruz de moitísima xente e pobos inocentes que aínda hoxe sofren sen razón por causa da maldade nosa e doutras persoas ou pobos. Facémolo con sinxeleza e devoción, agradecendo todo o amor que Xesús nos ten, e recoñecendo o mal que facemos, polo que ás veces facemos que outros padezan por culpa nosa. 

Adoramos, logo, a cruz con amor, con pena, e con ganas de deixarnos coller pola forza de amor e de ben que brota da cruz de Xesús.

MIRADE A ÁRBORE DA CRUZ,
ONDE ESTIVO CRAVADO O SALVADOR DO MUNDO.
VIDE, ADORÉMOLA.

VITORIA, TI REINARÁS.
OUH CRUZ, TI NOS SALVARÁS.


4.- Comuñón no corpo de Xesús

Agora imos recibir a Santa Comuñón. O Pan de Xesús é o sacramento polo que hoxe Xesús se quere unir intimamente con cada un de nós, e con cada unha das persoas que sofren no mundo .Tamén é a maneira que nós temos de nos unir intimamente con el e con todos os que levan cruz entre nosoutros e no mundo enteiro.

Rezamos primeiro o Noso Pai, dándonos as mans.

Acción de grazas

Estamos un pouquiño en silencio recollendo con agradecemento algo do que vivimos nesta celebración.
Agora dámos grazas xuntos. (Pódense ler todos ou algúns destes agradecementos; pódese tamén dar paso a que a xente presente os seus propios agradecementos). Contestades a cada agradecemento dicindo:

Grazas, Xesús
  • Polas palabras de ánimo coas que lle devolviches a esperanza a tanta xente.
  • Pola fe e a confianza firme en Deus Pai que sempre viviches.
  • Por te arrimares con tanta paixón e tanto amor á xente máis débil e marxinada.
  • Polo amigo que sempre fuches de amigar coa xente pecadora para axudalos sen desprezos.
  • Polo considerado que fuches sempre coas mulleres nunha sociedade tan machista como a que che tocou vivir.
  • Porque sempre te dedicaches a servir a xente, e nunca a señorear e a aproveitarte dos demais.
  • Polo aguante que tiveches nas horas de sufrimento e de abandono.
  • Porque nunca contestaches con mal e con violencia ao mal e á violencia que che facían.
  • Porque amaches ata a morte, con moito humildade e valentía.
  • Pola forza que tiñas para te encarar coas persoas que esmagaban os débiles.
  • Polo teu corpo entregado polo ben e a paz de todos.
  • Polo teu sangue vertido coma semente de irmandade.
  • Polo teu espírito, que é potente para cambiarnos a nós e ao mundo.
  • Por todos os homes e mulleres que seguiron o teu camiño e nos achegan a ti.
  • Por toda a xente que hoxe loita coma ti, para que o mundo sexa máis xusto e feliz.
  • Polo Deus que nos ensinaches, doído, misericordioso e loitador pola dignidade de toda a xente do mundo.
  • Por seguires vivo entre nós, alentándonos cara á liberdade e á felicidade fonda e verdadeira.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.