mércores, 15 de marzo de 2017

19 de marzo: Domingo 3º de Coresma (A)

Evanxeo: Xn 4, 5-42

Comentario:

Lemos hoxe o evanxeo chamado da Samaritana, porque narra un encontro de Xesús cunha muller de Samaria a carón dun pozo a onde Xesús, canso e sedento, se achegara para beber algo. Tradicionalmente foi un relato moi apreciado polas comunidades cristiás. Durante a Coresma, por exemplo, os catecúmenos (homes e mulleres adultas que se preparaban para o bautismo na noite de Pascua) ían recibindo catequeses sobre a presenza e significado de Xesús para as súas vidas. Neste Ciclo A, no que estamos, recupérase algo esa tradición, e durante estes tres domingos antes do domingo de Ramos, lemos os textos do evanxelista Xoán, que servían de base para esas catequeses: o evanxeo da Samaritana (Xesús coma auga que mata a sede das nosas vidas), o evanxeo do cego de nacemento (Xesús coma luz que alumea as nosas vidas) e o evanxeo de Lázaro (Xesús coma vida que nos colma de vida). Todos tres son relatos figurados, non exactamente históricos, construídos coma catequeses para explicar o significado que para as nosas vidas ten, pode ter, atoparnos con Xesús e deixarnos afectar e conmover por el.
O evanxelista Xoán é moi dado a xogar co dobre significado que poden ter as palabras e as accións, e sobre ese dobre significado monta el a súa ensinanza, pasando do significado primeiro, normal, ao significado segundo, que abre mundos novos da vida das persoas. Así, hai sedes e sedes, hai augas e augas, hai fontes e fontes, hai maneiras e maneiras de matar as sedes, hai comidas e comidas (tamén o evanxeo fala disto). A auga normal dá vida ás plantas, aos animais, ás persoas; é fundamental para a vida; a auga mata a sede da xente; ademais a auga vale para limpar, a auga é transparente e dá transparencia. Pero tamén é certo que, se hai a sede do corpo, que matamos con auga, hai igualmente sedes fondas das persoas: ansias, aspiracións, desexos de autenticidade, de transparencia, de inocencia, de afectos fondos, de valoración, sermos nós mesmas de maneira limpa, nunha palabra sedes de felicidade; e estas sedes non se matan con auga, senón desenvolvendo en nós a verdade, a fermosura, a autenticidade, a inocencia coa que Deus mesmo nos fixo como seres humanos que somos. O evanxelista Xoán transmítenos o que as primeiras comunidades cristiás tiñan moi experimentado: para estas sedes humanas fondas Xesús é a auga. É dicir, Xesús coa súa palabra, pero sobre todo co seu estilo de vida, ensínanos a ir facendo das nosas vidas unhas vidas frescas, vizosas, loitadoras, alegres, máis ou menos satisfeitas, máis ou menos felices, dentro do que cabe. Somos persoas cristiás, somos unha comunidade cristiá: Xesús está sendo todo isto para nós?

Estamos metidos nunha crise a causa da cal moita xente carece de cousas básicas para atender as necesidades básicas: bebida, mantenza, vivenda, sanidade, educación ..., é polo tanto importante que individualmente e colectivamente traballemos por estas cousas e esixamos aos nosos gobernos que nos atendan nestas cousas no que lles corresponde, sobre todo pensando nos casos máis necesitados. Xesús foi o primeiro en dicirnos que debíamos pedir o pan de cada día, loitar polo pan de cada día, para nós e para a demais xente, e facer diso un xeito de ser fiel a Deus; pero tamén nos dicía hai dous domingos que non só de pan vivimos os homes e mulleres; non só con pan se constrúe unha persoa, unha familia, unha sociedade; non só habendo pan, auga, se matan as fames e sedes fondas que temos as persoas polo feito de ser persoas que nos estamos construíndo pouco a pouco durante a vida. Temos unha sorte: para ter o pan, a auga, os bens que matan a fame e a sede primeira, case sempre fan falla cartos, algúns polo menos; para matar esoutras fames e sedes fondas que levamos dentro, normalmente non fan falla cartos, só deixar que o noso corazón se achegue a outros corazóns, só que as nosas vidas se abran a outras vidas, só que apostemos pola honradez, pola inocencia, polo amor, pola solidariedade, pola xustiza, cousas todas elas que, grazas a Deus, non se mercan con cartos. Co pouco, co imprescindible, co necesario, podemos ser felices. Como estamos vivindo isto? Na nosa comunidade cristiá invítasenos, empúxasenos a que fagamos esta experiencia tan sinxela e fonda?

Todo isto tan fermoso, tan marabilloso, que mesmo nos pode parecer un soño, para unha persoa cristiá ten un punto de partida imprescindible: atoparse con Xesús. Calquera circunstancia é boa para este encontro. A Samaritana fíxoo ao pé dun pozo onde ía sacar auga. Pódenos axudar ler e meditar este mesmo relato; pode axudarnos ler con espírito famento e sedento os Evanxeos; pode axudarnos relacionarnos con xente que faga a súa vida ao xeito de Xesús; pode axudarnos ir probando pouco a pouco as augas que Xesús nos vai ofrecendo. O fundamental en todo caso é admitir que temos sedes fondas, e non enganarnos a nós mesmos/as tentando matalas con calquera cousa material; e somos todos, todas, moi dadas a iso. Na nosa comunidade cristiá, na nosa parroquia, ofrécesenos, ofrecemos esta posibilidade real de encontro con Xesús?

A Eucaristía é un momento especialmente apropiado para encontrarnos con Xesús, na comunidade, para aprender a matar nel, no seu Pan Bendito, as fames e sedes que nos aflixen. Felices nós se así o experimentamos!


Preces:

QUE COA TÚA AUGA, XESÚS,
MATEMOS AS NOSAS SEDES

  1. Que, levados/as da túa man, fagamos das nosas comunidades, das nosas parroquias un lugar de encontro vivo e persoal contigo. Oremos.
  2. Que saibamos atender, como ti queres, as necesidades de quen precisa do elemental para vivir con dignidade. Oremos
  3. Que aprendamos de ti, Xesús, a adorar a Deus en espírito e en verdade, vinculando a nosa fe co coidado apaixonado pola xente a todos os niveis. Oremos.
  4. Que saibamos agradecer a auga, o vento, a terra, as plantas, todo canto vai enchendo de vida a terra nesta primavera e a vai convertendo en sacramento das túas bendicións. Oremos.
  5. Que nos atrevamos a compartir con outras persoas o que nós imos experimentando e gozando arredor de Xesús na comunidade cristiá, na parroquia. Oremos.

Pregaria:

Sedentos, sedentas,
como a Samaritana na procura de augas,
para calmar a sede do corpo,
a sede do espírito,
a sede da vida.

Sedentos, sedentas,
ao teu carón, Xesús,
ao pé do pozo fondo de augas limpas,
ao pé da túa palabra próxima, provocativa,
augas que van brotando aos poucos
ao ritmo da conversa sinxela,
onde se fala das vidas e das súas complicidades.

Sedentos, sedentas,
sen se contentar coas catro pingas imprescindibles,
abrindo a gorxa, o corazón, a vida
á altura e á fondura do teu don, Xesús.

Sedentos, sedentas,
coa vida aberta de par en par,
coma unha terra aberta en sucos á bendición de choiva,
para que ma coñezas, Xesús,
para que ti ma limpes, ma sandes,
ma nutras, ma fartes,
para que ti ma fecundes.

Sedentos, sedentas,
de xustizas, de inocencias,
de amores e fidelidades,
de augas vivas para unha vida viva.

Sedentos, sedentas,
gozando coa túa abundancia
ata me converter tamén eu
--quen o dixera!--
en pozo, fonte e rego,
en persoa de encontro, de conversa e luz,
para que outros poidan saciar algo a súa sede.

As túas augas, Xesús,
fecundando a terra.


Signo:

  • Algunha imaxe de Xesús coa Samaritana.
  • Diferentes imaxes de augas frescas, fértiles.
  • Rostros de persoas sedentas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.