martes, 7 de marzo de 2017

12 de marzo: Domingo 2º de Coresma (A)


Evanxeo: Mt 17,1-9


Comentario:

Na Coresma estamos invitados/as a facer un camiño de acompañamento a Xesús nas súas opcións, nas súas experiencias de vida, no seu estilo de vida, que o foron levando cara a unha situación de conflito coas autoridades relixiosas e civís do seu tempo; e este conflito acabou na morte violenta de Xesús por parte desas autoridades: era evidente que Xesús molestaba para quen quería montar o seu poder sobre o abuso da xente, desinteresándose do respecto polas persoas, deixando de lado aos máis débiles, pobres e pecadores/as da sociedade. Xesús mantívose fiel, ata a morte; amou ata o extremo, non recuou, por fidelidade a Deus e por fidelidade ao pobo a quen Deus tanto amaba. E Deus sentiuse compracido nesta fidelidade de Xesús, aínda que non lle fixese ningunha graza a morte do seu Fillo, como non lle fai ningunha graza a morte, o encollemento, o desprezo de ningún dos seus fillos e fillas que somos nós.

O relato de hoxe fálanos precisamente destas cousas, invítanos a entendelas e a vivilas. Coma Pedro, Santiago e Xoán, todos, todas nós somos invitadas por Xesús a acompañalo nesas experiencias que pasaron polo corazón, pola vida de Xesús. O monte alto é o símbolo da manifestación e da experiencia de Deus. Todo o que Xesús vivía, loitaba, defendía, provocaba, tiña a súa raíz nunha experiencia clara, limpa de Deus. Iso era o motor que o impulsaba, que lle permitía ter a mansedume que demostrou na paixón e a valentía, a audacia que tamén demostrou. Buscamos, traballamos nós, como persoas, como comunidade esa experiencia limpa de Deus nas nosas vidas, para que as sosteña na liña de Xesús?

O relato fálanos tamén dun Xesús espléndido, cheo de luz e transparencia, acompañado por dous grandes líderes espirituais do pobo de Israel, Moisés e Elías; o primeiro, Moisés, encabezara un movemento de rebeldía e de liberdade co pobo de Deus explotado por un poder faraónico abusivo; Xesús afondou nesa mesma rebeldía e liberdade; o segundo, Elías, foi o defensor dunha práctica relixiosa confiada en Deus, purificada de trampas e enganos, cousa que tamén Xesús levou ata o extremo. O relato, construído dunha forma simbólica --que non sexa histórica non quere dicir que non nos estea dicindo cousas moi certas sobre Xesús e o que Xesús significa para a nosa vida cristiá--, dinos que Pedro atopábase tan a gusto, que quería montar alí unhas tendas para Xesús, Moisés e Elías, con tal de seguir gozando de todo o que estaba vendo. Pero faltaba o máis importante: caer na conta a fondo de que Xesús era o fillo benquerido de Deus, en quen Deus se compracía, ao que había que escoitar. Non se trata, como pretendía Pedro, de quedar alí ao quente, mentres a vida dos fillos e fillas de Deus anda sabe Deus como. E os apóstolos entenden: hai que escoitar a este Xesús, hai que seguilo, hai que imitalo, hai que acompañalo, hai que vivir nos nosos días como nos seus viviu Xesús. Como vivimos nós a nosa relixiosidade: cara a dentro, moi tranquiliños/as cos nosos rezos e celebracións, cos nosos grupos e debates, ou cara a fóra, saíndo cara a onde a vida se xoga, se aprecia ou se despreza, como tamén nos di con tanta frecuencia o Papa Francisco?

Xesús quérelles quitar o medo do corpo. Deus non é para meter medos. O camiño de Xesús tampouco non é para poñer medos. Non é unha broma o que el nos propón; supón esforzo, valentía, loita, sufrimento ás veces, morte algunha vez, como lle pasou a Xesús, pero o camiño de Xesús é un camiño de satisfaccións, de contentos fondos que chegan para cubrir con paz e gloria esas horas tensas, que son inevitables cando unha persoa intenta ser limpamente filla ou fillo de Deus. Non viron máis que a Xesús, e vían abondo. Víano no camiño valente que emprendía e vírono no remate feliz que xa se adiviñaba. Baixaron do monte, saíron desa experiencia relixiosa profunda que tiveran, e entenderon que era hora de darlle cara á vida coma seguidores de Xesús. Levaban as pilas ben cargadas para todo o que tiñan que afrontar.

A celebración da Eucaristía é unha experiencia deste Cristo loitador, morto por amor e por odio, e tamén dese Cristo glorioso, triunfador, que pode cargar neste día de hoxe as nosas pilas para a vida cristiá nos tempos de hoxe. Cres que pode ser así para ti, para a túa comunidade?


Preces:

ERGUÉDEVOS, NON TEÑADES MEDO

  1. Señor Xesús, que non nos envolva o medo nestes tempos de crise, senón a túa audacia e valentía, para andar en todo no teu Espírito, con honradez e solidariedade. Oremos.
  2. Señor Xesús, que non nos asuste a cruz, imprescindible para medrar como persoas, como comunidade cristiá, como pobo; que a saibamos encher de amor solidario para que dea froitos de vida. Oremos.
  3. Señor Xesús, que contigo saibamos estar a carón de quen leva a cruz do abandono, da marxinación, da depresión, ou da entrega ao alcohol ou outras drogas. Oremos.
  4. Señor Xesús, que neste tempo de Coresma nos aventuremos contigo nunha busca espiritual intensa, para gozar da presenza e compaña de Deus e apuntarnos coma ti á súa escoita e seguimento na vida. Oremos
  5. Señor Xesús, que na nosa comunidade cristiá superemos a tentación de reducilo todo a oracións, doutrinas e celebracións, e saiamos contigo á rúa, onde facer pobo ao lado da xente máis orfa e necesitada. Oremos.


Pregaria:

Quero ir contigo, Xesús, seguirte preto,
con Pedro, Santiago e Xoán, os teus amigos,
subir convosco al monte alto,
convosco gustar o gozo de Deus na vida, na xente.

Verte, Xesús, entrar na túa vida,
descubrir a luz radiante do teu rostro,
a brancura abraiante de quen serve e ama,
porque se sabe por Deus fondamente amado.

Compartir nomes e historias
de xente que foi e é vida para o pobo,
quentar o corazón co seu recordo,
saberse herdeiro de tanto don e gloria.

Contemplar, gustar, saborear,
abrir a tenda, facer lume e fogar,
sabéndose no ollo desa fonte
que mana e corre ata a vida plena.

Oír a voz do Pai, constante, certa,
chamándonos á escoita, ao seguimento
do Fillo ben amado, o se retrato
máis limpo e fiel: consolo, luz alento.

E logo deixar de lado as covardías,
cargado o corazón, perder os medos,
baixar do monte, saír á rúa,
buscar, amar, servir a toda hora
os rostros máis rotos, desprezados,
nos que a túa luz, Xesús, oculta brilla
chamándonos ao encontro solidario,
ao amor que non sabe de lindeiros,
aínda que a cruz se asome no horizonte:
o amor pode coa dor,
o amor na dor se ensancha e multiplica.


Signo:
  • Unha representación da Transfiguración do Señor.
  • Unha cruz nun trasfondo de luz.
  • Un rostro de persoa marxinada sobre un fondo de luz.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.