mércores, 22 de febreiro de 2017

26 de febreiro: Domingo 8º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 6, 24-34

Comentario:

Quen isto escribe é unha persoa xubilada, cunha pensión digna, coas súas preocupacións básicas cubertas. Claro que hai moitas cousas, ademais do diñeiro, que se poden converter en motivo de preocupación. Posiblemente moitas das persoas que lean este escrito estarán en situación similar, aínda que é probable tamén que haxa xente parada, xente nova que nunca tivo nin traballo, nin soldo; xente con recursos escasos, que cada día ten que axustar ao máximo os seus gastos para chegar a fin de mes. Quen teñamos a vida máis ou menos asegurada, dificilmente poderemos entrar vitalmente na proposta de Xesús. E que dirá disto quen se mova na carencia e nas inseguridades básicas? Vaia por diante que Xesús, cando fixo estas afirmacións, era un home que "non tiña onde reclinar a súa cabeza", e que a maioría das persoas que o escoitaban formaban parte dun pobo pobre, abusado, que moi escasamente era capaz de xuntar o necesario para comer, para vestirse, sen ningunha tipo de seguridade desas que, mal que ben, nós imos tendo. Xente en miseria. Como é que Xesús lles dicía isto, el que tan dado era a acompañar, a doerse dese tipo de xente, que era a súa xente?
Xesús ofrecíalle a súa proposta á xente do seu tempo e ofrécenola tamén a nós, nos tempos críticos que vivimos. E ofrécenola convencido de que é unha proposta coaque nós podemos entrar en camiños de máis liberdade, de máis humanidade, unha proposta que abre camiños na escuridade e confusión do momento. Vémolo nós así?

De entrada, Xesús ponos en alerta ante a atracción dos cartos. Moitos poden pensar que o remedio ao que vivimos é o carto, poñer o corazón, a vida, no carto. Xesús dinos que iso é unha tentación, e grande, porque quen pon o corazón no carto, non o pode poñer en Deus e nas súas cousas, que son as cousas do amor, da solidariedade, da comunidade, do pobo. Mal nos pode valer de remedio o carto, cando o carto, convertido en riqueza, amoreado sen xeito por parte dalgúns poucos, é en boa medida a raíz de moitos dos males que padecemos. O diñeiro en si non é malo, pero sempre que o saibamos poñer ao servizo da xente, sobre todo da xente pobre, e non como señor que manda na xente, tal como pasa hoxe en boa medida.

Se a proposta de Xesús non é o diñeiro, cal é logo? Empeza por invitarnos con insistencia (ata cinco veces o repite na pasaxe que hoxe lemos) a non perder a calma preocupándonos obsesivamente polo de mañá; chégalle a cada día o seu traballo, a súa ansia, o seu labor. A despreocupación excesiva, obsesiva, non remedia as cousas, máis ben complícaas aínda máis. O exemplo dos paxaros que nin sementan nin seituran para a súa mantenza e a dos lirios que nin traballan nin fían para a súa fermosura, non nos invitan á folganza (no fondo o paxaro si que busca como manterse e a flor si que desenvolve unha actividade instintiva para ser o que é); invítannos ao traballo sinxelo, á actividade limpa de amargura e de ansiedades que nos martirizan.

A proposta de Xesús segue cunha insistente chamada á esperanza, á confianza: valemos moito aos ollos de Deus, estamos enredados en sólidos lazos de solidariedade que por aquí e por alí cruzan o mundo, hai moita xente que se sente atraída pola solidariedade e o servizo, e fai diso a paixón da súa vida, aínda que nos custe, isto é o que no fondo máis convence e gratifica o noso corazón, a nosa vida, ... é dicir, levamos a Deus dentro de nós, sustentando e alentando as nosas vidas, valéndose para iso de tantos homes e mulleres de ben, así que isto pode cambiar, e cambiará, e o pan e a paz encherán as nosas casas e as casas de toda a xente pobre do mundo.

A proposta de Xesús conclúe cun establecemento de prioridades, que dirixe especialmente á xente máis fráxil, sen pretender desentenderse para nada da súa situación de carencia: "procurade primeiro o Reino de Deus e maila súa xustiza, e todas estas cousas hánsevos dar en consecuencia". Que é o Reino de Deus, que é a xustiza de Deus? Un ordenamento persoal e social, no que, entre outras cousas, as persoas máis débiles ocupen o primeiro lugar. Por isto, dinos Xesús, por isto traballar polo Reino de Deus é poñer as bases para unha sociedade nova, na que de verdade se acaben as inxustizas, as desigualdades, as violacións do dereito para o máis débil. Xesús non di que non debamos preocuparnos polo pan de cada día, ensinounos a rezarlle a Deus propoñendo esa necesidade básica; pero entende que a mellor maneira de facelo é indo á raíz das cousas. Como se di hoxe, no canto de darnos o peixe, quere ensinarnos a pescar. No canto de invitarnos á obsesión compulsiva de cada un polo seu lado para amañar o seu problema, invítanos a unha aposta conxunta de irmandade real, suxerida e amparada polo mesmo Deus. No tempo de Xesús non había actividade política, democrática; hoxe témola, e nela temos posiblemente un instrumento para lle dar corpo a moito do suxerido polo mesmo Xesús, posto que a política está --debería estar-- para realizar a xustiza, para crear sólidos espazos de solidariedade, para evitar o poderío absoluto do diñeiro.

Na celebración eucarística acollemos esta proposta de Xesús, e, comungando co seu corpo e co corpo da comunidade cristiá, animámonos para realizala cada día na nosa sociedade. Seremos capaces --por que non?-- de ser fieis a esta alternativa cristiá, tan limpa e vigorosa, tan chea de promesas, aínda que tamén de tensións e dificultades?


Preces:

NON ANDEDES DESACOUGADOS/AS POLO DE MAÑÁ

  1. Que saibamos confiar en ti, Deus noso, en todo momento, ante calquera circunstancia que nos altere o presente e o futuro, acollendo no corazón as túas palabras.
  2. Que traballemos polo que necesitamos para vivir con dignidade, sen amorear nin cartos nin nada, sen ansiedades. Oremos.
  3. Que coa túa luz nos decatemos de que para vivir en paz e felicidade debemos coidar do noso corazón, da nosa rectitude, da nosa solidariedade, cousas tan necesarias coma o pan de cada día. Oremos.
  4. Que coa túa forza nos impliquemos polo que pasa na sociedade, aportando coma persoas cristiás este Espírito confiado, vigoroso, alternativo que Xesús Cristo nos ofrece. Oremos.
  5. Que teñamos a humildade e a valentía de participar no traballo político e sindical, con honradez, para que cambie o rostro da terra en favor sempre da xente menos considerada. Oremos.

Pregaria:

Confiamos en ti, Deus noso,
máis ca no mando e no diñeiro,
máis ca nos enchufes e na corrupción.

Confiamos en ti, Deus noso,
témosche lei a ti,
e a canto ti significas e promoves:
a xente humilde e ao pobo que a ampara.

Confiamos en ti,
cando afrontamos a tarefa cotiá
de buscar pan e vestido,
fogar e convivencia,
para facelo con sinxeleza e esixencia,
pero sen angustiarnos nin angustiar a ninguén.

Confiamos en ti, Deus noso,
porque nos amas,
porque nos sostés, nos dás forzas,
porque espertas en cada un, cada unha de nós, o mellor de nós mesmas,
e así poder vivir día a día con esperanza.

Confiamos en ti,
porque nos rodeas con mans amigas,
con corazóns amigos, con xente solidaria e creativa
que rompe rutinas e desilusións
e nos sobe ao carro dos seus soños.

Confiamos en ti, Deus noso,
porque ben sabes o que precisamos,
e ti non es cativeiro nos teus dons,
e sempre tes para dar moito máis do que deixas dado.

Confiamos en ti,
no teu proxecto, na túa xustiza,
na túa ollada preferente pola xente débil,
nesa túa fondura de amor altamente solidario,
que conmove os corazóns,
e move a historia cara á irmandade real.

Confiamos en ti,
aínda que nos coñecemos ben
e sabemos o cativas que son as nosas fes,
e como palidecen axiña os nosos soños.

Contigo ao noso lado, todo é posible.
Confiamos en ti, Deus noso.


Signo:

  • Como suxire o mesmo evanxeo: imaxes de paxaros e de flores, lirios...
  • Pans e peixes, e xente que o ofrece.
  • Brazos unidos, signo do Reino e da súa construción.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.