venres, 6 de xaneiro de 2017

8 de xaneiro: O Bautismo do Señor


Evanxeo: Mt 3, 13-17

Comentario:

Coa celebración do Bautismo do Señor Xesús pechamos este precioso tempo do Nadal, no que a liturxia nos foi axudando a entender e celebrar quen era realmente aquel Xesús que tanto chamara a atención coa súa vida absolutamente centrada en Deus e absolutamente centrada tamén na xente, sobre todo na xente débil, pobre, pecadora, ignorada, desprezada socialmente, relixiosamente. Xa sabemos que aquel Xesús, aínda que nacido coma unha persoa de tantas, era –non podía ser doutra maneira— froito do Espírito Santo; o Espírito Santo de Deus era a súa verdadeira matriz, a súa forza, o seu alento, o seu norte, o que suscitaba as súas palabras e os seus feitos de vida. (Algo así nos pasa a todos nós, se nos miramos cos iluminadores ollos da fe).

O relato do Bautismo de Xesús permítenos comprender como ese Espírito de Deus foi collendo toda a vida de Xesús; non foi dun xeito máxico, coma se Xesús non tivese nada que ver con iso; tampouco foi dun xeito milagreiro. Foi dun xeito moi humano e moi divino ao mesmo tempo, que é como Deus fai sempre as cousas. Nós tamén queremos ser persoas que nos deixemos coller e levar polo Espírito de Deus; por iso é ben importante que nos fixemos como foron as cousas con Xesús, porque tal e como foron con el poden ser tamén connosco. Iso é polo menos o que Deus quere. E a iso nos debemos sentir empuxados/as nas nosas comunidades cristiás.

Pouco sabemos da infancia de Xesús. Foi unha infancia pobre, nun medio social pobre. Pero todo parece indicar que foi unha infancia desde un punto de vista humano e espiritual moi densa, no espazo familiar, no espazo veciñal. Os evanxeos din, referíndose a Xesús, que “o neno medraba, fortalecíase e íase enchendo de sabedoría; e a graza de Deus acompañábao” (Lc 2, 40). E tamén que cos anos “medraba en estatura, en sabedoría e en graza diante de Deus e diante da xente” (Lc 2,52). Xesús empezou a traballar no oficio do pai, que era carpinteiro de obras, pero nel aviveceuse cada vez máis a ansia por lle ser fiel a Deus na súa vida, a Deus e ao que el entendía que Deus lle pedía na vida. E iso foi o que o levou un día determinado a deixar a casa e achegarse onda Xoán Bautista e onda o movemento que el lideraba. Deus, a través da familia, das reunións na sinagoga, do pobo pobre e asoballado do que Xesús formaba parte; Deus, a través da súa reflexión, da súa oración, da súa dispoñibilidade, foino empuxando para facer del unha persoa repleta de amor e de servizo.

Xesús vai onda Xoán, porque o admiraba pola súa pobreza, pola súa radicalidade, pola súa valentía, polo seu desacordo co que os líderes relixiosos do momento propoñían, porque soñaba cuns tempos novos de Deus, que habían poñer honradez e xustiza entre a xente toda. Súmase ao movemento de Xoán porque quería facer máis redonda e total a súa resposta fiel a Deus, porque quería tamén que desaparecesen os abusos do pobo, sobre todo os abusos que facían máis costa arriba a vida da xente pobre. Seguro que Xesús falou con veciñas e veciños o que tantas veces nos falamos tamén: isto non pode seguir así, o mundo anda tolo, os de arriba cada vez apértannos máis, non pode ser que haxa xente na rúa, sen traballo, sen sanidade, non pode ser que aínda hoxe haxa millóns de persoas morrendo de fame, etc. Pero Xesús colleu e dixo: pois, a ver, que podo facer eu para que isto cambie? E botouse á aventura, á aventura de Deus, á aventura de Deus co pobo, á aventura do pobo con Deus. E nós? Non nos quedamos frecuentemente só nas palabras, nas queixas, nas lamentacións? Cantas veces chegamos á parroquia, á comunidade cristiá, á Asociación de veciños/as, ao Partido Político, a onde nós pensemos que se pode facer algo para ofrecernos: eu quero que isto cambie, que podo facer?

Andando nestas, con estas ideas e estes proxectos na cabeza, Xesús tivo unha experiencia relixiosa extraordinaria. Parece que unha persoa descobre a Deus, cando se pon na súa onda, que é a onda da dispoñibilidade, da pobreza, da busca, da apertura, da ansia por aportar o que un saiba e poida. E Deus non falla, Deus está alí, aportando o que sabe aportar que é fondura e compaña, convicción e forza, tenrura e capacidade de espallala ao redor de nós, soños e alentos para ilos construíndo cada día.

O Espírito de Deus colleu a Xesús, marcou a Xesús, non á forza, senón obsequiándoo cunha experiencia moi simple e fundamental, a de ser fillo benquerido, amado de Deus. Xesús foi tocado para sempre pola tenrura de Deus, aló no máis íntimo do seu ser, e iso fixo del unha persoa nova, unha persoa capaz de iniciar cousas novas, que nunca se oíran nin se viran entre a xente relixiosa do seu tempo. Cousas que teñen que ver basicamente co amor, coa solidariedade exquisita, coma arma fundamental para virar a sorte das persoas, para virar os abusos deste mundo.

Cada Eucaristía é un momento no que todos, todas, como persoas, coma comunidade, podemos ter tamén a experiencia de sermos persoas amadas de Deus, fillos e fillas benqueridas, chamadas a espallar o seu amor e a súa xustiza polo mundo adiante, empezando pola nosa casa, parroquia, barrio, cidade.


Preces:

ESTE É O MEU FILLO QUERIDO, O PREDILECTO

  1. Que nos alegremos, Xesús, por terte coñecido, que nos alegremos por terte de verdade coma irmán maior e mestre. Oremos.
  2. Que, coma ti, saibamos ser pobres, libres, buscadores/as, para darlle a Deus, á familia, á comunidade, ao pobo, o mellor do que levemos dentro de nós. Oremos.
  3. Que nos xuntemos coma ti con quen sente no nome de Deus polos débiles, pobres e pecadores, e, con humildade formemos comunidades de vida, comunidades que soñen cun mundo diferente, máis san e xusto. Oremos.
  4. Que o mesmo Espírito que a ti te santificou coma fillo de Deus, nos santifique tamén a nós e nos encha de vigor para o servizo das persas enfermas, maiores, soas, angustiadas, paradas. Oremos.
  5. Que coma ti, Xesús, teñamos sempre a dita profunda de sentirnos de verdade fillos e fillas benqueridas de Deus. Oremos.
  6. Que vexamos a todas as persoas, sobre todo as máis pobres e marxinais, coma fillos e fillas benqueridas de Deus, e coma tales as tratemos, con respecto, con coidados. Oremos.

Pregaria:

Tiñas, Xesús, trinta anos,
naqueles tempos un home moi maduro xa;
chegárache a hora
e, por fin, arrincas da casa,
e vaste á aventura de Deus,
á aventura do pobo.
Bendito sexas!

Doíache o pobo,
doíache a xente marxinada,
doíache a relixión falsificada,
doíanche as autoridades prepotentes,
doíache Deus.
Bendito sexas!

Buscas,
xúntaste a unha comunidade de xente buscadora,
faste discípulo, aprendiz,
soñas co mellor de ti para Deus,
co mellor de Deus para o pobo,
co mellor de Deus para min.
Bendito sexas!

Inicias unha etapa intensa de madurez e de cambio,
o Espírito acompáñate e sorpréndete,
experimentas o gozo de ser fillo amado,
chamado para o servizo total,
para abrirlle á xente camiños novos cara a Deus.
Bendito sexas!

E faste para nós
mestre da busca comunitaria,
guía na conversión e no cambio,
alentador de experiencias relixiosas limpas, intensas,
impulsor dunha entrega sen medida
ao servizo de todos e todas,
ao servizo da xente máis humilde do pobo sobre todo.
Bendito sexas!

Cos nosos medos e dúbidas,
coa nosa falta de fe e de paixón humanitaria,
queremos que nos collas da man
e que nos leven contigo,
para repetir nos tempos de hoxe
a túa humilde e revolucionaria aventura.
Bendito sexas, Xesús,
bendito sexas!

Signo:

  • Algunha imaxe digna de Xesús con Xoán Bautista, do Bautismo de Xesús.
  • Algunha imaxe de encontro, de grupo en grupo.
  • Un signo de interrogación grande, de busca.
  • Alguén collendo e levando a alguén da man por un camiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.