25 xaneiro, 2017

29 de xaneiro: Domingo 4º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 5,1-12a

Comentario:

Quizais estamos tan afeitos a oír e dicir a palabra benaventuranza que non reparamos no seu significado real, vivo, provocador neste caso. Dicir benaventuranza é como dicir boa ventura, sorte na vida, felicidade; é como ter atopado aquilo capaz de asentarme na paz, na alegría, no optimismo, na satisfacción. Se nos tempos de Xesús, e tamén nos nosos, saíse alguén preguntando polos camiños ou rúas qué cousas serían para a persoa preguntada motivo desta clase de venturas e felicidades, seguro que escasamente atoparía a alguén que sinalase cousas como as ditas por Xesús. Incluso aínda que fose ou sexa crente a persoa entrevistada. As nosas repostas andarían máis polo tópico de “saúde, diñeiro e amor”, que pode ter o seu aquel de verdade e de fondura, pero que normalmente se interpreta e vive dunha forma lixeira, baleira.

Por iso as palabras de Xesús, onte coma hoxe, teñen moito de provocación. Seguro que no seu tempo deixou coa boca aberta a moitas das persoas que o escoitaban, os seus discípulos os primeiros. Tamén a nós nos deixa descolocados, por moito que sexamos crentes, por moito incluso que teñamos certa admiración por Xesús e teñamos a decisión de andar tras as súas pegadas. Xesús era, é, un provocador coa súa palabra e, sobre todo, co estilo de vida que acompañaba e daba autoridade ás súas palabras.

Xa que logo, ante estas palabras de Xesús, tan radicais e provocadoras, podemos tomar a actitude de esquivalas, rebaixalas, quitarlles forza, desvalorizalas, para desentendernos delas na práctica; é dicir, non crer nelas, na súa forza de verdade y de transformación; sería como dicirlle a Xesús: non, estás equivocado, as fontes da felicidade non van por aí. Pero tamén podemos darlles fe, colocarnos espidos, espidas, diante delas, sen ningún tipo de defensa por diante, e deixar que esas palabras entren na nosa vida, nos sacudan, nos conmovan, realicen en nós as promesas que Xesús vincula a elas. A quen se diga admirador, admiradora de Xesús, a quen guste de andar polos seus camiños, cádralle loxicamente esta segunda postura: abrir o corpo, o corazón, a vida toda a estas promesas de Xesús. E Deus dirá. E dirá ben. Dirá felicidade, que iso é o seu.

Máis de 12 millóns de persoas viven en situación de pobreza
e exclusión en España / nuevatribuna.es
Cal é o nervio profundo destas benaventuranzas de Xesús? Onde radica o convencemento que Xesús tiña de que as cousas eran, son, así como el as dicía? As benaventuranzas teñen dous movementos básicos, nos que nos sería ben entrar para poder experimentar a súa forza de vida e de felicidade. O primeiro movemento é un movemento de solidariedade. Xesús non fala desde fóra da xente pobre, que chora, sufrida, famenta e sedenta; fala desde unha proximidade real con ela; cantas veces os evanxeos nos presentan a Xesús compartindo vida e penalidades con estas persoas, facendo todo o posible por aliviarlles as penas! Xesús sitúase igualmente do lado de quen se deixa afectar pola miseria humana, de quen procura un corazón limpo, transparente, desapegado de intereses egoístas; Xesús inclúese entre as persoas que traballan pola paz e que sofren por defender a causa da xustiza. Fóra deste primeiro movemento solidario de Xesús é imposible percibir a forza das súas palabras; por iso quizais, cando nós as dicimos dentro ou fóra das celebracións, soan a palabras sen paixón, baleiras, que a poucos convencen e atraen.

O segundo movemento básico no que tamén cómpre entrar para percibir a paixón que Xesús nos quere transmitir é o convencemento de que Deus mesmo está interesado nestas causas. Non é unha idea, un capricho humano. Xesús vincula estas promesas de felicidade con Deus mesmo. Deus é o que garante que estas felicidades se realicen. Deus é o que sostén os ánimos de quen empeña toda a súa vida para que estas felicidades se fagan reais. Xesús non desconfiaba de Deus, como moitas veces nós desconfiamos. Afirmamos cousas que no fondo non nos cremos. Xesús si. Xesús tiña un convencemento fondo de que Deus era capaz de xerar todo isto e moito máis. E púxose ao seu servizo, á súa disposición. E ao redor del foron moitos os homes e mulleres pobres, envoltas en bágoas e sufrimentos, ansiosas de dereito e de xustiza, para as que a vida empezou a coller outra cor; ao redor del conformouse unha comunidade de xente comprometida coa miseria humana, coa transparencia en todo, coa paz, coa xustiza.

A Eucaristía reúnenos ao redor deste Xesús apaixonado, que chegou a dar a súa vida, que nos dá o seu corpo e o seu sangue para empoderarnos, e facernos capaz de crer nestas benaventuranzas e de facer delas o motor e a meta das nosas vidas. Se así o faremos, seremos felices.


Preces:

TI ES, SEÑOR, A FONTE DA NOSA FELICIDADE
  1. Que lle abramos o noso corazón, as nosas vidas, aos camiños de felicidade que nos propón Xesús. Oremos.
  2. Que en Xesús descubramos a dita da pobreza digna, da solidariedade con quen sofre, da confianza absoluta en Deus. Oremos.
  3. Que aínda no medio dos traballos vivamos envoltas na ledicia que Deus dá e promove. Oremos.
  4. Que saibamos enxugar bágoas, acompañar soidades, comunicar esperanzas. Oremos.
  5. Que como persoas e como comunidade nos distingamos na loita pola paz e pola xustiza empezando xa polas nosas casas, polos nosos lugares de traballo, polo noso barrio ou parroquia. Oremos.


Pregaria:

Abraiado e atraído coma Xesús,
quero contemplarte, meu Deus,
ofrecéndolle a abundancia do teu fogar universal
a toda a xente pobre do mundo.
Bendito sexas!

Cidadáns maniféstanse contra a pobreza en Madrid.- EFE
Afectada coma Xesús,
quero contemplarte, meu Deus,
enxugando as bágoas de quen chora,
ofrecendo remedio e consolo.
Bendito sexas!

Indignado coma Xesús,
quero contemplarte, meu Deus,
agasallando coa túa herdanza
a quen sofre marxinación e abandono.
Bendito sexas!

Enrabechada coma Xesús,
quero contemplarte, meu Deus,
dando fartura a mancheas
a toda a xente famenta de pan e de xustiza.
Bendito sexas!

Doído coma Xesús,
quero contemplarte, meu Deus,
tratando con infinita paixón solidaria
a quen en paixón solidaria gasta a súa vida.
Bendito sexas!

Acendida coma Xesús,
EAPN-Galicia / Rede Galega contra a pobreza
quero contemplarte, meu Deus,
desvelando o teu rostro
a cantas persoas miran, senten, viven con limpeza.
Bendito sexas!

Militante coma Xesús,
quero contemplarte, meu Deus,
tratando como fillos e fillas queridas
a quen traballa pola paz.
Bendito sexas!

Resistente coma Xesús,
quero contemplarte, meu Deus,
abríndolle as portas dos teus mellores soños
á xente perseguida por defender teito, traballo e terra para todo o mundo.
Bendito sexas!

E deixarme levar logo
polo teu tsunami solidario
co que queres renovalo todo.
Bendito sexas, meu Deus, bendito sexas!


Signos:
  • Persoas en situación de pobreza, sufrimento, indixencia.
  • Persoas ou grupos ou organizacións que traballan por superar estas pobreza.
  • Algunha manifestación na que se defenda os dereitos da xente máis humilde.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.