martes, 17 de xaneiro de 2017

22 de xaneiro: Domingo 3º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 4, 12-23

Comentario:

Nestes momentos, todos, todas, estamos sendo invitadas polo Papa Francisco a lanzarnos, con humildade e con valentía, a vivir a alegría do Evanxeo e a compartilo coas persoas coas que convivimos, nas aldeas, vilas e cidades onde vivimos, con convencemento de que ese Evanxeo de Xesús é algo que a todas, a todos nos trae alegría, luz, alento, renovación, esperanza, vigor, cousas todas de tanta necesidade sempre, pero especialmente nos tempos que estamos vivindo. Volver ao Evanxeo, descubrir e acoller o estilo de vida de Xesús que o Evanxeo nos presenta, seguro que nos ofrece as formas e as actitudes básicas para acertar a vivilo e anuncialo nós nos tempos de hoxe.

Seguímoslle os pasos a Xesús. Durante un tempo considerable, que non sabemos precisar, estivo vinculado ao grupo de Xoán Bautista. Pero houbo un momento (Mateu di que foi cando encadearon a Xoán Bautista) no que Xesús se independiza do movemento do Bautista e empeza a actuar por libre, seguindo o seu propio estilo, a súa propia maneira de ver as cousas. E empeza por algunhas decisións moi fundamentais: primeira decisión, deixa de vivir naquel lugar apartado, onda o Xordán, no que vivía e bautizaba, e establécese nun pobo mariñeiro, Cafarnaum, onde se mestura coa xente normal, onde coñece e participa do que a xente vive, traballa, sofre, espera, loita, festexa. A Xesús impórtalle moito a xente e o que á xente lle fai padecer ou gozar, e por iso se vai para onda ela. Somos nós así? É así a comunidade cristiá da que formamos parte? Preocúpanos o que á xente lle pasa, as súas vidas? Estamos atentos/as ao que Deus nesas vidas nos fala, nos ofrece, nos pide? Enchemos as nosas vidas, as nosas oracións, as nosas celebracións do que lle vai pasando á xente coa que convivimos, para poder servila no que boamente poidamos?

Segunda decisión de Xesús: non quedarse parado, vendo as cousas, laiándose quizabes polo que estaba pasando, rezando, e máis nada. Xesús intervén. Ten un proxecto e ponse a levalo a cabo. Ten o convencemento forte de que Deus está no corazón da vida da xente, no medio do que na sociedade se está vivindo; está aí coma unha forza de bendición, e todo o seu afán consiste en axudarlle á xente a que se decate diso, para que poida gozar das bendicións de Deus. O berro de Xesús é simple: cambiade, abride os ollos e o corazón, Deus está co seu poder de vida no medio de vós, abrídevos a el, facédelle caso. Temos nós este convencemento forte de Xesús? Nas nosas comunidades cristiás axúdasenos a fiarnos de Deus, da súa presenza, da súa forza de ben e de vida?

Terceira decisión de Xesús: Xesús busca compañeiros e compañeiras para a tarefa que pretende levar a cabo. Busca compañeiros no medio da xente popular, traballadora, a xente que sofre e goza a vida. Porque o grupo que el quere non é simplemente un grupo de predicadores, non. É un grupo de vida, un grupo, unha comunidade onde se aprende a darlle aprecio a Deus, onde se aprende a pensar nos demais e a servir, onde se aprende a enrolar homes e mulleres nos camiños da solidariedade, renunciando ao poder, facéndose dos últimos, estando principalmente no medio e ao servizo dos últimos/as. Moi convencido Xesús de que non se gana a ninguén para a causa da fraternidade real polas moitas palabras, senón polo ofrecemento dunha comunidade de irmáns/ás que se mostra feliz axudando, servindo, querendo ben, apoiándose para as loitas que se nos pidan para chegarmos todos, todas, a levar unha vida digna, respectada, integrada, como Deus quere. Nas nosas comunidades cristiás estamos todos, todas, invitadas a algo semellante. Estámolo conseguindo?

E cuarta decisión de Xesús: cos homes e mulleres que o seguen empeza a recorrer vilas e aldeas, cunhas ganas tolas de compartir a nova maneira de entender a Deus poñéndose coma servidor da xente en todo. Fala, ensina, anuncia a alegría do Evanxeo, transmítelles que Deus está a tope pola xente que máis sofre pola maldade dos que rexen a sociedade ou pola maldade que foi tamén aniñando no seu propio corazón, e mobiliza o seu grupo para que sexa un grupo de acollida, un grupo solidario, un grupo de curación, un grupo que cambie as relacións, os tratos, todo o que haxa que cambiar para que quen sofre non sufra, para que quen carece de vida a consiga, para quen “habita no escuro país da morte” vexa na súa vida “brillar unha alborada”.

Todos, todas nós estamos invitados por Xesús a compartir todo isto: a súa compaña, a súa acción curadora a fondo, a súa tarefa, a súa pregaria, a súa amizade con Deus, a súa disposición total a pensar na xente veciña e axudala sen escusa ningunha. O mundo de hoxe necesita moito de Deus, pero non dun Deus calquera, senón dun Deus tal como nolo ofreceu Xesús. Para que o mundo, a nosa veciñanza poida coñecer este Deus de Xesús, a Xesús facémoslle falta nós. De Deus fálase coas palabras, pero sobre todo coa vida, coa vida da comunidade cristiá. Na Eucaristía agradecemos o don de Xesús e acollemos a súa chamada a acompañalo na tarefa liberadora da vida.

Preces:

VIDE COMIGO E FAREIVOS PESCADORES/AS DE XENTE
  1. Porque somos xente débil e pouco animosa, porque deseguida cansamos, porque nos fai moita falla o teu Espírito, o teu vigor, a túa compaña, ACOLLEMOS, XESUS, AS TÚAS PALABRAS.
  2. Porque sabemos que podes renovar a fondo as nosas vidas, que as podes facer máis limpas, máis sinxelas, máis alegres, máis libres, ACOLLEMOS, XESÚS, AS TÚAS PALABRAS.
  3. Porque nos atrae a proposta de facer contigo unha comunidade de irmáns e de irmás, aberta ao mundo, atenta ao que a xente vive, goza, padece, ACOLLEMOS, XESÚS, AS TÚAS PALABRAS.
  4. Porque queremos colaborar contigo, e contigo dar o mellor de nós para que a nosa parroquia mellore, para que a sociedade cambie, para que a crise non a sigan pagando e sufrindo as persoas máis débiles, ACOLLEMOS, XESÚS, AS TÚAS PALABRAS.
  5. Porque queremos estar loitando pola vida nas asociacións, nos partidos políticos, nos sindicatos, con honrades, coma servidores e servidoras, ACOLLEMOS, XESÚS, AS TÚAS PALABRAS.

Pregaria:

Di o meu nome, Señor,
peta á miña porta,
coa cálida impaciencia de quen sofre
vendo seres humanos, pólas secas
da árbore da vida e da ledicia.

Que o teu lume acenda esta candea
apagada, frouxa, esmorecente,
que son eu,
para abrir contigo no que poida
no país da morte alboradas ledas.

Vés, xaora que vés e petas,
agardando o meu si, a miña entrega,
esperando ao pé das túas as miñas verbas,
as minas mans coas túas na tarefa,
os meus afectos todos en ringleira,
a miña ollada, Xesús, confiada, aberta.

Aquí estou, Señor,
achégate e peta,
di o meu nome como ti sabes dicilo,
soletreando silabas e letras,
poñendo ti paixón naquel
de quen forza e paixón esperas.

Aquí estou, Xesús, contigo na miña Terra,
no meu mundo revolto, que soña e que pelexa,
buscando o pan, a paz, traballo, vida digna e serena,
da man de xente honrada, servidora, fraterna,
desapegada do carto, abuso, comenencias
e das súas amargas e populares consecuencias.

Aquí estou, Xesús, na miña Galilea,
no que poida, saiba e valla,
conta comigo para todo o que ti queiras.

Signos:
  • Mans entrelazadas, ou varias persoas en grupo, sentadas ou andando, somo signo de comunidade.
  • Alguén chamando, invitando a alguén.
  • Unha multitude, coma signo do pobo no medio do cal Xesús quería e quere estar, e no medio do cal estar nós tamén.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.