12 xaneiro, 2017

15 de xaneiro: Domingo 2º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Xn 1,29-34

Comentario:

O evanxeo de hoxe intenta axudarnos a que comprendamos ben quen é ese Xesús ao que nós queremos seguir, do que somos discípulos e discípulas, ao redor do cal formamos grupos, facemos comunidade, en compañía do cal queremos ser xente viva e participadora na nosa sociedade. As primeiras comunidades cristiás, a través do seu traballo de reflexión, de oración e de vida, foron iluminadas polo Espírito para que coñecesen ben o rostro de Xesús e así se puidesen adherir a el con verdade e con vigor. É curioso ver como no evanxeo de hoxe Xoán Bautista repite: “eu non o coñecía”, “eu non o coñecía”. Podemos dicir que tampouco nós coñecemos abondo a Xesús, aínda que saibamos cousas del e nos sintamos atraídos polo seu estilo de vida. O coñecemento vital de Xesús non o poden facer outros por nós; por iso tamén cada un, cada unha de nós, cada comunidade cristiá, ten a necesidade de descubrir vitalmente quen é Xesús para nós, á luz do que outros, outras, anteriores a nós nos foron transmitindo.

As primeiras comunidades cristiás deron en chamar a Xesús “Año de Deus”, porque vían nel a realización histórica daquel personaxe do cuarto canto do Servo do profeta Isaías (Is 52,15 – 53, 12), do que se afirmaba: “Foi oprimido, foi aflixido, pero el non abriu a súa boca. Foi levado coma año ao matadoiro e, coma ovella que vai ser rapada, permaneceu muda, non abriu a súa boca” (v. 8). Claro que despois iso foise interpretando dunha maneira inxusta, coma se Deus quixese que, para ser compensado polos pecados da xente, o seu Fillo tivese que morrer sacrificado na cruz. Xesús foi, é Año de Deus porque, coma o año, suxire tenrura, proximidade; porque transmite debilidade, indefensión, coma as persoas máis débiles coas que el se identifica sempre; porque non foi violento, máis ben un pacifista activo; porque por amor deu a cara en servizo da xente máis pisada e marxinada por quen fose; porque foi firme e resistente ata a morte, sen ceder no seu empeño, na súa paixón por Deus, na súa paixón pola xente, e así abriu unha fonte de solidariedade que nunca seca, e na que todo ser humano que o queira pode matar a súa sede de amor e de servizo. Ademais, se recordamos esas coñecidas palabras do Papa Francisco que di que os curas e bispos (e tamén os laicos/as, claro) teñen que ulir a ovella (sinal de que alternan, conviven, comparten co pobo humilde e pobre), Xesús non só uliu a ovella, senón que foi año, ovella, pois foi, viviu en todo coma un pobre discutido, marxinado, ata a morte. É así o Xesús do que falamos, en quen cremos, a quen seguimos na nosa comunidade cristiá?

Xoán Bautista, e a través del os primeiros homes e mulleres cristiás, identifican a Xesús coma “o que bautiza con Espírito Santo”; e descóbreno así cando ven que o Espírito baixa e pousa sobre el. Non debemos pensar en milagres raros. Iso de que Xoán Bautista viu baixar unha pomba e pousar sobre Xesús é unha maneira literaria de transmitir o convencemento que eles foron tendo de que Xesús estaba tocado, collido, levado en todo e para todo polo Espírito Santo de Deus. E quen lles foi metendo no corpo, na alma, este convencemento? Pois Deus sen dúbida, pero a través do sentido relixioso común que eles ían tendo da vida, das cousas, das solidariedades, dos amores, dos servizos. Foron vendo, sentindo, comprobando, que Xesús era unha persoa totalmente chea, en todo momento, do bo Espírito Santo de Deus. E de aí saíu a súa admiración por Xesús, o seu seguimento, a súa vontade de, en algo polo menos, ser coma el. Sentimos nós este mesmo atractivo por Xesús?

Pero que significa iso de bautizar ou ser bautizado no Espírito Santo, e non en auga, como facía Xoán Bautista? Bautizarse en auga é un esforzo humano, Bautizarse en Espírito é un don de Deus. Claro que o esforzo humano prepara o don de Deus. Bautizarse en auga responde a un rito executado con control pola xente; bautizarse no Espírito é expoñerse ao Vento de Deus que non sabes nin de onde vén, nin a onde vai e te leva. Bautizarse en auga limpa por fóra; bautizarse no Espírito penetra ata o máis fondo da nosa identidade persoal, para transformala ao nivel fondo e limpo de Deus. Bautizarse en Espírito significa afogarse na propia debilidade; bautizarse no Espírito é experimentar na debilidade o poderío do amor, o poderío da cruz. Bautizarse en auga é converterse en repetidores/as rutineiras do de sempre, do vello; bautizarse no Espírito é apostar pola creatividade, polo novo, pola atención ao momento presente, por captar e obedecer as voces que hoxe Deus está facendo oír no medio de nós para que non durmamos na pereza, na apatía, na desgana. No seu día todos, todas nós fomos bautizados; o noso bautizo vai connosco todos os días da nosa vida; facémolo vivo ou morto, segundo decidamos; facémolo de auga ou de Espírito, segundo decidamos tamén. Que estamos facendo da nosa condición cristiá? Que estamos facendo das nosas comunidades cristiás? Non nos está invitando o Papa Francisco a cousas dun bautismo no Espírito?

En cada Eucaristía comungamos co “Año de Deus que quita o pecado do mundo”, e que pode revitalizar a nosa condición cristiá, para facernos tamén xente que vive, loita, traballa, ama, festexa, coida, serve, morre no Espírito.

Preces:

DEAMOS CON VERDADE TESTEMUÑO DE XESÚS
  1. Esforcémonos por coñecer ben a Xesús, por seguilo coa nosa vida, para dalo a coñecer a quen necesita paz, vigor e esperanza para a súa vida. Oremos.
  2. Fagámonos coma Xesús años humildes, valentes, loitadores, resistentes, para que poidamos transmitir a forza para a vida que ofrece Xesús. Oremos.
  3. Coma Xesús deixémonos coller a tope polo Espírito de Deus, para que das nosas mans, da nosa vida, saia tamén vida, alentos, iniciativas, alegría, paz. Oremos.
  4. Arrimémonos sempre a quen ama e coida a natureza, a quen a defende das xentes, organismos, países que e explotan e aniquilan. Oremos.
  5. Co Papa Francisco sintámonos convocados a vivir e transmitir o gozo do Evanxeo no medio das nosas comunidades, dos nosos veciños e veciñas. Oremos.


Pregaria:

Ángel Carracedo (Foto: Rafa Vázquez)
Grazas, meu Deus, polo teu fillo Xesús de Nazaré,
humilde e inocente coma un año,
que anovaba co Espírito todo canto vivía.

Grazas por todos os homes e mulleres
que se deixan coller e levar polo Espírito,
ata converterse en sinais de esperanza,
en garantía de mellora para o noso mundo.

Grazas por cada un, cada unha de nós,
cando nos deixamos recrear polo Espírito,
e atendemos os seus berros, murmurios ou acenos,
que nos chaman a nacer de novo nos ventos solidarios.

Teresa Forcades (Foto: Óscar García)
Grazas por todas as creadoras e creadores
de todos os tempos,
que romperon as rutinas do pensamento e das prácticas,
soñando algo mellor para o corpo e para o espírito humano.

Grazas por toda a xente cristiá
que se está deixando levar
pola chamada á renovación
que nos fai o Papa Francisco,
e cre na forza da cambio,
na alegría do Evanxeo.

Xosé Chao Rego (Foto: Paco Rodríguez)
Grazas por todos os soñadores e soñadoras,
que, vendo as pobrezas que hai no mundo,
pensan, móvense, actúan,
para que a alegría volva a todos os fogares.

Grazas, meu Deus, pola xente fiel, persistente,
que coa súa fidelidade posibilita
proxectos de paz e de solidariedade.

Signo:
  • Un año.
  • No que sexa posible, algo que represente o vento, o Espírito.
  • Rostros de persoas creativas, creadoras na humanidade: científicos, teólogos, humanistas, servidoras/es...



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.