31 xaneiro, 2017

5 de febreiro: Domingo 5º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 5, 13-16

Comentario:

O evanxeo de hoxe responde a unha preocupación que tiña a comunidade cristiá á que se dirixía o evanxelista Mateu; preocupación que tamén é normal que teñamos nós, os homes e mulleres que compoñemos as comunidades cristiás dos tempos de hoxe. A cuestión é esta: como estar, como situarnos, como vivir, como axudar, como influír para ben, no medio das parroquias, das vilas, das cidades onde vivimos? E, por suposto, detrás de esta pregunta, hai un convencemento, no que nos está insistindo con frecuencia e frescura o Papa Francisco: a comunidade cristiá non é para si mesma, non é ben que estea pechada en si mesma, mirando continuamente para o seu embigo, para a súa organización, para os seus debates internos; a súa razón de existir é estar metida entre a xente, metida no mundo para contribuír á súa mellora co mellor que a comunidade cristiá pode dar. Temos nós esa conciencia de debernos a quen nos rodea? Preguntámonos se a xente que nos rodea é significativa para nós, nos cuestiona a nosa forma de ser persoas cristiás?

25 xaneiro, 2017

29 de xaneiro: Domingo 4º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 5,1-12a

Comentario:

Quizais estamos tan afeitos a oír e dicir a palabra benaventuranza que non reparamos no seu significado real, vivo, provocador neste caso. Dicir benaventuranza é como dicir boa ventura, sorte na vida, felicidade; é como ter atopado aquilo capaz de asentarme na paz, na alegría, no optimismo, na satisfacción. Se nos tempos de Xesús, e tamén nos nosos, saíse alguén preguntando polos camiños ou rúas qué cousas serían para a persoa preguntada motivo desta clase de venturas e felicidades, seguro que escasamente atoparía a alguén que sinalase cousas como as ditas por Xesús. Incluso aínda que fose ou sexa crente a persoa entrevistada. As nosas repostas andarían máis polo tópico de “saúde, diñeiro e amor”, que pode ter o seu aquel de verdade e de fondura, pero que normalmente se interpreta e vive dunha forma lixeira, baleira.

17 xaneiro, 2017

22 de xaneiro: Domingo 3º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 4, 12-23

Comentario:

Nestes momentos, todos, todas, estamos sendo invitadas polo Papa Francisco a lanzarnos, con humildade e con valentía, a vivir a alegría do Evanxeo e a compartilo coas persoas coas que convivimos, nas aldeas, vilas e cidades onde vivimos, con convencemento de que ese Evanxeo de Xesús é algo que a todas, a todos nos trae alegría, luz, alento, renovación, esperanza, vigor, cousas todas de tanta necesidade sempre, pero especialmente nos tempos que estamos vivindo. Volver ao Evanxeo, descubrir e acoller o estilo de vida de Xesús que o Evanxeo nos presenta, seguro que nos ofrece as formas e as actitudes básicas para acertar a vivilo e anuncialo nós nos tempos de hoxe.

12 xaneiro, 2017

15 de xaneiro: Domingo 2º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Xn 1,29-34

Comentario:

O evanxeo de hoxe intenta axudarnos a que comprendamos ben quen é ese Xesús ao que nós queremos seguir, do que somos discípulos e discípulas, ao redor do cal formamos grupos, facemos comunidade, en compañía do cal queremos ser xente viva e participadora na nosa sociedade. As primeiras comunidades cristiás, a través do seu traballo de reflexión, de oración e de vida, foron iluminadas polo Espírito para que coñecesen ben o rostro de Xesús e así se puidesen adherir a el con verdade e con vigor. É curioso ver como no evanxeo de hoxe Xoán Bautista repite: “eu non o coñecía”, “eu non o coñecía”. Podemos dicir que tampouco nós coñecemos abondo a Xesús, aínda que saibamos cousas del e nos sintamos atraídos polo seu estilo de vida. O coñecemento vital de Xesús non o poden facer outros por nós; por iso tamén cada un, cada unha de nós, cada comunidade cristiá, ten a necesidade de descubrir vitalmente quen é Xesús para nós, á luz do que outros, outras, anteriores a nós nos foron transmitindo.

06 xaneiro, 2017

8 de xaneiro: O Bautismo do Señor


Evanxeo: Mt 3, 13-17

Comentario:

Coa celebración do Bautismo do Señor Xesús pechamos este precioso tempo do Nadal, no que a liturxia nos foi axudando a entender e celebrar quen era realmente aquel Xesús que tanto chamara a atención coa súa vida absolutamente centrada en Deus e absolutamente centrada tamén na xente, sobre todo na xente débil, pobre, pecadora, ignorada, desprezada socialmente, relixiosamente. Xa sabemos que aquel Xesús, aínda que nacido coma unha persoa de tantas, era –non podía ser doutra maneira— froito do Espírito Santo; o Espírito Santo de Deus era a súa verdadeira matriz, a súa forza, o seu alento, o seu norte, o que suscitaba as súas palabras e os seus feitos de vida. (Algo así nos pasa a todos nós, se nos miramos cos iluminadores ollos da fe).

04 xaneiro, 2017

6 de xaneiro: Epifanía do Señor (Día de Reis)


Evanxeo: Mt 2, 1-12

Comentario:

Igual algúns lectores ou lectoras estarán dubidando: pero, será certa esta historia dos Magos, da estrela, de Herodes? Non soa un pouco a fantasía, a lenda, a conto piadoso? E igual haxa tamén alguén que se alporice vendo que outros/as dubidan, e pensará que, se non cremos que esta historia sexa certa, xa non cremos na Biblia, en Xesús, en nada. Calma, calma! Estamos lendo un pedaciño do relato da infancia do evanxelista Mateu. E xa dixemos outro día que os relatos da infancia de Lucas e Mateu máis ca relatos históricos, son coma unha proxección cara atrás, cara á infancia de Xesús, do que as primeiras comunidades cristiás crían acerca de Xesús, acerca dos conflitos que suscitaba o seu estilo de vida, e acerca das maneiras máis apropiadas de ser un bo seguidor, unha boa seguidora del. Isto é o importante destes relatos, isto é o que os evanxelistas nos quixeron transmitir, e isto, e non outra cousa, é o que se nos ofrece para crer e vivir.