venres, 23 de decembro de 2016

Cousas do Nadal (II)

CREO EN TI, NENO DE BELÉN


Creo en ti, Xesús,
neno de Belén,
nacido de Xosé e de María,
como un de tantos,
traído e levado
desde o primeiro momento
polo Espírito de Deus,
e por iso mesmo,
fillo benquerido de Deus:
marea viva de solidariedade universal.

Creo en ti, Xesús,
neno de Belén,
que intentas xurdir
desde as miñas entrañas,
desde as entrañas por igual
de todos os homes e mulleres do mundo,
na medida cativa das nosas permisividades,
na medida sen medida dos teus desexos:
nenos no neno,
deuses en Deus
nun camiño de unidade
áspero e gozoso a un tempo.

Creo en ti, Xesús,
neno de Belén,
nado ao azar da malicia humana
nos barrios bombardeados de Alepo,
nos campamentos de refuxiados
de Grecia, Italia, España...,
nos infinitos recunchos africanos
onde as nais foxen de toda violencia:
carne do Deus feito carne,
carne humana deshumanizada,
Deus santo entre nós,
á espera de adoracións,
de bicos e coidados,
á espera tamén
de particulares loanzas e panxoliñas.

Creo en ti, Xesús,
neno de Belén,
neno mundial,
que habitas todas as entrañas
na busca de fecundidades e alegrías,
na busca de paz e de sosego,
na busca do bico definitivo
entre Deus e a xente,
entre a xente e Deus.

Creo e calo.
Creo e escoito.
Creo e adoro.
Creo e amo.
Creo e sirvo.
Ou iso polo menos intento
amparado nas túas mans
tan fráxiles, meu neno,
tan vigorosas, meu Deus.


Manuel Regal Ledo




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.