domingo, 4 de decembro de 2016

8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción


Evanxeo: Lc 1,26-38

Comentario:

Hai xente que pensa que esta Solemnidade da Inmaculada Concepción ten que ver coa concepción de Xesús, por iso de que se le neste día o Evanxeo que a conta; pero non, a Solemnidade da Inmaculada Concepción ten que ver coa concepción da Virxe María, aínda que ningún evanxeo nos diga nada dela. O dogma da Inmaculada Concepción, declarado tal polo papa Pío IX no ano 1854, vén afirmar que desde o primeiro momento da súa concepción a Virxe María estivo limpa de todo culpa, sen mácula, inmaculada, “polos méritos de Xesucristo, o seu fillo, redentor do xénero humano”. O misterio da presenza e da acción de Deus entre a xente toda, en María tamén, desborda as nosas capacidades de comprensión e, posiblemente, todo canto afirmemos, se quede moi lonxe da simplicidade e da fondura do actuar de Deus. Máis ca intentar analizar, descifrar, deberamos adorar, agradecer e deixarnos coller e levar pola forza do misterio sagrado de moitas cousas da vida, e das persoas que a vivimos.

A isto nos invita tamén o evanxeo de hoxe, que nos narra neste caso a concepción de Xesús. Son dous os evanxelistas que nos falan da concepción de Xesús: Mateu, que centra o relato máis na figura, nas tribulacións, na fe, na ollada de Xosé; e Lucas, que o centra máis na figura, nas tribulacións, na fe e na ollada de María. De todos modos, o relato é máis un relato para falar de Xesús, ca non un relato para falar de María, aínda que dela tamén se fale.

As primeiras comunidades cristiás tiveron o convencemento, a fe, de que Xesús estaba totalmente cheo do Espírito de Deus. E, se unha persoa está totalmente identificada co Espírito de Deus, podemos dicir que Xesús é fillo de Deus, aínda que se nos abra un pouco a boca e nos metamos a falar dun xeito aproximado, en comparanzas, que é a única maneira que temos os humanos para falar de Deus.

Así, cando os evanxelistas se dispuxeron a contar o nacemento de Xesús, preocupáronse sobre todo de que quedase ben claro que Xesús, todo o de Xesús, fora como o resultado dunha acción persistente e única do Espírito de Deus. Porque a creación, e a humanidade dentro dela, está cuberta polo Espírito de Deus, por iso e só por iso, foi posible Xesús, todo o de Xesús. Para falar destas cousas, os evanxelistas compuxeron uns relatos inigualables, dunha fermosura literaria e simbólica impresionante. Son os relatos que se chaman “da infancia”, que aparecen, como dixemos, tanto no evanxeo de Mateu coma no de Lucas.

Xesús foi fillo dun matrimonio de aldea; podemos dicir que naceu coa sinxeleza e a normalidade coa que o facemos todos e todas no pobo. Coma un de tantos, dicía San Paulo. Para contar o nacemento de Xesús, Lucas, coma Mateu, fixeron o mesmo que facían os historiadores da época, cando falaban dalgún personaxe importante: construían relatos para explicar e adiantar o que ese personaxe, no noso caso Xesús, había ser despois. Así que os relatos dos evanxelistas non son relatos históricos, senón simbólicos; non pretenden dicir o que sucedeu, senón o que no fondo, de verdade, era e significaba Xesús para eles, e para as persoas que acollemos o seu anuncio.

Como dicía a biblista Dolores Aleixandre, é ben que deixemos en paz a María, coa súa intimidade humana, de parella, sexual, e que nos fixemos no fundamental. Que o neno fose concibido por obra do Espírito Santo quere dicir que Xesús, todo o de Xesús, sendo totalmente humano, é, ao tempo, froito do Espírito; que é a marabilla humana por excelencia; que por moito que nos afanásemos os homes e mulleres todas do mundo, nunca sacariamos á luz unha persoa da densidade de Xesús, se non fose por graza e regalo de Deus. O neno que nace dunha virxe! Habería poeta que o puidese expresar mellor? Habería crentes que o puidesen afirmar con máis claridade?

E, dito isto, fixémonos no proceso fondo que se dá en María para permitir que dela saia a criatura santa que foi Xesús. Porque a ese proceso estamos todos, todas invitadas, porque tomos estamos chamados/as a reproducir a encarnación, o nacemento de Xesús no noso propio seo, nas nosas propias vidas, dunha maneira tamén espiritual, pero por iso mesmo ben real e ben viva. Non que pairamos un novo Xesús, senón que cada un, cada unha de nós nos vaiamos convertendo nunha encarnación, nunha representación humana do Verbo de Deus pola forza do Espírito.

O relato fálanos de cómo Deus irrompe na vida de María, invitándoa á alegría por ser persoa chea do don de Deus, persoa completamente acompañada por Deus (algo así nos pasa a todos e todas nós); fálanos tamén de cómo a reacción primeira de María é a de turbación é medo: a que vén todo isto, que me pedirá Deus; fálanos de cómo Deus lle confirma a súa condición de persoa fondamente amada e de cómo está chamada a acoller no seu seo, na súa vida, a presenza da Palabra de Deus, para que dela naza Xesús, naza salvación; fálanos tamén de cómo María expón a súa pequenez, a súa incapacidade, e cómo esta incapacidade é fortalecida a tope pola presenza do Espírito; e fálanos, por último, do si humilde e incondicional de María, para que o proxecto de Deus se realizase nela sen condicións. En todo isto a figura de María é modelo e exemplo para nós. Saberemos, coma ela, responder á proposta que cada día Deus nos fai?


Preces:

AQUÍ ESTOU, SEÑOR, CONTA COMIGO
  1. Para que, cando nos fales nos acontecementos sociais, políticos, que nos rodean, saibamos escoitar a túa chamada a arrimar o lombo para defender as condicións de vida da xente máis debilitada. Oremos
  2. Para que, cando te nos fagas presente na xente humilde, sen voz, sen presenza, saibamos acollerte, agradecerte e atenderte. Oremos.
  3. Para que sexamos valentes e audaces, cando en nós mesmos, na familia, na sociedade atopamos freos que nos queren impedir poñernos ao teu servizo e ao servizo da xente. Oremos.
  4. Para que os medos non nos aten e nos impidan avanzar no amor e na solidariedade. Oremos.
  5. Para que, como María, nas circunstancias máis críticas da vida, saibamos poñernos a fondo nas túas mans, con fe confiada, humilde, sabendo que Deus está aí e nun ca falla. Oremos.

Pregaria:

BENDITA, SANTA MARÍA!

Por seres muller do pobo,
labrega e crente a porfía.

Por seres muller casada,
en amor e compañía.

Porque Deus te convocou
á máis redonda alegría.

Porque Deus te proclamou
chea de graza, querida.

Porque a turbación e o medo
roldaron a túa vida.

Porque escoitaches a Deus
e o que Deus che propoñía:

Seres mamá de Xesús,
seres fonte de alegría.

Nai e fillo  (Renoir)
Porque soubeches dicir
as poucas forzas que tiñas.

Ante o que Deus prometeu
a súa grande Enerxía.

Que te había acompañar
pola noite, polo día.

Para que de ti nacese,
Xesús, o Santo e fiel guía.

Que non hai, non, para Deus
imposibles nesta vida.

Por dicires ti que si,
fiada en quen te sostiña.

Con voz humilde, sinxela,
palabra comprometida.

Axeonllada no aire,
sen seguranzas, mais crida.


Por así te converteres
en mai amada e sentida

de todos, todas, a mestra
que os xeitos de Deus ensinas.
Mamá de Xesús e virxe
bendita, Santa María.


Signo:
  • Algunha imaxe de María, normal, de muller de aldea que era.
  • Unha nai cun neno/nena no colo.
  • Unha planta xeremolando.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.