mércores, 14 de decembro de 2016

18 de decembro: Domingo 4º de Advento (A)


Evanxeo: Mt 1,18-24

Comentario:

Pasou hai poucos días. Estabamos facendo oración ao remate dun encontro do Movemento Rural Cristián de Galicia. Leramos o mesmo evanxeo deste domingo. De repente dúas persoas, labregas ambas, sinxelas ambas, unha tras doutra, dixeron con sentimento e firmeza que elas non crían que as cousas fosen así, que Xesús nacese desa maneira. Unha destas persoas incluso chegou a dicir: se Deus baixou para facer cousas coma esa do nacemento de Xesús, por qué no baixa tamén para frear moitas maldades e calamidades que hai polo mundo? Segundo fai un milagre, por qué non fai o outro? Aínda que non se diga ás claras, por medo, por vergonza, por non protestarlle ao cura, ou porque, ao fin e ao cabo, é algo que nos pode traer sen coidado na vida, hai moita, moita xente cristiá, católica, que ten este mesmo pensamento, e, canto ten ocasión ao xeito, dío.

Claro que tamén houbo quen dixo que ao redor de Deus hai cousas de moito misterio, e, se un non cre en Deus, vaille ser moi difícil aceptar moitas cousas que se din del. (As dúas persoas que falaran antes dicían crer en Deus) E aínda unha participante manifestou o moito que lle gustaran as palabras do evanxeo que din: “Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María como muller, pois o que ela concibiu é obra do Espírito Santo”, xa que nesas palabras vía unha invitación á confianza nas cousas, nas maneiras de Deus, e tamén unha invitación a ser aberto, a non ser cativeiro, de corazón e de mente pequena, senón amplo, espléndido e xeneroso como Deus é.

Outra persoa falou que estaba de acordo con quen dicía que se Deus se mete a furgar na concepción dun neno, aínda que sexa Xesús, por que non se preocupa de tanta desgraza como hai polo mundo. Esta persoa recordou unhas palabras que lle oíra a unha muller moi entendida en cousas da Biblia, Dolores Aleixandre, que se queixaba de que uns e outros na Igrexa, tanto conservadores coma progresistas –por dicilo dalgunha maneiras--, debiamos deixar en paz a María e a Xosé coa súa intimidade, coa súa vida de parella, coa súa sexualidade; e reparar en que o importante deste relato non é ver ata onde chegaron ou non chegaron as relacións de María con Xosé, senón invitarnos á admiración por unha persoa tan feita, tan redonda, tan humana, tan forte, tan valente, tan misericordiosa, tan doída da xente débil, tan salvadora, como foi Xesús de Nazaré. Foi, e él, algo tan marabilloso, que non hai poder humano que o poida facer tal. Xesús é cousa do Espírito de Deus, regalo de Deus a todos os homes e mulleres do mundo, para curación de todas as persoas que o queiran acoller, que lle queiran abrir a casa, o corazón, a vida.

A isto se sumou outra participante dicindo que esas cousas da concepción de Xesús non lle preocupaban nada, que o seus sentimentos estaban máis ben colocados naquel neno pobre, espido, que participaba nas dificultades e mesmo miserias de tanta xente como hai así no mundo; que durante a súa vida así o seguiu facendo de mil maneiras e que, despois, acabou co seu corpo espido nunha cruz, sendo obxecto de risas e desprezos. Este é o Xesús que nos representa a Deus, que nos fala del. Unha persoa normal en todo, e que desde a normalidade da súa vida tivo a graza de nos abrir e ofrecer o corazón de Deus.

Alguén preguntou polos pecados do mundo, dos que nos viña a librar Xesús. Habíaos no seu tempo e hainos hoxe, por que? Por que non é Xesús ou Deus potente para acabar con tanto mal? Houbo quen lle respondeu que Xesús lle plantou cara ao mal, deixou ao descuberto a quen o realizaba, venceuno en si mesmo, abriu camiños de loita e de resistencia, sementou unha esperanza fonda no mundo, e, despois, a cousa tamén está nas nosas mans: podemos apegarnos ás posibilidades que Xesús nos ofrece ou podemos seguir coa teima de andar en abusos, en maldades, en pisarnos uns aos outros, sen reparar en como e nos vai empezoñando o corazón e a vida, cómo a imos achicando, entristecendo, perdendo.

Como nos pasa a todas as persoas, tamén para que Xesús chegase a este mundo, coa súa forza de vida e de ben, fixeron falla moitas persoas anteriores a el; fixeron falla avós e avoas, pai e nai, e, polo medio de todo iso, o misterio de Deus que co seu Espírito vai creando convencementos e decisións, persoas que van modelando o seu corazón, a súa vida toda, ao xeito de Deus. E Xesús foi unha desas persoas. Excepcional. Única. O Fillo de Deus, aínda que nacera “como un de tantos”, en palabras de San Paulo.

Na Eucaristía poñémonos sempre en contacto coa Palabra de Deus, coa súa forza misteriosa que fai do pan e do viño presenza viva de Xesús, co que podemos vincularnos a fondo, para sermos coma el feitura do Espírito en todo.

Preces:

DEUS É DEUS CONNOSCO.
BENDITO SEXA DEUS!
  1. Que o convencemento de que Deus nos acompaña e alenta na vida, nos faga sempre alegres e vigorosas/as. Oremos.
  2. Para que con humildade lle abramos as portas da nosa vida apostando pola tenrura e polo amor solidario en todo momento. Oremos.
  3. Para que nos deixemos traer e levar por Deus en todo, confiando en que levará as nosas vidas por camiños de paz e de ben sempre. Oremos.
  4. Para que con Deus ao noso lado contribuamos a mellorar as nosas comunidades cristiás, a nosa Igrexa, facéndoa cada vez máis fiel ao estilo de vida de Xesús. Oremos.
  5. Que sexamos xente de paz, que traballemos pola paz, que clamemos pola paz sobre todo para os países coma Siria ou República Centroafricana, que viven coa desgraza da guerra sobre os seus habitantes todos. Oremos.

Pregaria:

Meu Deus, meu Deus,
o misterio conmovedor da túa presenza en min,
dentro de min,
intentando configurar a diario a miña vida toda,
ata facerme,
por obra do Espírito Santo,
testemuño vivente de ti
entre a xente, entre o pobo que me rodea!

Meu Deus, meu Deus,
as miñas preguntas,
os meus medos,
as miñas ganas de fuxir,
de arredarme de ti,
da túa presenza,
da túa voz,
da túa chamada,
por evitar verme enredado por ti
nas tarefas miúdas, pero firmes,
do amor concreto,
do servizo concreto!

Meu Deus, meu Deus,
a miña entrega nas túas mans,
sen reparar en nada,
aberto totalmente
ás máis pequenas insinuacións
que poidan saír da túa boca
ou da boca de quen mellor te representa:
as persoas máis débiles!

Meu Deus, meu Deus,
con María e o seu si,
con Xosé e o seu si,
aquí estou,
todo para ti,
todo para a causa da xente máis marxinal,
sen reparar en nada,
superando desconfianzas razoables,
e deixándome ir
coa palabra,
coa vida axeonllada no aire,
por ti en min e na debilidade,
por min en ti e na debilidade!

Meu Deus, meu Deus,
fágase a túa vontade!

Signo:
  • Rostros de Xosé e de María, pero rostros máis ou menos normais, nada amaneirados.
  • Unha persoa, home ou muller, en actitude orante, de entrega.
  • Imaxe de xente débil, na que Deus nos fala con urxencia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.