24 novembro, 2016

Primeiro encontro do curso 2016 / 2017


Ao comezo do curso, introducímonos en tres imaxes (sol, vento, abrazo) que poden facilitar a nosa experiencia de Deus. Deus quere ser coñecido desde o corazón, desde a vida, non só desde a cabeza.

Ponte ao sol de Deus.
Deixa que te quente,
que te avive,
que te queime.

Os seus raios
chegan a ti de mil maneiras,
por mil camiños diferentes,
insospeitados,
gratuítos,
sempre envoltos no silencio.

Non teñas medo,
non uses protectores solares,
non busques sombras,
non uses cremas.

Déixate quentar,
déixate ferir por Deus.
Que che arda a pel,
o corazón,
as entrañas,
ata que Deus sexa
lume vivo en ti.

Ponte ao sol de Deus,
placidamente.
Exponte a Deus
humildemente,
valentemente.

“Lumen vin traer á terra, e que máis quería eu que estivese a arder” (Lc 12, 49).

CANTIGA:

DÉIXATE FERIR,
DÉIXATE ARRASTRAR,
DÉIXATE QUERER POR DEUS.


Ponte,
exponte ao vento de Deus,
non te gardes,
déixate levar,
déixate arrastrar
ata onde el queira.

Non marques ti o camiño,
nin temperes a intensidade;
déixao facer a el
aínda que vaias
cara a onde non queiras.

Fíate.
Entrégate.
Abandónate.
Pérdete.

Faite coma folliña liviá
que o vento sobe e baixa
caprichosamente,
aloucadamente.

Móvete,
brinca e baila
ao son de Deus,
ao son da irmandade.

“O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar, pero non sabes de onde vén nin  para onde vai. Así pasa con quen naceu do Espírito (Xn 3,8).


CANTIGA:

DÉIXATE FERIR,
DÉIXATE ARRASTRAR,
DÉIXATE QUERER POR DEUS.


Achégate a Deus,
acubíllate nos seus brazos,
aconchégate
debaixo das súas ás.

Sinte o seu alento
acariñando o teu rostro,
as súas mans
entrelazándose coas túas,
o seu corazón
facendo espazo para o teu.

Estás seguro/a,
en boas mans,
sempre,
sexan cales sexan
os aires da túa vida

Confíate.
Acouga tranquila.
Non fagas nada,
non penses nada,
non sintas nada,
non planees nada.

Cala e acouga.
Déixate estar
en Deus,
ata que el queira,
como el queira.

Non teñas medo
á quietude de Deus.
Nada hai máis revolucionario
ca Deus.
Déixao ser en ti.
Déixate ser ti nel.

“Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as súas ás, e non quixeches!” (Mt 23,37)

CANTIGA:

DÉIXATE FERIR,
DÉIXATE ARRASTRAR,
DÉIXATE QUERER POR DEUS.


PRECES

NOSO PAI/NAI EN QUEN SOMOS E VIVIMOS



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.