mércores, 16 de novembro de 2016

20 de novembro: Domingo 34º do tempo ordinario (C). Solemnidade de Xesús Cristo Rei.


Evanxeo: Lc 23, 35-43

Comentario:

É o último domingo do tempo ordinario na liturxia. Pechamos o ano litúrxico actual coa solemnidade de Xesús Cristo Rei. Esta festa instituíuna o Papa Pío XI no ano 1925 para conmemorar o 16 centenario do concilio de Nicea, no que Cristo foi considerado consubstancial ao Pai; desde ese momento dise no Credo que recitamos tantas veces “o seu reinado non terá fin”.

Cristo entre os dous ladróns
Gustave Moreau
Segue sendo moi necesario desvincular a persoa de Xesús e a celebración de hoxe de calquera imaxe, sentimento ou práctica que nos leve a entender a Xesús e a súa misión entre nós como a dun rei; dicir rei é coma dicir distancia, poder, privilexio, moitas veces paternalismo, outras moitas abuso. Xesús mesmo se distanciou do que de primeiras esa imaxe de rei pode espertar en nós, cando lles dixo aos seus discípulos: “Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así” (Mt 20,25b-26). Xesús ten poder, claro que o ten, pero o seu poder é un poder de servizo, para o servizo. O poder de Xesús é o poder da cruz. Por iso a festa de hoxe ben podería titularse con máis atino “Solemnidade de Xesús Cristo Servidor”.

Está moi ben que na liturxia de hoxe, para nos falar de Xesús Cristo Rei, o evanxeo nos traia unha escena de Xesús na cruz. O trono de Xesús Cristo Rei é a cruz. A cruz á que chegou coma nun exceso de amor e de servizo. Tanto se puxo do lado da xente máis marxinada, que acabou coma ela, padecendo o tipo de morte que naquela sociedade se lle daba ás persoas máis marxinadas. Estamos tan afeitos a ver a Cristo na cruz, a levar esa cruz no noso peito, a decorar con ela moitos dos nosos espazos, que non caemos na conta do que veneramos: a un servidor absoluto, que é axustizado inxustamente, “sen facer mal ningún”, por non deixar de amar e de servir. E nese servizo absoluto está o absoluto poder de Xesús. No servizo está o poder. O servizo solidario é o único que ten poder para cambiarnos, para cambiar o mundo. Crémolo así? Vivímolo así coma Xesús?

Os xefes do pobo e os soldados búrlanse de Xesús porque non é capaz de salvarse a si mesmo. Un dos ladróns tamén o fai dicíndolle que nin se salva a si mesmo nin salva a quen está crucificado con eles. Non eran capaces de ver o exercicio de poder e de salvación que Xesús estaba desenvolvendo na cruz: non mirar por si e para si, descoidarse de si mesmo, arrastrado pola paixón que o levaba a ser considerado coa xente máis débil da sociedade, collido totalmente pola forza de amor de Deus. Xesús inauguraba unha maneira nova de estar como salvador ao lado da xente. Se nós entramos tamén nela, de canta salvación seremos capaces! Para nós e para quen nos rodea! Seguro que todos coñecemos persoas que, levadas por este poder de servizo de Xesús, fan grandes cousas de liberdade para a xente. É hoxe un día para dar grazas por elas e para imitalas.Esa será unha excelente maneira de celebrar coma bos cristiáns/ás a festa de Xesús Cristo Rei.

Na Igrexa, nas comunidades cristiás, moitas veces por xuntar a Xesús Cristo Rei coa idea de poder e señorío, pasámoslle despois as formas de señorío a todas aquelas persoas que dicimos que o representan entre nós: Papá, Cardeais, Bispos, e mesmo curas. Iso fixo que nos arredásemos moito da maneira de ser de Xesús, que dunha forma provocativa lles dicía aos seus discípulos e discípulas na última cea: “Quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? Acaso non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve” (Lc 22, 27). Outra cousa é o cariño, o afecto, a consideración coas persoas que nos axudan a ser comunidade cristiá con gozo e verdade. A Eucaristía que celebramos recórdanos esta disposición de Xesús. O pan que comemos, o viño que bebemos na Misa é a comuñón co que anda entre nós coma quen serve. El cóllenos da man para que con el andemos da mesma maneira no medio da comunidade, no medio da sociedade.


Preces:

XESÚS CRISTO, MEU MESTRE, MEU REI!
  1. Que saibamos acollerte, amarte, servirte, sobre todo servirte na carne máis rota e necesitada de quen padece por calquera razón. Oremos.
  2. Que gocemos cada día coa túa presenza, coa túa compaña, co teu alento. Oremos.
  3. Que nos deixemos modelar por ti, para ser tamén nós, coma ti, fillos/as de Deus, irmáns/ás solidarias, con verdade. Oremos.
  4. Que nos impliquemos contigo no cambio da comunidade, do mundo, para facelo un reflexo mellor do que Deus soñou para todos e todas. Oremos.
  5. Que ao remate de cada xornada saibamos acougar en ti; que no momento da nosa morte te vivamos coma fonte de promesas e bendicións. Oremos.


Pregaria:

“Hoxe estarás comigo no Paraíso”.
Co ladrón axustizado contigo
acollo Xesús a túa promesa:
“hoxe estarás comigo no Paraíso”.

E esténdoa no teu nome
a tantas persoas marxinais,
inocentes de todo ou non,
ás que ti acompañas na vida e máis na morte.

Estarán contigo no Paraíso
os mártires civís de Montecubeiro ou do Incio,
mortos nas cruces das cunetas
sen xustiza, sen misericordia.

Estarán contigo no Paraíso
os africanos/as afogadas nas cunetas do mar,
ante as que todos nos lavamos as mans
porque acollelos sería imprudencia e delicto.

Estarán contigo no Paraíso
as mulleres asasinadas en vida e morte
por unha cultura machista,
lume ao que todos arrimamos a nos estela.

Estarán contigo no Paraíso
todos os nenos e nenas
mortas polo natural ou indebidamente,
que non puideron rir a gargalladas
coa luz e a frescura da vida.

Estarán contigo no Paraíso
todos os homes e mulleres que morren
co corpo vulnerado e a alma rota,
cos soños esgotados ou mesmo sen estrear,
esperando, ou sen esperar, un bico e unha aperta.

Estaremos contigo no Paraíso,
todos, todas
cantas queiramos –e quen non?—
abrirnos ao perdón que libera
e ao amor que unifica o mundo e quen o habita.

“Hoxe estarás comigo no Paraíso”.


Signo:
  • Unha imaxe do Calvario, onde apareza Cristo e os dous ladróns.
  • Algúns rostros de persoas crucificadas pola inxustiza da vida..
  • Para a pregaria, rostros dos diferentes grupos de persoas que se van citando: africanos afogados, nenos da guerra, mulleres aldraxadas, etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.