mércores, 9 de novembro de 2016

13 de novembro: Domingo 33º do tempo ordinario (C)


Evanxeo: Lc 21, 5-19

Comentario:

En parte polo menos, no momento presente do mundo, é posible que moitos, moitas de nós teñamos sensacións parecidas ás descritas polo evanxelista Lucas. As enormes multitudes que sen culpa ningunha sofren as consecuencias da crise que padecemos maniféstanse de moitas maneiras polas nosas rúas, protestando por tanto mal como teñen que sufrir. As enfermidades abúrannos; o cancro asedia as nosas portas, logo non se ve unha familia que non estea ferida por esta praga, que frecuentemente vinculamos cun estilo de vida aloucado, cunha vulneración da integridade da natureza nos alimentos, no ar, no medio ambiente. Na mesma Igrexa hai turbación, a pesar do amencer de esperanza que agromou co Papa Francisco. Para algúns os matrimonios gays é algo terrible, algo do demo. Para moitos/as éo o aborto. Para outros moitos/as éo o apego persistente da Igrexa ao poder. Os donos das fianzas gobernan e estragan o mundo ao seu antollo, impoñéndolles os seus intereses aos gobernos, que deixan de ser gobernos democráticos. Guerras por aquí, fames por alí, refuxiados por un lado, inmigrantes polo outro: bágoas, sufrimento, morte. Que facer no medio de todo isto? Onde anda Deus? Para cando a súa presenza, a súa intervención, a súa liberación? Pero é que esperamos algo sequera de Deus? É que se espera algo das persoas crentes que frecuentan as igrexas? Onde estamos, onde nos situamos, que papel xogamos no medio deste rebumbio?

As comunidades cristiás estamos chamadas a ser testemuñas vivas daquelas mesmas actitudes que o evanxelista Lucas procuraba espertar entre os seus lectores e lectoras. Empezando por non asustarnos e discernir ben que é o que está a pasar, para ver o que hai de humanización ou de deshumanización no que sucede, para ver en verdade qué hai ou non hai de fidelidade a Deus, sabendo que poden desaparecer vellas referencias relixiosas –como para os xudeus era o templo--, e Deus non se esgota niso, e Deus segue presentándosenos en formas novas, en lugares novos, en institucións novas, en persoas novas. Valorar a fondo, non desde os nosos apegos e sentimentos, senón desde as propostas limpas que Xesús nos fixo.

Tamén estamos chamadas as persoas e as comunidades cristiás a dar testemuño do estilo de vida de Xesús en tempos de turbación, que mesmo poden chegar a ser tempos de confrontación e de persecución. Que pode significar para nós presentarnos na realidade social da que formamos parte como persoas cristiás, coma seguidores e seguidoras da causa de Xesús? Como levar a causa de Xesús á vida familiar, á asociación da que formo parte, ao grupo político ou sindical do que formo parte? Deseguida se nos veñen á cabeza palabras e actitudes coma honradez, transparencia, prioridade polos máis débiles, renuncia a salvar por riba de todo o propio pelello, soño dunhas relacións sociais novas, fidelidade aos pequenos compromisos diarios co alternativo, etc. Ser así sinal de contradicción, do novo posible, do realmente alternativo.

Estamos chamadas tamén as persoas e as comunidades cristiás a non afanarnos pola nosa defensa, a non cubrirnos as costas co afán de que nada nos fira, a non inventar argumentos e argumentos para facer valer a causa de Xesús á que estamos apegados. Senón a fiarnos da sabedoría limpa e fonda que Xesús nos transmite cando diariamente nos deixamos acompañar pola súa presenza, pola súa palabra, polo seu estilo de vida. O mundo presente espera de nós as achegas desa sabedoría vital cristiá, que rompe situacións cegas, abre camiños e sementa esperanzas pola vía do servizo e da solidariedade ata a fin. Saberemos vivir e ofrecer esta sabedoría cristiá, da que somos, ou deberiamos ser, portadoras?

As persoas e as comunidades cristiás estamos chamadas a estar metidas de cheo na efervescencia social que nos rodea. Tal era a maneira de ser de Xesús, e tal é o que o Papa Francisco nos pide reiteradamente: saír da quentura das nosas comunidades para ir ao mundo, ás periferias, aos lugares de conflicto, de deshumanización, de marxinación, e alí testemuñar coa vida a causa de Xesús. Xurdirán os conflictos? Posiblemente. Mesmo cos da propia familia, cos do propio barrio, cos do propio grupo político? Posiblemente tamén. Se aborreceron ao mestre ata a morte, é posible que tamén aborrezan a quen segue as súas pegadas. Por iso é tempo de cultivar a fondo o sentimento veraz de saberse en boas, moi boas mans: nin un pelo da vosa cabeza perderedes! Deus é a nosa última e total garantía e Deus non falla, nunca!

E por último, a perseverancia, a resistencia, o aguante. Non se trata de soñar en ser superheroes, senón persoas humildes, coñecedoras das propias debilidades e covardías, pero que, achegándose con franqueza á fonte de todo vigor, que é Deus mesmo vivido en comunidade, en comunidades, descobren e senten que lles nacen dentro unhas enerxías que non poden vir senón do mesmo Espírito. A celebración eucarística de cada domingo é un bo lugar para cargar as pilas, para enchernos de paz, de serenidade, de enerxía para a tarefa marabillosa de sermos simplemente cristiás, cristiás, no medio do noso pobo. Sen orgullos necios, pero sen medos.

Preces:

COA VOSA PERSEVERANCIA SALVAREDES AS VOSAS VIDAS
  • Que amemos o pedaciño de mundo no que vivimos, Señor, e que nos dispoñamos a construílo e servilo o mellor que poidamos coma persoas cristiás que somos. Oremos.
  • Que non cansemos de poñernos do lado da xente máis débil, por moito que haxa quen se ría de nós, por moito que non medremos ao estilo dos poderosos. Oremos.
  • Que medre en nós cada día o apego por Xesús, pola súa causa, pola súa sabedoría de vida, para podermos dar testemuño de todo iso no medio dos nosos veciños e veciñas. Oremos.
  • Que ao carón de Xesús medremos en paz, en serenidade, en bo discernimento, en confianza, en valentía, en constancia. Oremos.
  • Que as persoas e os pobos máis azoutados polas desgrazas naturais, coma Filipinas, ou polo atraco dos máis poderosos, reciban a nosa solidariedade en todo. Oremos.

Pregaria:

Grazas, meu Deus,
porque no medio do rebumbio eclesial e social no que estamos metidos
nos chamas a sentirte ao noso lado,
a experimentarte na vida,
para ter paz, consolo e forza,
para ofrecer paz, consolo e forza a quen nos rodea.

Grazas porque nos chamas á comuñón total,
con todas, con todos, con todo,
--que nada nunca nos sexa indiferente!--,
á comuñón total contigo,
para comprometernos a fondo
en todo o que nos rodea cada día
cos ollos, co corazón, coas mans,
co silencio, coa palabra,
coa pregaria, coa acción.

Grazas porque nos invitas
a romper co propio mundo, cos propios intereses,
para perdernos na dispoñibilidade total,
e non á forza ou por mandato de ninguén,
senón porque nos sae de dentro,
do noso corazón afectado, dorido ,
dese sentimento fondo de irmandade total
que ti alentas en cada un, cada unha de nós.

Grazas porque nos invitas ao agradecemento
e non ao esquecemento nin á autosuficiencia,
experimentándonos parte agraciada dun todo
que en ti ten asento e vigor.

Grazas porque nos invitas á humildade
e non á vaidade,
sabéndonos en ti pouquísima cousa
aínda que todos, todas, tamén cousa preciosa
que ti amas e coidas
como a meniña dos teus ollos.

Grazas porque nos invitas á tenrura,
a dála e a recibila,
a alimentar con ela a nosa espera,
a adozar con ela a nosa loita,
e a facela expresión en todo momento,
con todo,
do mellor que de ti temos recibido.

Grazas, meu Deus,
seremos capaces de crerte,
de acollerte,
de probarte así nas nosas vidas?

Signo:
  • Algunha imaxe dun tifón.
  • Algún rostro en crispación.
  • Algún rostro pacificado.
  • Algún símbolo de comuñón, de solidariedade o máis total posible, por exemplo o que aquí che mando..


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.