mércores, 5 de outubro de 2016

9 de outubro: Domingo 28º do tempo ordinario (C)


Evanxeo: Lc 17, 11-19

Comentario:

O evanxelista Lucas é o único que nos conta este relato dos dez leprosos, dos que soamente un volve para darlle grazas a Xesús. O relato está moi traballado por Lucas, para axudarnos a ver dúas cousas; por unha parte que a xente máis débil e marxinada, coma os leprosos e leprosas naqueles tempos, é a que mellor pode demandar, recibir e agradecer o don de Deus; e por outra, que curiosamente unha persoa que non era considerada coma persoa relixiosa correcta –así se dicía dos samaritanos— é, sen embargo, a que mellor acolle o regalo de Deus, a que mellor o agradece; Deus non se ata a crenzas e relixións, a igrexas e teoloxías, peta no corazón de todas as persoas e calquera persoa, sexa do país ou credo que sexa, pode abrirlle a porta e gozar da súa presenza e da súa forza curadora, liberadora.

O evanxelista Lucas subliña a importancia do agradecemento. Os dez leprosos manifestaron ter fe en Xesús, cando. aínda sen se ver curados, por mandato de Xesús van onde os sacerdotes que confirmaría a súa curación. Pero só un se decata de que agora o importante xa non é seguir cumprindo os preceptos da lei xudía, senón vincularse a quen está por riba de toda lei, e recoñecer nel a presenza curadora de Deus. E este non era outro senón Xesús. Soamente un se decatou desta novidade. E vincularse a Xesús basicamente desde o agradecemento, recoñecendo nel toda a bondade de Deus ao servizo da xente.

É de ben nacido ser agradecido, di o refrán. E ten razón. O ser humano, calquera home ou muller, todos, todas, somos o que somos grazas a unha chea de achegas que de mil maneiras diferentes, máis ou menos importantes, moitas persoas nos van facendo na vida. Onte mesmo, nunha celebración da aniversario, puiden escoitar asorado o marabilloso e simple relato dunha filla agradecendo todo o que xunto co seu irmán e a súa irmá recibira do seu pai, un bo pai, pero un pai como o que pode haber centos, miles, millóns dentro desta humanidade tantas veces considerada rota e espiritualmente empobrecida. E hoxe mesmo, dentro dun xantar de encontro comunitario, como os que a Xesús lle gustaba facer, puiden escoitar tamén o simple e precioso relato de agradecemento dunha muller, pobre e simplicísima, que, pese a ter soportado desgrazas considerables na súa vida, manifestaba con completo convencemento: como non vou estar agradecida na vida, cando teño a cabeciña no seu sitio e son capaz de ver, de encaixar, de acoller, de gozar con tantas cousas que a vida me ofrece. E aínda, nese mesmo xantar, o recordo daqueloutra muller, eivada e encamada, despois dun longo proceso dexenerativo, a quen alguén lle bota en cara a súa relixiosidade, o seu apego agradecido a Deus; e segue crendo, e segue agradecendo e, coma proba, tense dedicado a copiar cariñosamente os catro evanxeos, con preciosa caligrafía, case imposible para unhas mans de incertos movementos, pero posible para quen arde en acción de grazas.

Como se di, neniño, neniña?, preguntaba o papá ou a mamá ou seu filliño/a, cando vía que alguén lle ofrecía algún galano. Como se di?, e non paraba ata que o neniño/a, ben aprendida, dicía: Grazas. Moi ben, así se fai, así se di. Dubidamos de que hoxe teñamos tanto esmero en ensinar a agradecer. Quizabes porque vivimos nunha sociedade na que se nos pide por riba de todo estar e ser indignados/as –e razóns non faltan para tal demanda--, quizabes por iso mesmo nos custe máis do normal saber xuntar o agradecemento coa indignación. E sería unha pena. Non poderíamos ensaiar a indignación contra todo o que nos estraga e escraviza a vida, o que vai dentro de nós e o que anda por fóra, ao tempo que practicamos o agradecemento con todo aquilo, con todas aquelas persoas que nos axudan a vivir en dignidade, en comuñón, en fraternidade, entre nós, coa máis xente do mundo, coa natureza, axudándonos a ser o que realmente somos: persoas integradas, solidarias, unificadas?

Tampouco non é doado ser agradecido/a nunha sociedade na que todo o recibido é considerado un dereito, algo que se me debe, e ante o que, polo tanto, non debo mostrar agradecemento, senón unha especie de autocompracencia: non me dan, senón o que xa é meu. E dicimos tamén, non podiamos xuntar a defensa audaz dos nosos dereitos cun sentimento fondo de agradecemento, posto que aínda todo o que penso recibir coma dereito, a sanidade, por exemplo, é un dereito para min grazas á loita de millóns de cidadás, grazas á acción política de determinados partidos políticos, grazas á investigación de moitos profesionais, grazas a quen cabila nas estruturas sociais, grazas á natureza que fai posible a existencia de menciñas, grazas a Deus que o sustenta e potencia todo.
Dicía o Papa Paulo VI que os cristiáns e cristiás somos persoas de acción de grazas. As nosas comunidades cristiás estaría ben que fosen lugares onde aprender e contaxiar o agradecemento. Por algo nos xuntamos semanalmente ao redor dunha celebración de agradecemento por Xesús que na súa persoa nos deu gratuitamente todo o ben de Deus.

Preces:

QUE MEDRE EN NÓS, XESÚS, A TÚA COMPAIXÓN
  1. Para vernos acompañados e fortalecidas por ti nas nosas enfermidades. Oremos.
  2. Para sabermos nós acompañar con cariño e coidados a quen padece algún mal. Oremos.
  3. Para sentirte ao noso lado cando temos que encarar as dificultades e escasezas da vida: o paro, unha ruptura afectiva, a soidade, ou o que sexa. Oremos.
  4. Para doernos da xente inmigrante, que tantas veces morre no intento de v ir a Europa soñando con mellorar a súa vida, e loitemos por unha lexislación internacional máis acolledora. Oremos.
  5. Para ter, coma ti, entrañas de misericordia con todo e con todos/as, e eliminar tantos abusos e discriminacións. Oremos.
  6. Para experimentar a fondo o teu amor, a túa solicitude por cada un, cada unha de nós. Oremos.


Pregaria:

Grazas, meu mestre, Xesús,

por estar na miña vida
ofrecendo sen medida
compaña, alento e luz
nas horas de noite e cruz;
ese amor teu entrañable
que me quere vulnerable
a tanta dor inocente
que trae amargura á xente
e quebranto interminable.

Graciñas, Xesús, graciñas,
por tantas cousas fermosas
nas que ti te nos amosas
coma unha nai que acariña,
coma unha doce menciña:
o ar, a auga, o pan trigo,
o sol, as fabas, os figos,
a conversa e a amizade,
todo o que sabe a irmandade,
as veciñas, os amigos...

Graciñas, Xesús, ledicia
polas persoas valentes,
as que nin ceden nin menten
na loita pola xustiza,
sen amargor, sen preguiza;
as que descansan soñando,
e logo espertan cantando
e nas súas mans graciosas
xuntan esforzos e rosas,
o mundo novo anunciando.


Signo:

Mans en diferentes posicións: coas palmas cara arriba, loando; coas palmas cara adiante como ofrecendo algo; apertando outras mans en sinal de amizade agradecida; unidas a outras mans en sinal de esforzo e loita compartida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.