xoves, 20 de outubro de 2016

23 de outubro: Domingo 30º do tempo ordinario (C)


Evanxeo: Lc 18,9-14

Comentario:

Unha vez máis atopámonos ante unha parábola exclusiva do evanxelista Lucas. Chama a atención a sinxeleza e fondura revolucionaria destas breves narracións que Xesús construía, para transmitir a orixinalidade da súa práctica relixiosa, da súa forma de se situar ante Deus e, en consecuencia, tamén ante a comunidade. O cadro que debuxa é ben sinxelo, calquera home ou muller normal do seu tempo o podería entender. Calquera home ou muller normal, calquera comunidade cristiá do noso tempo o pode entender tamén.

Xesús conta esta parábola, porque vía que había no pobo xente moi relixiosa, moi cumpridora, que se sentía moi segura de si mesma, entendendo que a súa boa práctica relixiosa era cousa súa, debíase a si mesma, aos seus méritos, ao seu empeño, á súa categoría moral persoal. E desde esa torre de autocompracencia desprezaba a quen non cumpría, e, polo tanto, desprezaba tamén a quen se achegaba aos que non cumprían, como facía Xesús. Era unha especie de negación práctica de Deus e de divinización da propia persoa: esas persoas acababan considerándose o centro de si mesmas, elas mesmas acababan sendo o seu mesmo Deus. Os fariseos, por seren moi cumpridores das leis relixiosas, tiñan un perigo enorme de entrar por este camiño perverso, pero ese mesmo perigo podémolo ter calquera persoa de calquera grupo relixioso. Todos, todas, temos o perigo de empoleirarnos nos nosos xuízos, na nosa comprensión das cousas, nas nosas prácticas relixiosas, sexan cales sexan, e desde aí desprezar a quen non se adapta ao que nós consideramos apropiado. E andar pola vida cheos de razón e cheos de palabras e de xestos de condena. A vida relixiosa, espiritual, aparentemente máis perfecta pode quedar ferida de morte por esta actitude que denuncia Xesús. Iríanos moi ben se, como persoas e como comunidade, nos preguntásemos se estamos ou non feridas por este mal.

Que distingue a actitude do fariseo, que tiña fama de moita santidade, da actitude do publicano, que, en cambio, tiña fama de caer nun pecado tan grave, entre outros, como era o de aliarse co poder dominante para algo tan detestable como era quitarlle os cartos á xente máis pobre, en forma de impostos abusivos, dos que sacaban proveitos indebidos? Coa parábola Xesús non rexeita o fariseo polo seus cumprimentos, senón porque se atribúe a si mesmo os seus méritos: douche grazas porque non son coma os demais ...; non di: douche grazas porque, o ben que sae das miñas mans, só son capaz de facelo porque ti me sostés, porque ti me alentas, porque houbo moitas persoas na miña vida que me foron encamiñando a iso, etc. Coa parábola de Xesús tampouco non aproba as prácticas do publicano, senón a conciencia que ten de ser persoa pecadora e de estar fondamente necesitada do perdón, da misericordia de Deus. Nun caso o corazón desmedido de Deus quedaba ocultado detrás da propia xustiza; no outro, en cambio, a misericordia de Deus déixase ver por riba da propia maldade recoñecida. E isto, que parecen e son vivencias relixiosas de fondo, acaban tendo unha importancia grande para a forma de relacionarse entre as persoas, dentro da comunidade, no pobo.

É posible que hoxe non reparemos moito niso dos cumprimentos relixiosos, e por iso igual non nos sentimos afectados por esta parábola. Pero hai moitas situacións humanas ante as que podemos situarnos con espírito de fariseo ou de publicano. Por exemplo: o que ten traballo ante quen non o ten; quen vive unha vida de parella estable ante outras parellas desfeitas; quen nunca tivo ningún problema coa xustiza ante a familia que ten un fillo no cárcere; quen ten uns fillos ou fillas máis ou menos exemplares, e a familia que ten unha filla drogodependente, que anda consumindo e vendendo substancias; quen prospera ben nos estudos, ante quen acumula fracaso sobre fracaso, etc. Que facemos nestes casos? A que nos agarramos? Ao ben que nos van as cousas, ao ben que soubemos ir levando as cousas, para desprezar a quen falla, sofre e non sabe que facer na vida? Sabemos agradecer con humildade, sen desprezar a ninguén, intentando comprender as vidas fracasadas, achegarnos a elas, darlles a man coma irmáns/ás? E, se temos fracaso na vida, quizabes froito tamén dos nosos propios fallos, saberemos achegarnos humildemente ante a fonte de todo perdón, de toda tenrura, de toda forza, para sentirnos perdoadas, queridas, acompañadas a fondo por quen se perde pola xente máis débil?

Atentos/as! D. Bonhoeffer dicía que, desde que Xesús contara a parábola do fariseo e o publicano, moitos fariseos oraban coma publicanos, pero sen deixar de ser fariseos. Non é soamente cousa de palabras, senón de actitudes de fondo que unicamente se van modificando cun traballo ordenado, humilde, abrindo o corazón ás palabras e ao estilo de Xesús. A Eucaristía é un encontro de pecadores/as arrepentidas e agradecidas.

Preces:

SÓ A TÚA COMPAIXÓN, SEÑOR,
PODE FACER BO DE NÓS!
  1. Para podermos recoñecer con humildade e paz o noso pecado e dispoñernos a cambiar as nosas vidas. Oremos.
  2. Para aprendermos a ollar as demais persoas sen chulerías nin prepotencia nin condenas, senón con ollos fraternos e axudadores. Oremos.
  3. Para sermos agradecidas/os contigo e con todo o que a vida e outras persoas nos deron para ter os dons e capacidades que temos. Oremos.
  4. Para sermos persoas de encontro, de diálogo, de busca compartida, que gozan coas calidades dos demais e as agradecen con alegría. Oremos.
  5. Para implicarnos con verdade na loita por mellorar a nosa comunidade cristiá, o noso barrio ou parroquia. Oremos.

Pregaria:

Que pecador son, señor,
por debaixo desta aparencia honorable
de persoa de ben e de bondade,
que pecador son!

Que pecadora son, Señor,
co meu modo de vida tranquilo e satisfeito,
escorréndome modosiñamente
polo medio das túas voces, das voces dos teus pobres,
que me chaman ao empeño solidario,
que pecadora son!

Que pecador son, Señor,
coa miña ollada crida e prepotente,
simulada en formas brandas, aloumiñeiras,
créndome mellor, máis recto e acertado,
que pecador son!

Que pecadora son, Señor,
que necesitada da túa misericordia,
de achegarme a ese lume de amor que quenta e que derrete,
que limpa e purifica,
para renovalo todo,
que pecadora son, Señor!

Que pecador son, Señor,
necesitado de ollos novos
para verme ben na miña verdade
e poder ollar a demais xente con compaixón solidaria,
que pecador son!

Que pecador, que pecadora son, Señor,
perdón, perdón, perdón,
que pecador, que pecadora, son!


Signo:
  • Un ou unha orante sinxela, axeonllada.
  • Un grupo orando, un grupo falando, un grupo en loita.
  • Imaxes comunitarias, de igualdade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.