mércores, 12 de outubro de 2016

16 de outubro: Domingo 29º do tempo ordinario (C)


Evanxeo: Lc 18, 1-8

Comentario:

Estamos ante un relato exclusivo de Lucas, do que xa coñecemos a atención especial que lle prestaba á oración, tanto ao falar de Xesús coma ao comentar a vida e práctica das primeiras comunidades cristiás. Este relato é necesario lelo e entendelo no contexto dunhas comunidades cristiás perseguidas, con fame e sede de xustiza, da xustiza de Deus entre a xente e da xustiza da xente entre si, que ve como pasan os días e os anos, e non dá chegado esa volta do Señor Xesús, que viría facer real dunha vez o Reinado de Deus. Por iso a igrexa, as comunidades cristiás que a formaban, quedaba moi ben retratada por esa viúva pobre e desamparada, que se sente ignorada por quen neste mundo nin respecta a Deus nin á xente. Neste contexto xorde a dúbida e faise necesaria a urxencia dunha pregaria insistente, confiada: Deus non se desentende de nós nin se desentende tampouco do amor feito xustiza entre a xente, porque iso é precisamente o seu.

En que situación estamos nós agora, xa no século XXI, coma membros das nosas comunidades cristiás, coma membros das nosas parroquias, pobos e cidades? Sentimos o peso da inxustiza sobre as nosas vidas ou sobre as vidas dos nosos veciños e veciñas, ou sobre as vidas, por exemplo, dos inmigrantes afogados no Mediterráneo? Somos persoas, comunidades, en angustia, porque as forzas do mal nos apertan o propio corazón, a propia vida, ou porque o mal, a inxustiza, domina entre nós e provoca dor, sufrimento en moitas persoas? Non se trata de que teñamos que andar angustiados/as á forza, coma por mandato divino, pero daría que pensar sobre a fondura e calidade do noso amor de xustiza, se, visto todo o que pasa neste mundo, estivésemos tranquilos, vendo pasar os días, sen que se nos encolla o ánimo, sen que o sono se nos retire algunha noite, e sen que, algunha vez polo menos, berremos desconsolados, angustiadas: que pasa aquí, Señor? Por que as cousas están así? Por que a inxustiza vive e convive connosco con tanta impunidade? Cando, por fin, florecerá a xustiza, a irmandade, o respecto polos dereitos das persoas e dos pobos? Por que tanto tempo tanta maldade? Por que o noso corazón tamén decae e se deixa tentar e sucumbir?

O evanxelista Lucas invítanos a recrear nas nosas vidas, nas vidas das nosas comunidades cristiás, a experiencia da viúva da parábola, que sabía compaxinar a angustia, a dor pola inxustiza, coa demanda insistente, co feito de non renunciar por nada do mundo ao que consideraba de xustiza; e a compaxinar tamén esa demanda coa confianza máis absoluta, pois para o seu cumprimento non contamos co corazón raquítico dun xuíz inxusto, senón coa palabra fiel e comprometida dun Deus xusto e paciente, que ama e respecta, que ten posto todo o seu empeño en facer fondamente satisfactoria a convivencia humana. Deus é xusto e paciente, ten paciencia histórica, sabe que os procesos humanos, persoais e sociais, son lentos; e quérenos creativamente implicados/as neses procesos, cos seus pasos para adiante, cos seus pasos para atrás. Pero o remate, persoal e socialmente, está garantido por un Deus que non falla á súa palabra. Sabemos vivir nesta tensión, nesta confianza de fondo, neste esforzo e nesta entrega?

O evanxeo sitúanos así ante a experiencia da nosa oración, para facela cristiá. Que é o que a fai cristiá? O primeiro de todo é o convencemento de saber que por Deus que nos escoita non temos un ser coma o xuíz inxusto, a quen non lle importa a xente, senón un Pai/Nai amadora, a quen lle doen todos os seus fillos e fillas, todos os homes e mulleres que andan polo mundo ao paso miúdo do seu corazón tamén miúdo. En consecuencia, fai cristiá a nosa oración unha actitude de completa confianza; por moi escuras que estean as cousas, as vidas, a marcha dos pobos, a sociedade, por moi mouro que o vexamos todo, Deus está, Deus escoita, Deus fai xustiza, Deus ama, Deus salva, Deus crea e recrea todo. En consecuencia, rezar ben, en cristián, non consiste en multiplicar peticións e peticións, coma se Deus fose un ignorante das nosas vidas, ou unha persoa de corazón aceirado, senón en achegarnos a el e ir pousando no seu seo xusto e amoroso os nosos baleiros, as nosas queixas, as nosas dores, os nosos pecados, as nosas inconsecuencias, os nosos compromisos, as nosas promesas, coma cando un que ten frío se vai achegando ao lume, coma cando unha que ten sede se vai achegando á fonte, coma cando un que precisa cariño, aceptación, se vai achegando a quen o abraza tenramente, coma cando unha que necesita ser alentada e espelida se vai achegando a quen a sacode e pon en movemento. E, apegado/a Deus, pouco a pouco un vaise vendo nunha actitude confiada, viva, loitadora ante todo o que ensombrece a vida da xente, ante todo o que, en consecuencia, ensombrece tamén a presenza de Deus neste mundo.

A Eucaristía é un precioso momento comunitario, para, a carón de Xesús, aprendermos a solidarizarnos con Deus na súa aposta total pola xustiza.

Preces:

NON ME FAN XUSTIZA, SEÑOR!

  1. Xustiza para os millóns de familias máis pobres, que teñen que vivir con menos de 307 euros ao mes. Oremos.
  2. Xustiza para as familias desafiuzadas, que tiveron ou teñen que abandonar as súas vivendas ante a voracidade dos bancos. Oremos.
  3. Xustiza para toda a xente represaliada de todas as guerras, tamén da española, que claman recoñecemento e medios de vida. Oremos.
  4. Xustiza para as mulleres que sofren abusos, discriminacións, violencias de calquera tipo. Oremos.
  5. Xustiza para os nosos corazóns, para as nosas vidas, tantas veces seducidas tamén pola trampa e a mentira. Oremos.
Pregaria:

(Orar,
orar non coma lareteiro/a,
que non me escoitan polo moito falar;
orar con insistencia,
noite e día
--di Xesús.

Orar, logo, con poucas palabras,
deixando que fale o corazón,
oración longa no tempo empregado,
curta, moi curta, nas palabras usadas,
berros do corazón,
repetidos cantas veces nolo pida o mesmo corazón,
clamor ao Pai
con toda liberdade,
con toda sinxeleza
--di o mestre Carlos de Foucauld.)

Grazas, grazas, Pai.
Es marabilloso.
Que grande e xeneroso es,
desmedido en dar e en servir!
Como me gusta estar contigo!
Que pouquiña cousa son,
pero levo o teu ADN no meu ser!
Grazas, grazas, Pai.

Son pecador,
miro torpemente só por min,
esquezo deseguida que son comunidade
e fago e consinto inxustizas.
Son pecador.
Perdón. Perdón. Perdón.

A xente pobre,
a xente marxinada,
a xente que sofre inxustiza...
dígoche nomes: N., N., N....
poño as súas vidas nas túas mans,
póñome á túa disposición,
e á deles, á delas.

Vexo en min
ideoloxía
máis ca paixón polo débil.
Palabras,
máis ca implicación.
Debate
máis ca amor e servizo.

Achégome a ti,
pobre e necesitado,
achégome
ao teu lume,
ao teu fogar,
á túa fonte,
ás túas apertas.
Bícame,
cun bico de sal e de lume
cun bico de paz e de enerxía.

Grazas, grazas, Pai.

Signo:

  • A imaxe de Castelao, que xa acompaña o texto.
  • Diferentes rostros expresivos de persoas que cuestionan, que claman xustiza.
  • Unha imaxe de Carlos de Foucauld.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.