venres, 28 de outubro de 2016

1 de novembro: Festa de todos os santos e santas


Evanxeo: Mt 5, 1-12a

Comentario:

Nos ss. IV-V empezouse a facer memoria dos santos e santas na pregaria eucarística. Lembrábase sobre todo as persoas mártires, as que foran matadas por ser cristiás e vivir coma tales. Despois foise facendo memoria tamén doutros santos e santas. No s. IX empezou a celebrarse en Roma a festa de todos os santos e santas o día 1 de novembro e desde Roma espallouse polo mundo enteiro ata o día de hoxe.

É un motivo de verdadeiro gozo e esperanza poder celebrar que sempre houbo homes e mulleres que descubriron a forza e tenrura de Deus, que se abriron confiadamente a el, que se deixaron construír por el e que se converteron así en persoas de referencia, ás que miramos con orgullo e agradecemento, con esperanza e cunha certa envexa, pois quen puidese ser, algo polo menos, como foron esas persoas! Tenas habido antes e despois de que nacese a Igrexa, dentro e fóra dela. Tenas habido de temperamento moi diferente e con formas de vida tamén moi diferentes: algunhas retiráronse da vida do mundo buscando soidade e limpeza de vida ao amparo de Deus; outras, ao revés, metéronse no fragor da vida do mundo tentando introducir nel esa forza de vida, de amor, de xustiza, que gratuitamente recibiran de Deus, e fixéronse servidores, servidoras da humanidade, en mil tarefas que a humanidade demandaba en cada caso. Tenas habido segrares, frades, monxas, curas, bispos. Algunhas foron recoñecidas oficialmente pola Igrexa como santos e santas, outras non, cousa que tampouco non importa demasiado. O importante é que estiveron e seguen estando aí dándolle graza a este mundo, facéndoo atraente, invitándonos á esperanza. Por que esta corrente de amor, de solidariedade, de honradez, de transparencia persoal, non vai poder atraernos, collernos e envolvernos nas súas redes de alento e de alegría?

Estamos en tempos nos que diariamente os medios de comunicación nos están presentando figuras de homes e mulleres que, ao revés dos santos e santas, se deixaron coller pola corrupción, polo afán de ter diñeiro e ter poder, polo refinamento, pola avaricia, polo egoísmo, polo desprezo á xente máis débil, pola apropiación do público, pola mentira, pola aparencia, polo baleiro persoal, pola deshumanización nunha palabra. Estes non son un modelo e un referente a seguir. Ao contrario, ben que os criticamos, ben que dicimos: así non, así non, iso non o queremos. Está ben ser duros, contundentes na nosa crítica e rexeite destas condutas, iso si, sen deixar de mirar para o noso propio corazón, para as nosas propias mans, porque non é nada doado andar pola vida sen que esas condutas se nos peguen algo e turbien a nosa existencia. Ante todos estes comportamentos escandalosos, ben podemos volver con máis forza a ollada cara aos santos e santas e descubrir nelas moitas cousas positivas que si ennobrecen a unha persoa, a constrúen na verdade e a fan humana, solidaria a tope, por estar asentadas no Espírito de Deus. Descubrir, logo, nesas persoas santas moito do ben, da bondade e da xustiza de Deus, e deixarnos engaiolar por iso, e lanzarnos a vivilo no que poidamos, con humildade, con valentía e decisión. Con que espírito nos situamos ante tanta corrupción que nos rodea?

Deste xeito os santos e santas interceden por Deus ante nós. É dicir, son valedores, valedoras do pobo. Pero non porque Deus sexa un Deus duro e distante, e que por iso precisemos de persoas santas, achegadas a el, para que el se abrande e se conmova de nós e nos conceda tal ou cal cousa. Deus sempre está disposto á misericordia, ao acompañamento amoroso, sempre. Os santos e santas axúdannos a descubrilo así, porque eles, elas así o experimentaron nas súas vidas. Non se trata tanto de conmover a Deus en favor noso –Deus sempre está ao noso favor--, canto de conmovernos a nós para que lle fagamos caso a Deus e que nos dispoñamos a vivir con entrañas de misericordia entre nós, con todo o mundo, sobre todo coa xente máis fráxil da comunidade, do pobo. Vivimos así a nosa relación, a nosa devoción aos santos e santas que admiramos?

O evanxeo de hoxe, o evanxeo das benaventuranzas, ensínanos a ver cales eran os santos e santas que a Xesús lle gustaban, como entendía el o éxito humano, onde estaba para el a fonte da felicidade. O que nos di son cousas chocantes, fondas, verdadeiras. Nas catro primeiras benaventuranzas Xesús pon na primeira fila a persoas pobres, ou que se fan pobres por convicción e solidariedade, pobres con espírito; pon na primeira fila as persoas que choran, as asoballadas, as que teñen fame e sede de pan e de xustiza; e ponas en primeira fila da súa admiración porque neles está o mesmo Deus comprometendo a súa palabra de consolo e de abundancia. E nelas estanos comprometendo tamén a nós mesmos, se queremos ser da comunidade de Xesús.

Nas benaventuranzas restantes, outras catro, Xesús, vendo como a súa sociedade e tamén a nosa, está ferida por tantas inxustizas, tantos abusos, tantos desprezos aos máis débiles (desafiuzados, enfermos de ébola en África, subsaharianos atascados nos valos de Melilla, xente sen traballo e sen recursos, …), úrxenos a tomar partido en favor da misericordia, en favor da transparencia a fondo (a limpeza de corazón), en favor da paz que se realiza na xustiza, aínda sabendo que optar por estas cousas vai implicar traballos, penalidades, desprezos, persecucións, pero tamén, e sobre todo, moita satisfacción, moita felicidade. Felices nós, se así o descubrimos tamén, e se así orientamos as nosas vidas!

A celebración eucarística introdúcenos a fondo neste mundo de solidariedades, habidas e desexadas e ofrécenos o camiño da felicidade ao estilo de Xesús.

Preces:

SEDE COMPASIVAS/OS
COMA O VOSO PAI É COMPASIVO.
  1. Que saibamos acoller e agradecer o cariño que Deus nos ten, vivilo con alegría e compartilo con quen nos rodea. Oremos.
  2. Que nos doamos de quen o pasa mal na vida por calquera razón, e fagamos todo o que poidamos para que a xente teña pan e paz, consolo e esperanza. Oremos.
  3. Que saibamos recoñecer e agradecer a graza de Deus presente en tantas persoas, feita de paz, de bondade, de espírito de xustiza, de organización e loita para acabar con todo o que quita vida á xente e deshonra a Deus. Oremos.
  4. Que nos animemos a andar polos camiños humildes da santidade, coas nosas palabras e cos nosos feitos de ben, de honradez, de solidariedade. Oremos.
  5. Que cando a política está tan desprestixiada pola corrupción de moitos dos que a ela se dedican, nos animemos a participar nese reto cidadán, dando aí exemplo dunha vida cristiá limpa e comprometida. Oremos.

Pregaria:

Eu quero ser santo/a, Xesús,
un santo pequeniño,
feito das cousas pequeniñas
que compoñen a miña vida tamén pequeniña.

Santo/a no agradecemento
por todo o que a vida cada día me ofrece,
cando menos a luz, o aire, o sol, a chuvia,
e tantas cousas máis,
envolto todo na man amiga de quen me quere e bica.

Santo/a na solicitude
polo veciño ou veciña que o está pasando mal,
pola xente de preto ou de lonxe que pode esperar algo de min
porque me sabe irmán, irmá,
no nome de Deus, o Pai, a Nai común.

Santo/a nas chamadas de teléfono,
nas visitas a tempo e destempo,
nas horas pasadas ao pé do gozo ou da angustia,
nas palabras e silencios compartidos,
nos bicos, nas apertas, nos adeuses.

Santo no traballo de cada día,
facendo a cama e a comida,
axudándolle á terra a dar os seus froitos,
coidando os animais con esmero,
limpando a casa, lavando a roupa,
compartindo todo isto coa familia amada e tamén coidada.

Santo/a no traballo da comunidade, da asociación,
do sindicato, do partido político, da asemblea cidadá,
cando coa ollada esquecida do propio proveito
soñamos xuntos co posible e co imposible,
mesturando cálculos e inocencias,
a sinxeleza da pomba coa prudencia do raposo.

Santo/a en todos os bailes,
soltos e agarrados, tamén en corro,
coa alegría subindo e baixando polos ríos do corpo e da alma,
ao esquecernos do mal, de todo mal,
deixando que os ecos de Deus invadan o noso ser,
e o fagan menear ao ritmo de cumbias ou muiñeiras.

Santo/a en Galicia, a nosa Terra,
casa, pan, lingua, pobo que nos deches,
onde aprender a ser concretos e universais,
cos brazos abertos cal bandeira
e o corazón apegado ao pequeno coma ferramenta de traballo.

Eu quero ser santo/a, Xesús,
no día e na noite, na vida e na morte,
deixándome levar sempre pola túa man cuberta de soños,
polos teus pés amigos de camiños novos,
e de felicidades sorprendentes.

Só o teu Espírito, Xesús, pode fortalecer a miña vontade.
Confío en ti.

Signo:
  • Rostros dalgúns santos e santas, canonizados ou non: Tareixa de Xesús, Oscar Romero, P. Arrupe, Tareixa de Calcuta, Alexandre Bóveda.
  • Rostros anónimos de homes e mulleres.
  • Imaxes de persoas envoltas en debilidades diversas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.