xoves, 29 de setembro de 2016

2 de outubro: Domingo 27º do tempo ordinario (C)


Evanxeo: Lc 17,5-10

Comentario:

Estamos en moitos casos, de moitas maneiras diversas, empezando un curso novo. Coma persoas cristiás, coma comunidades cristiás, estamos tamén ante un novo curso; diría máis, coa novidade do Papa Francisco, e co entusiasmo que está espertando no conxunto da Igrexa, estamos ante unha nova xeira eclesial. E, para acompañar este novo curso, esta nova xeira eclesial, o evanxelista Lucas ofrécenos dous recursos sinxelos pero fundamentais: a fe e a dispoñibilidade absoluta, o servizo a tempo completo, para desenvolver en nós, na sociedade, aquilo que nos foi dado polo Pai/Nai do ceo: o amor, a solidariedade, coma don e coma tarefa, para convertelo en motor e meta das nosas comunidades, do noso mundo todo.

Xesús, a través do evanxelista, ofrécenos –sempre fai así-- o que el mesmo viviu a fondo primeiro; máis ca palabras, ofrécenos o testemuño da súa vida que foi así, como logo as palabras anuncian e recomendan. E o primeiro é a fe. O poderío da fe!, que Xesús recalca con esa comparanza provocativa: “Se tivésedes fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: `Arríncate e plántate no mar”; é difícil que se arrinque, pero mira que plantarse no mar! É dicir, coa fe acádase aínda todo aquilo que pode parecer imposible. E cales poden ser os desexos imposibles que se nos pasen pola cabeza, polo corazón, neste momento? Poder superar ese defecto, ese pecado, que tanto me dana e tanto dana a quen me rodea? Poder ter unha comunidade cristiá viva, acolledora, implicada na vida, alegre, namorada de Xesús e do de Xesús? Unha sociedade nova, con políticos saneados, co afán común por construírnos dando prioridade sempre ás persoas e grupos máis débiles? Atoparlle saída á relación de parella bloqueada por sabe Deus qué historias? Poderme construír coma persoa, coma comunidade, desde o amor, desde a solidariedade real? A fe non ten solucións para nada, non é un consultorio político, comunitario, sentimental, non; pero dános un xeito de ser, un marco de referencia, unha postura de fondo desde a que se poden recorrer camiños insospeitados?

Pero, que é a fe? Crer nunha chea de verdades, de dogmas, e recitalos de cando en vez, sen máis? Non. A fe cristiá é un convencemento fondo de sermos persoas amadas sen medida por Deus Pai/Nai; na vida e na morte, nas duras e nas maduras, ese é o noso ámbito vital, así é a nosa existencia. A fe cristiá é, ademais, o fondo convencemento de que esa solidariedade desmedida de Deus se fixo un de nós na persoa e na vida de Xesús de Nazaré. A fe cristiá é o fondo convencemento de que, se nos deixamos, podemos ser persoas traídas e levadas, empuxadas, iluminadas polo Espírito constantemente para realizarmos a nosa vida persoal e comunitariamente no amor, na solidariedade. A fe así é inevitable que non sexa agradecemento, admiración, loanza, festa. A fe é adhesión vital. A fe é implicación. A fe é confianza. A fe e forza, empoderamento, como se di agora.

E como medrar na fe? Sentindo o propio baleiro e cativeza; desexando medrar nela; acudindo a fonte da fe viva no amor, na práctica solidaria, que é Deus, como cando temos frío nos achegamos á fonte do lume para quecer. Deus é a fonte da calor, do amor, que provoca a fe. Achegándonos ás persoas crentes, eclesiásticas ou non, que levan a calor de Deus, a calor da solidariedade no corazón, na vida. Dando pasos reais, concretos, de exercicio da fe no amor, cada día.

E aquí vén a conto a segunda parte do evanxeo de hoxe; o exemplo que pon Xesús igual non nos gusta moito, porque parece que normaliza unhas relacións laborais nada xustas, e xa estamos fartos/as de que o nosos Goberno xogue canto queira cos nosos dereitos laborais. Xesús bota man dunha práctica laboral normal naquel tempo, na que o criado era criado para todo, as 24 horas do día. E de aí saca a súa ensinanza: nisto da solidariedade, nisto de facer do amor real e verdadeiro marco e forza da nosa vida, non vale andar a cachos: pola mañá si, pola noite non; no sindicato moi democrático, pero na casa son un déspota; na comunidade cristiá digo marabillas, pero cando teño que defender cousas xustas na xuntanza do partido, encóllome; moita moral privadas, sexual, pero de alcance político, social, da ética nada; ou ao revés, moita ética social, pero son un trampulleiro no traballo e coa afectividade déixome levar polo sol que máis quenta, etc. Non, un é cristián, cristiá, a tempo completo, porque é a única maneira de nos sentir a gusto no camiño da fidelidade.

Sen fe e sen compromiso, a celebración eucarística é algo baleiro, sen sentido; pero a celebración eucarística, porque nela batemos con Xesús en comunidade, tamén alimenta e fortalece a nosa fe e o noso compromiso.

Preces:

QUE NAS TÚAS MANS, SEÑOR, MEDRE A NOSA FE
  1. Para acoller a Deus vivamente na nosa vida, e facer da súa presenza en nós unha fonte de alento e de esperanza. Oremos.
  2. Para ter forza e decisión para facerlle fronte a todo o que nos impida vivir coma irmáns e irmás nas cousas miúdas de cada día. Oremos.
  3. Para seguir soñando cada día coa mellora da nosa Terra, sen nos deixar levar por quen desespera e abandona a loita. Oremos.
  4. Para implicarnos na solución da crise que padecemos, buscando camiños honrados e xustos de facer vida e de compartila con quen non teña. Oremos.
  5. Para vivir con confianza, agradecidos/as, alegres, sabendo en boas mans o noso presente e o noso futuro. Oremos.
  6. Para que nas comunidades cristiás teñamos unha experiencia viva de Deus e saibamos transmitila a quen nos rodee. Oremos.


Pregaria:

Sen chufarme, Señor, sen nunca chufarme,
porque non son eu amo de nada
e en todo caso levo feito soamente
aquilo que o teu amor en min deitara.

Descentrado, Señor, de min descentrado,
para inserir en ti as miñas ramas
e dar e levar froito humildemente
co vigor e o frescor da túa graza.

Entregada, Señor, sempre entregada,
en ti, por ti, cada solpor, cada alborada,
co espido afán de que en min medre
a semente por ti nas miñas mans pousada.

Confiado, Señor, confiado a tope,
porque as cousas nas túas mans descansan:
a saúde, o traballo, o mundo enteiro,
os fillos/as, a muller, os amigos, a Terra amada.

Alegre, Señor, alegre sen reservas,
a pesar de que o mal das súas faga
e dentro o corazón se me escureza
e o poder ensombreza as nosas caras.

A ti, Señor, a ti todo me dou
en libre compromiso coa túa causa:
a túa, a miña, a do pobo humilde,
na túa luz, en cruz, unificadas.

Signo:
  • Unha moreira, ou figueira.
  • Un reloxo que marque as 24 horas do día.
  • Uns pés en marcha, unhas mans en ofrecemento.
  • Unha imaxe de grupo ou pobo en marcha.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.