05 setembro, 2016

11 de setembro: Domingo 24º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 15,1-32

Comentario:

O Evanxeo de hoxe é moi coñecido, témolo escoitado ou lido moitas veces, e por iso corremos o risco de achegarnos a el como a algo moi sabido que non nos vai dicir nada novo que nos poida emocionar, conmocionar para a vida. Alerta, pois! As circunstancias persoais e as circunstancias da nosa comunidade cristiá, da Igrexa e da sociedade sempre son diferentes, como para que poidamos pensar tamén nun efecto diferente da Palabra de Deus nas nosas vidas. Ademais sempre está aberto un camiño de afondamento naquelas experiencias ás que este evanxeo nos teña levado noutras ocasións.

Para situarnos ben como receptores das palabras de Xesús, é importante ver cal é o arranque delas: os publicanos (cobradores de impostos que abusaban da pobreza e debilidade da xente) e pecadores en xeral achéganse a Xesús; Xesús acólleos, fala con eles, alterna con eles, incluso párase a comer con eles. Isto suscita murmuracións entre os relixiosos ben pensantes do momento: fariseos e letrados, expertos na piedade e na doutrina relixiosa. As tres parábolas que Xesús vai contar quérenlle dar unha resposta a estas murmuracións. Hai xente que se cre moi limpa, moi santa, moi relixiosa que mira con malos ollos a Xesús, e a súa proposta dun Deus achegado, misericordioso, perdoador, que dá incansablemente novas oportunidades a todo o mundo, en especial a quen máis anda perdido pola vida. De que lado nos situamos nós? Do de Xesús?

Así que o acento das tres parábolas non está posto na actitude do pecador, nin no seu pecado; nas dúas primeiras nin sequera se fala de alguén que poida pecar: é o pastor quen perde a ovella, é a muller quen perde a moeda. O fillo que abandona o pai e fai un uso toleirán dos bens recibidos claro que pode ser un exemplo espléndido dos procesos do pecado dentro de cada un de nós, e da nosa comunidade e da nosa sociedade, pero no relato el non é o centro de nada, senón o pai e o fillo cumpridor. O que Xesús quere resaltar é a actitude do pastor que vai en busca da perdida, a da muller que busca con coidadiño e a do pai que sae emocionado a recibir o fillo: busca, coidado, emoción retratan as palabras e o Deus de Xesús, retratan a súa experiencia relixiosa. Retratan tamén a nosa?

Na parábola o noso lugar natural é o de ser ovella e moeda perdidas, fillo/filla extraviada, que somos obxecto da busca, dos coidados, da emoción do mesmo Deus. E que así naza e abunde o agradecemento e a participación na festa realmente inmerecida, pero á que Deus desmesuradamente nos invita. E, se algunha vez o noso sentido de ser por Deus enviados/as a prolongar a súa presenza e a súa acción nos leva a facer de pastores, de muller ou de pai/nai, xa sabemos as formas, as actitudes, o espírito co que nos situar ante aqueles, aquelas, que poidamos considerar como xente pecadora, para que de nós perciban o que percibían de Xesús. Facémolo así na nosa actividade evanxelizadora? Reflectimos coa nosa palabra, coa nosa vida, este rostro de Deus? Nas nosas comunidades cristiás somos capaces de crear o ambiente relixioso que Xesús creaba ao redor de si?

O irmán maior representa cruamente a actitude relixiosa máis triste e decepcionada. Síntese decepcionado por Deus, e é incapaz de participar na súa festa, na festa da xente pecadora. Os seus argumentos non deixan de ter o seu aquel. É cumpridor, certo, pero reivindica a recompensa polo seu cumprimento, sen caer na conta da gran compensación que é estar sempre na compaña de Deus, (“ti sempre estás comigo”), sen máis, sen menos, e saber que todo o de Deus, todo, é del, porque Deus non pecha nunca ningunha porta, ningún cuarto, ningunha despensa. Entrar na onda de Deus, gozar da súa desmesura, feita de abundante busca, abundante coidado, abundante e emocionado perdón, sería normal que nos levase ao gozo de poder ver persoas e persoas, centos, miles, millóns, que poden participar das mesma satisfacción. Canto hai de irmán maior nos nosos corazóns?

E non é que o pecado non importe, claro que importa. Romper de mil maneiras posibles co Amor solidario que nos constrúe e co que podemos axudar a construción da nosa familia, parroquia, sociedade, é algo moi serio para as nosas vidas, para a nosa comunidade cristiá. Pero máis importante ca o pecado é a maneira de nos situar ante el e de abrir camiños para afrontalo dunha maneira realmente liberadora.

A celebración eucarística é un espazo de festa, que actualiza a festa de Deus polo achado da xente máis débil, e que nos lanza cara a unha actividade viva en favor de quen máis padece a dureza da vida, con pecado ou sen pecado na súa conta.

Preces:

TI SEMPRE ESTÁS COMIGO E TODO O MEU É TEU
  1. Recordemos as palabras de Xesús para andar en honradez e xustiza en todo momento e sabernos agrazados/as sempre por Deus que tanto nos quere. Oremos.
  2. Recordemos as palabras de Xesús para alegrarnos por quen, sendo pecador ou pecadora, ten sempre abertas as portas do corazón de Deus. Oremos.
  3. Recordemos as palabras de Xesús para abrir a nosa comunidade cristiá á xente máis débil, e facelo sen prepotencia, sentíndonos todos, todas, necesitadas dos coidados de Deus. Oremos.
  4. Recordemos as palabras de Xesús para tomar en serio o noso pecado, para deixarnos abrazar pola forza vigorosa do perdón cando é autenticamente vivido. Oremos.
  5. Recordemos as palabras de Xesús para darlle cara ao moito mal que hai no mundo, e sermos coma Xesús belixerantes contra o mal coas armas mesmas de Deus. Oremos.


Pregaria:

Que gozo, Deus, que festa, que alegría,
saber que, cando torcen os meus pasos
ou se enchen de po turbo os meus abrazos,
axiña ves, Señor, en busca miña!

E fasta para min pastor de mimos,
buscador do meu ben, da miña vida,
no lombo teu me levas cheo de estima,
á festa que organizas cos veciños.

Que gozo, Deus, que festa, que alegría,
saber que, se me perdo cal moeda,
o meu valor o teu amor enreda
e móveste, Señor, en busca miña!

El retorno del hijo pródigo. Rembrandt  (1662)
Museo del Hermitage, San Petersburgo
E faste para min muller esperta,
que ama, busca, limpa, frega, varre,
buscando sen parar ata atoparme
e logo coas veciñas me celebra.

Que gozo, Deus, que festa, que alegría
saber que, se me estrago, peco ou erro,
non botas cara a min ollada en ferro,
senón que a miña volta ti vixías!

E faste para min mai, pai amante,
que espera, aperta, bica e se emociona,
que todo o que hai de mal en min perdoa
e vístesme de gloria, exultante.

Fagamos festa en Deus, que en nós se mostra
pastor, muller, pai, nai rica en coidados
e colma as nosas vidas de regalo
abrindo co perdón as súas portas.

Signo:
  • Un xesto reticente de alguén serio, triste, que non festexa.
  • Unha imaxe de Xesús coa ovella ao lombo.
  • Alguén, home ou muller varrendo, ou simplemente unha escoba.
  • Alguén abrazando (hai cadros famosos sobre a escena da parábola).


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.