24 agosto, 2016

28 de agosto: Domingo 22º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 14,1.7-14

Comentario:

Como temos visto noutras moitas ocasións, unha vez máis Xesús aproveita unha circunstancia normal da vida, nun espazo normal como era un xantar, para deixarse vivir e falar en conformidade con aqueles convencementos básicos, fortes, que estruturaban a súa vida toda. Este era o estilo evanxelizador de Xesús, que nos pode vir moi ben en tempos nos que, como persoas e como comunidade cristiá, estamos querendo fortalecer a nosa maneira de vivir e de compartir a Boa Nova de Xesús coa nosa xente veciña.
De entrada é ben observar que Xesús, aínda que enfrontado en cousas ao estilo de vida relixiosa dos fariseos, acepta xantar con eles, con liberdade, desde esa postura básica de aceptación e respecto polas maneiras de ser de cada quen, sen lle negar nunca a ninguén a súa palabra, a súa presenza, mesmo a súa amizade. E resulta oportuno observar tamén que quen con el compartían mesa estábano vixiando; non se encontraban con Xesús con espírito libre, aberto, disposto a aprender, a deixarse afectar pola vida, pola palabra, pola persoa que tiñan diante. De ambas posturas, a libre de Xesús e a pechada dos fariseos, podemos todos, todas, aprender moito.

Xesús é como é, e así vive, pensa e fala. Observa a xente obsesionada por sentar nos primeiros postos, e non lle gusta. Non lle gusta, porque o que podía ser unha preciosa experiencia de comunidade, de fraternidade, queda convertido nun espazo de rivalidade e competencia. Que fermoso ser compañeiros/as de mesa, comendo, conversando, coñecéndose, igualándose en todo, espertando soños cara a unha vida social rexida tamén por esta maneira de ser e de vivir! Pero todo isto queda perturbado, cando nos afanamos por acadar os primeiros postos, por nos situar uns por riba dos outros/as, por señorear, por mandar. O gozo da fraternidade queda esnaquizado. Canto podemos aprender disto tamén para as nosas vidas de cada día! O vicio de querer ser primeiros/as, de prevalecer sobre a demais xente, de situarnos por riba das outras/os no pensar, no falar e no vivir, chegando ao desprezo do outro/a, ata facelo un inimigo, é coma unha praga que fire e consume a planta fermosa e fráxil da fraternidade. A todos, todas, nos pode pasar isto moitas veces na vida de cada día. Os malos políticos fano moito, e por iso, no canto de ser factor de unión, arrimando o lombo cara á solución dos problemas do pobo, enfróntanse, pelexan, e acaban enredándonos a todos/as, se non estamos alerta, nun debate de poder que non resolve nada. A comunidade cristiá, a Igrexa, tamén podemos caer nesta mesma actitude de prepotencia, de querer os primeiros postos, de poñernos por riba dos demais, e de facelo mesmo no nome de Deus! Por exemplo, cando os homes, o masculino, acapara todo o poder, os primeiros postos nas comunidades cristiás.

Xesús aproveita a conversa do xantar para facer unha observación revolucionaria, que a calquera de nós, aínda hoxe, nos pode sorprender ou parecer unha parvada: “Cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti”. Xesús non se opón loxicamente a que invitemos a amigos, amigas, irmás, parentes, veciñas; simplemente quere axudarnos a reparar nun aspecto da vida e das relacións que para el é moi importante: a gratuidade; por iso pon o acento na palabra “ricos”. O rico é normal que me devolva a invitación, que me recompense. Se fago as cousas coa intención, co afán, de ser recompensado con outro tanto, non medro moito coma persoa, quedo pechado no círculo pequeno do “dou para que me deas”; creo espazos de benestar dos que queda excluída moita xente, que non pode corresponder simplemente porque non ten nada; sen querelo, favorezo a marxinación; non abro o amor, o servizo, as atencións cara a un campo maior, onde poder desenvolver mellor a miña capacidade de amor e onde axudar a outros a que entren na experiencia de amar e ser amados, de atender e seren tamén atendidos/as. E este é o campo inmenso, sen medida, de Deus. E este é o campo da verdadeira felicidade. A iso nos quere invitar, provocar Xesús, que non se contento con mínimos á hora de pensar na felicidade da xente.

Igual podiamos empezar, como persoas e como comunidade cristiá, por non deixarnos cegar polo atractivo da xente rica, e cultivar a amizade con persoas pobres. Igual podiamos empezar por invitar gratuitamente ás nosas mesas a algún pobre polo menos, que seguro que tamén nos convidará á súa mesa pobre. Xesús dinos convencido que así poderemos descubrir unha dita nova, maior, e que, á hora da verdade, as nosas vidas vanse ver máis cheas de vida e de gozo.

A celebración da Eucaristía é, pode ser, un lugar onde experimentar e gozar isto, e onde quentar o corazón para poderlle ofrecer logo á sociedade esta experiencia.

Preces:

XESÚS, XESÚS, MEU MESTRE, MEU IRMÁN!

  1. Que ao teu lado descubramos o gozo de sermos un máis, unha máis, na comunidade, sen afáns de prepotencia e de chulería. Oremos.
  2. Que, ca forza do teu Espírito en nós, non nos deixemos levar pola atracción do rico, do grande, do poderoso, e descubramos o gozo de acompañar e deixarnos acompañar pola xente pobre e marxinal. Oremos.
  3. Que, coa túa mesma ollada, aprendamos a ver a vida e a comprometernos con ela desde os ollos e os sentimentos da xente máis necesitada. Oremos.
  4. Que, sendo xente pacifista coma ti, reneguemos de toda guerra e violencia, como a de Siria ou de Exipto, e desde o día a día traballemos por resolver as cousas coa paz e coa palabra. Oremos.
  5. Que, deixándonos acompañar por ti, saibamos nós acompañar os nosos fillos e fillas, a xente nova que hai entre nós, para que aprendan a valorar e querer non desde as modas, senón desde a súa condición de persoas amables e amadas. Oremos.
Pregaria:

Grazas, Xesús,
polas túas palabras e feitos de liberdade,
de humanidade fonda e verdadeira,
invitándonos a non buscar nunca os primeiros postos
e a convidar ao xantar da vida
con todo o que poidamos,
gratuitamente
a quen non teña con que correspondernos.

Grazas, Xesús.
Canto me custa entrar por aí1
Canto se camuflan na miña vida
as ansias de figurar, de ser o primeiro/a,
de recibir recoñecemento e aplausos,
sexa o sexa o que eu faga!

Nada máis despistarme un pouco,
por aquí e por alá,
revestido de mil formas e cores diferentes,
aparece ese afán paifoco de romper coa comunidade
para significarme,
para dicir: aquí estou eu.

Cando, Xesús, deixarei evanxelizar o fondo do meu ser,
e descubrir o gozo de ser comunidade,
de perderme na comunidade,
en ti,
nos brazos, no corazón, na ollada
de cada un dos meus irmáns e irmás!

Canto me custa tamén
dar sen esperar nada a cambio,
mesmo cando me fago servidor/a da xente máis pobre,
na casa, na comunidade, na asociación, no partido!

Lévame da man
--perdoa, xa sei que me levas,xa—
ata as fontes da gratuidade.
Lévame da man ata o corazón mesmo de Deus,
que ama sen agardar nada a cambio.
Lévame da man
ata a dita de dar sen esperar recompensa,
afinando o amor
pola forza e o gozo do mesmo amor.

Cando, Xesús, deixarei evanxelizar todos os meus comportamentos
e descubrirei a felicidade inmensa
de ser gratis en todo canto faga?

Grazas, Xesús,
pola fondura da túa proposta,
que me provoca e emociona.
Grazas.

Signo:

  • Diferentes imaxes nas que apareza a idea e experiencia de corpo, grupo, comunidade: un grupo de persoas, mans ensarilladas, a copa dunha árbore, un acio de uvas, ...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.