08 agosto, 2016

14 de agosto: Domingo 20º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 12, 49-53

Comentario:

Por esta vez Xesús vén poñer un punto de incomodidade no medio da nosa posible tranquilidade do verán, das vacacións. Aínda que, contando con que haxa moita xente doída pola situación política, social que estamos vivindo, haberá moitos que acollan estas palabras de Xesús como o que son en verdade: unha auténtica bendición, unha chamada a darlle cara á vida de forma valente e apaixonada, coas consecuencias que iso nos poida traer a nivel persoal, familiar, social.

Supoño que, en xeral, a todos e todas nos chocarán bastante estas palabras de Xesús, que falan de lume, de purificación, de apaixonamento, de tensións, de enfrontamentos, de divisións familiares. É frecuente que teñamos unha vivencia apracible da vida relixiosa, cristiá. O ideal cristián identificámolo moi a miúdo coa paz, coa tranquilidade, coa harmonía, co sosego. Que haxa paz, que non haxa conflitos, nin no interior de cada un de nós, nin no interior das familias, nin na sociedade. E non nos gustan nada xeralmente as persoas alborotadoras, conflitivas, as que crean divisións e enfrontamentos sociais. Parécenos que Deus nos dá a paz e nos chama á paz; e é certo, o mesmo Xesús nolo dicía: “Déixovos a paz, douvos a miña paz”, pero deseguida engadía tamén: “Eu non vola dou como o mundo a dá” (Xn 14,27).

Porque a paz pode ser unha paz falsa. A paz falsa pode ser o resultado obrigado dunha situación de dominio. Os que dominan, os que mandan, os que teñen o poder normalmente reclaman con insistencia esta paz: que esteamos quietiños/as, tranquilos/as, caladiños/as, soportando as cousas como están, que é como mellor están. Para eles, claro. A paz falsa pode ser tamén o resultado dun intento de construírnos como persoas desde nós mesmos exclusivamente, amarrándonos de forma dependente a moitas cousas de consumo, e desentendéndonos en cambio do grande aporte que nos poden dar outras persoas, familiares, veciños, veciñas, crentes, non crentes, desentendéndonos de Deus mesmo. Non hai paz sen humildade. Non hai paz sen comunidade. Por iso tantas veces, á hora da verdade, atopámonos sen paz, rotos/as, desconcertados/as, desesperados/as polo que nos acontece na vida: enfermidades, mortes, paro, rupturas familiares, etc.

Non hai paz da boa, da auténtica, sen conflito, parece que nos quere dicir Xesús. Non hai paz sen apaixonamento. Non se constrúe unha persoa sen pasar por etapas de crise, de enfrontamento, de tensión; pásanos a todos, a todas, na vida. Non se constrúe unha familia sen momentos de disensión, de choque de ideas e de planes; o problema non é discutir, o problema será facelo sen respecto e con actitudes dominantes. Non se constrúe e mellora unha sociedade adaptándose sempre ao que vén dado de vello, senón tirando polas cousas para adiante, descolocando a moitos/as, aos que normalmente están mellor colocados na situación; o malo será cando, coma no momento presente, se descoloca aos que xa estaban en situación de fraxilidade, para afundilos máis. Non se constrúe unha Igrexa, unhas comunidades cristiás novas, sen que haxa conflito, sen que haxa “lío”, como dicía e pedía o Papa Francisco.

O “lío” é bo, pode ser bo, necesario, imprescindible. O conflito pode ser bo, necesario, imprescindible. Dínolo Xesús. Xesús foi un “liante”, aínda que nos custe dicilo e aceptalo. Xesús foi unha persoa conflitiva, aínda que nos custe tamén dicilo e aceptalo e esteamos constantemente rebaixando ao mínimo este aspecto sobranceiro de Xesús. Foi un “liante” apaixonado, desde o amor, desde a solidariedade, desde a dor pola sorte da xente máis débil e marxinada, desde o lume prendido no seu corazón polo lume grande de Deus que el veu traer á terra. E Xesús invítanos a entrar nesta vivencia apaixonada da existencia humana, da vivencia relixiosa.

A celebración eucarística é un espazo de paz e de concordia, un espazo de comuñón. Pero un espazo tamén no que resoa con forza a memoria do Xesús conflitivo, morto, asasinado polos poderosos, e resucitado por Deus. Un espazo provocativo, como provocativas eran as palabras de Xesús. O lema do cristián non é fuxir do conflito, senón integrarse nel, se fai falla, e con forza, con paixón, para que o pan, a paz, o respecto, a consideración, os dereitos cheguen por igual ás casas de todos os veciños e veciñas. E a iso nos convida Xesús, apaixonadamente tamén.

Preces:

QUE NOS DEIXEMOS, XESÚS, EVANXELIZAR POR TI

  1. Para sermos contigo persoas mansas e humildes, pero tamén valentes e arriscadas. Oremos.
  2. Para sermos contigo xente de paz e xente de conflito, non por desequilibrios propios, senón polo empuxe do Espírito en nos. Oremos.
  3. Para non calar contigo ante calquera inxustiza que se dea ao noso redor, e implicarnos en todo o que ampara á xente máis débil. Oremos.
  4. Para sabermos, coma ti, expresar as nosas ideas e convencementos sen medo, dispostas a dialogar, pero sen deixarnos amedrentar. Oremos.
  5. Para contribuír contigo ao cambio necesario na nosa parroquia, na comunidade cristiá, na Igrexa, de xeito que a Boa Nova de Deus alede e renove a xente toda e a encha de esperanza para a vida. Oremos.


Pregaria:

AO SOL DE DEUS

Ponte ao sol de Deus.
Deixa que te quente,
que te avive,
que te queime.

Os seus raios
chegan a ti de mil maneiras,
por mil camiños diferentes,
insospeitados,
gratuítos,
sempre envoltos no silencio.

Non teñas medo,
non uses protectores solares,
non busques sombras,
non uses cremas.

Déixate quentar,
déixate ferir por Deus.
Que che arda a pel,
o corazón,
as entrañas,
ata que Deus sexa
lume vivo en ti.

Ponte ao sol de Deus,
placidamente.
Exponte a Deus
humildemente,
valentemente.

“Lumen vin traer á terra,
e que máis quería eu
que estivese a arder” (Lc 12, 49).


Signo:
  • Rostro de Xesús
  • Algunha imaxe de conflito social.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.