13 xullo, 2016

Oración da mañá en Sobrado


Sobrado, 11 xuño 2016


ORACIÓN DA MAÑÁ


1.- Momento de silencio interior integrador.

Canto:

QUE BEN SEI EU DA FONTE / QUE MANA E CORRE, / ANQUE É DE NOITE.
  1. Esta viva fonte estouna vendo / na túa voz calada, no silencio / Anque é de noite.
  2. Que fonte máis preciosa nos amosas / alí na xente pobre onde ti moras / Anque é de noite.

2.- Salmo 63 (62) (Versión oracional á luz do Evanxeo)

Deus, meu Deus, por ti madrugo,
de ti ten sede a miña alma;
por ti devece o meu corpo,
en terra reseca, sedento e sen auga.

Miro cara a ti no corazón da vida,
para ver o teu poder e a túa gloria.
O teu amor é mellor ca a vida,
lóante os meus labios;
toda a miña vida te bendigo
e levanto no teu nome as miñas mans.

Como na maior das abundancias,
estou satisfeito,
con labios alegres lóate a miña boca.
No meu leito relémbrote,
nas vixilias de noite penso en ti.

Ti es o meu auxilio,
á sombra das túas ás estou contento;
a ti está unida a miña alma,
a túa dereita é o meu apoio.

Os que queren a miña ruína
fracasarán no seu intento;
oxalá se decaten e cambien,
para que o mal non devore as súas vidas.

En Deus alégrase o seu pobo,
atopa contento quen se apega ao seu nome,
e teñen que calar os mentireiros


3.- Buscando boas compañas

Estamos retirados en Sobrado, buscando que o amor, todo o que é amor, envolva e empuxe as nosas vidas. Para non parcelar o campo do amor, deixamos que se fagan presente no noso retiro persoas, grupos, pobos, feitos, situacións nas que Deus se nos ofreza para fortalecer o noso amor.

Rematamos este tempo rezando xuntos/as, coas mans unidas, o NOSO PAI/NAI. E dámonos uns bicos de paz.


.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.